Presencia / Europa
O cambio austriaco
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 31/01/2000)
Dun momento a outro pode consumarse a participación da extrema dereita no goberno austriaco.
O irresistible ascenso de Jörg Haider, líder do Partido Lideral Austriaco é, cando menos, espectacular. En marzo pasado acadaba o 42% dos votos nas eleccións parciais celebradas no Estado de Carintia, fronteirizo con Eslovenia e Italia, convertíndose na primeira forza electoral desa demarcación, a gran distancia do Partido Socialdemócrata e do Popular. Nos comicios europeos de xuño, os liberais reciben un novo impulso ata obter un 24% dos votos emitidos; e nas lexislativas de outubro acadan a segunda posición, pasando por diante da formación democristiana de Wolfgang Schüssel. Dende entón, hai catro meses, os principais partidos democráticos son incapaces de acadar un acordo para formar goberno, recreando a mesma fórmula da “gran coalición” que ven gobernando Austria dende hai trece anos.
Non resulta doado para ninguén explicar como un país de tan “elevada cultura”, como non hai moito afirmaba o líder socialdemócrata Viktor Klima, próspero e acomodado, pode cair na trampa do populismo. Ben se mira que non hai vacina infalible contra esta cegueira.
Despois de verse na obriga de presentar a súa dimisión por defender no propio Parlamento de Carintia a política laboral da Alemania nazi, alguén podería imaxinar que Haider moderaría o seu discurso, procurando certo edulcoramento das aristas máis ferintes da súa mensaxe, inclusive pensando unicamente en atemperar os moitos medos exteriores. Pero non, a mensaxe racista e abertamente xenófoba persiste con nitidez e mesmo foi a pedra de toque durante toda a campaña electoral de outubro último. Haider fartouse de repetir o seu “Stop á estranxeirización”. Con cinismo, os dirixentes “liberais” respondían ás críticas asegurando que o seu non é un partido de extrema dereita senón que está ubicado no lado extremo da dereita.
Schüssel, líder cristianodemócrata, esqueceu xa a súa promesa de pasar á oposición se obtiñan menos votos que o partido de Haider, e nada quer saber de recrear a fórmula da “gran coalición” que gobernou o país nos últimos catorce anos. ¿Confía o Partido Popular en domesticar a Haider coas trécolas da acción gobernamental? O risco é grande. Máis que controlar dende dentro as súas extravagancias políticas, pode verse pillado polo seu impulso.
O de Austria non é o único caso na rexión. En Suiza, nos comicios de outubro, a ultradereita da Unión Democrática do Centro, convertiase no partido máis votado e na terceira forza parlamentaria. Dende entón, participa por dereito propio no Consello Federal suizo.
Probablemente en ambos os dous casos existen motivos similares que explican tan lamentable fenómeno político, causas relacionadas coa perda de referentes orixinada pola desaparición do mundo bipolar, coa presión exercida polas dinámicas de ampliación da Unión Europea e coa fraxilidade dunhas fronteiras que a duras penas poden impedir o avance desa inmigración que dende o Leste procura o natural acceso a maiores niveis de dignidade humana, riqueza e benestar.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000