PresenciaVolver ó índice / Rusia


O novo isolacionismo ruso
Por Carlos Méixome (A Nosa Terra, 16/12/1999)

A permanente confrontación entre a atracción por occidente, nomeadamente polo envexado desenvolvemento económico, e as reservas temerosas ante a perda dos sinais de identidade nacional é unha das constantes históricas rusas. A tensión entre as tendencias “eslavistas” e “occidentalistas” estivo presente , con maior ou menor intensidade e cunha ampla gama de matices, nos momentos cruciais da súa historia. As dimensións inabarcábeis do imperio, coa maior parte do corpo en Asia máis coa cabeza e os ollos mirando ao Atlántico, fai que calquera movemento semelle máis un bandazo incontrolado que unha resposta asisada.

A occidentalización, moitas veces forzada, veu seguida case sempre de etapas de concentración interna. Así aconteceu logo das reformas de Pedro, da hipócrita “Ilustración” de Catarina II ou da aventura europea de Alexandre I. O século XIX foi un longo período de reclusión que se estendeu ata a Gran Guerra, os grandes creadores (novelistas, músicos e pintores) deste período deixáronnos brillantes mostras da angustia orixinada pola tensión entre a fidelidade ao “ser” ruso e o rexeitamento daqueles trazos que consideraban causa do atraso político, cultural e económico. Xa neste século que remata os bolxeviques serían os grandes occidentalizados da vida rusa, mudaron radicalmente a estructura económica mais tamén a mentalidade dos rusos. Despois de 1945, cando a Unión Soviética se converteu na “outra” superpotencia as súas responsabilidades mundiais aumentaron aínda máis as relacións co exterior.

Os primeiros anos da Rusia de Ieltsin foron dunha pasmonearía interesada a respecto de occidente. Aceptouse a victoria de occidente mentres fose útil para manterse no poder, imitouse o modelo político nas formas de presidencialismo menos democrático e implantouse o capitalismo máis brutal para facilitar a rápida acumulación de riquezas por parte das elites reconvertidas.

Mais o prooccidentalismo comezou a decaer tras a quebra financeira de agosto do pasado ano. O goberno depreciou o rublo nun 50% e conxelou durante 90 días o pago das débedas. O presidente acostumado a actuar a gadoupadas, destituíu a Kiriienko, un mozo inexperto que tiña de primeiro ministro e pretendeu restituír a Chernomirdin ao seu vello posto. Ao caos financeiro sumouse a irresponsábel actuación do círculo presidencial. A actividade política foi febril, os principais dirixentes reuníronse en repetidas ocasións, mesmo se insinuou que o presidente ía presentar a dimisión ou cando menos ceder parte dos seus excesivos poderes ao goberno. Nos primeiros días de setembro Chernomirdin foi rexeitado por dúas veces pola Duma ao tempo que se celebraba un encontro entre Ieltsin e Clinton, con Albraigth e Primakov entre bambolinas. Finalmente á corte de Ieltsin non lle quedou máis remedio que aceptar a Primakov como primeiro ministro, era a personalidade que maior consenso reunía: aceptado polos comunistas e pola Duma e admitido por occidente como un mal menor.

Os apoios occidentais non se pecharon e as axudas a través do FMI continuaron tras os compromisos de Primakov de controlar o “capitalismo de bandidos”, manter as reformas económicas e comezar en serio coa recadación de impostos. Ieltsin semellaba definitivamente afastado e non por razóns de saúde senón por que os círculos financeiros occidentais deixaran de confiar nel. Nalgúns medios comezaron a aparecer insinuacións de corrupción que afectaban a membros da corte presidencial, coñecida como “A Familia”, das que se tiraba a lóxica consecuencia de que si se pretendía limitar o “capitalismo de bandidos” cumpría comezar polo Kremlin. Os escándalos sucédense, as denuncias do fiscal Skuratov son cada vez máis consistentes e o debate político comeza a centrarse en que facer con Ieltsin cando teña que abandonar a presidencia. Case todos os sectores políticos amosasen dispostos a facerse o parvo con Ieltsin mais non coa corte presidencial. Mesmo o poderosísimo Berezovski séntese ameazado e auto exiliase a Suíza ao tempo que é sinalado en círculos financeiros occidentais como “padriño” da mafia rusa. Dende este país xurdirán denuncias de corrupción que implican directamente ao presidente e á súa filla e conselleira Tatiana.

