Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia


O Kursk afunde máis a Rusia
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 20/08/2000)

Foi a indignación e a presión social quen obrigou a Vladímir Putin a variar o rumbo das decisións tomadas a respecto das operacións de rescate do submarino afundido no Ártico. A súa frialdade ante o desastre soamente é comparable ó orgullo expresado nesa decisión primeira de rexeitar toda axuda exterior: ¡bastámonos sós!. Con independencia de cal sexa o desenlace final deste accidente, ninguén terá a menor dúbida de que se puido facer máis e máis rápido para socorrer a tripulación atrapada. Entra dentro do posible que coa axuda nada se alterase, pero cando menos evidenciaríase ante os familiares e a opinión pública, nacional e internacional, que se estaba a facer todo o posible para salvar as vidas dos náufragos. Despois do acontecido en Chernóbil e en tantos desastres menores, o cuestionamento da capacidade de resposta, tecnolóxica e organizativa, da Administración rusa semella procedente.

Pero o Presidente ruso primou unha mal entendida salvagarda desa caricatura de poder que actualmente é o seu país sobre a protección da vida dos seus cidadáns. Na actitude do Kremlin e dos propios mandos militares predomina aínda a inercia do secretismo, pero probablemente tamén tanta descoordinación, anarquía, e incompetencia como para esforzarse por ocultala por medo ás consecuencias. Como en tantos outros dominios, tamén aquí esa imaxe case mítica que tiñamos da URSS non se corresponde coa realidade, máis aínda dez anos despois dunha política de esmorecemento intencionado das capacidades dos seus Exércitos. O accidente do Kursk é unha evidencia inoportuna que cuestionará boa parte do poder nuclear e da estratexia naval rusa, pero sobre todo esnaquiza esa idea, tan querida por Putin como marca do seu mandato, dunha Rusia o suficientemente forte como para ser autónoma e capaz para resolver todos os seus problemas sen axuda -nen incomodo- de ninguén.

A par dese ridículo orgullo nacional poscomunista, na actitude do Kremlin pesan as inercias do pasado. Certo que a guerra fría pasou e, de feito, hoxe podemos contemplar ao ex-camarada Alexander Pobozhy, subxefe do Estado Maior das forzas navais de Rusia, na sede da OTAN, en Bruxelas, para informar do accidente ós mandos da Alianza, pero a cultura da cooperación e a solidariedade non substituíu aínda esa outra tradición que ve no exterior un rival que basicamente aspira a tirar proveito das propias feblezas e desgracias.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/08/2000