Durante os meses nos que Primakov ocupou a xefatura do goberno a presión occidental sobre o que en terminoloxía soviética se denominaba “estranxeiro próximo” non deixou de ir en aumento. O 13 de marzo de 1999 a OTAN ampliase coa integración de Polonia, Hungría e a República Checa. O 25 do mesmo mes a OTAN bombardeaba Iugoslavia e as accións de castigo non se deterían ata o 11 de xuño. O descontento nos ámbitos políticos moscovitas era evidente e os xefes dun exercito que durante setenta anos estivera disciplinadamente sometido ao poder político, comezaban a dar mostras dun excesivo protagonismo e a expresar abertamente opinións políticas sobre o papel de Rusia, a prepotencia occidental e a “liña vermella” que non se podería atravesar: a integración na OTAN das repúblicas ex soviéticas, en clara referencia ás bálticas.

Ieltsin volvía a rexurdir, o 13 de maio despedía a Primakov e facía fronte ás pretensións dos comunistas e aliados de que a Duma iniciase o proceso de destitución baixo as acusacións de golpismo (ataque ao Parlamento en outubro de 1993) e xenocidio (guerra de Chechenia de 1994-96). Neste ambiente é no que mellor se move a corte presidencial que soubo atar en corto aos deputados baixo a ameaza da disolución anticipada. A proposta foi derrotada e a Duma tivo que aceptar ao novo primeiro ministro Stepashin, quen representaba aos militares que fracasaran en Chechenia e considerábanse humillados polo tratado negociado por Liebed en agosto de 1996 que puxera fin á primeira fase da guerra.

A recomposición nos círculos de influencia do Kremlin estaba en marcha. Berezovski retornaba a Moscova, recuperaba un papel protagonista e ía elaborando unha nova táctica para asegurarse tanto a súa supervivencia política como dos imperios económicos amasados por el e os seus aliados nestes anos. A estratexia deseñada por Berezovski consiste en deter as relacións con occidente, recuperar as ansias imperiais rusas, fomentar o antisemitismo e a xenofobia contra os caucásicos, e gañarse o favor dos xenerais. O círculo do Kremlin púxose mans á obra e logrou aglutinar en torno a súa política “illacionista” a amplos sectores das elites dirixentes rusas. Non o tiña tampouco complicado, só bastaba con inculpar a occidente no desastre económico, manifestarse ofendido pola humillación no Kosovo, recuperar a linguaxe imperial da Gran Rusia e permitirlle aos xenerais lavar a afronta chechena ao tempo que se creaba a causa nacional-imperial que permitise unha aparente recuperación moral e silenciase á oposición.

Só cumpría prender a mecha. Semella que Stepashin era demasiado escrupuloso coa legalidade e o 10 de agosto Ieltsin destitúe ao primeiro ministro e nomea ao descoñecido Vladímir Putin a quen presenta ademais como o seu sucesor no Kremlin. Dende o primeiro momento o novo xefe do goberno amosase partidario de conxelar as relacións con occidente e recuperar a iniciativa no Cáucaso onde se centran os intereses das grandes petroleiras. Moscova sábese xa ao marxe dos “contratos do século” que Bakú ten asinado coas compañías occidentais e que o petróleo e o gas circularan por territorio de Turquía a quen a UE lle acaba de abrir as portas. O control das terras chas chechenas presentábanse como imprescindibles para Moscova si pretendía controlar o oleoducto e o gasoducto que as atravesa, así como o complexo petroleiro de Grozni, ou o que quede do mesmo.

Inmediatamente sucédense estraños acontecementos dos que aínda hoxe carecemos de explicación razoable: a incompresible acción dos wahabíes de Basáiev no Daguestán e os atentados terroristas do verán en Moscova que serviron de desculpa para iniciar a guerra.

Segundo ascendía a imaxe de dureza imperial de Putin descendían as posibilidades electorais do dúo Luxkov-Primakov que se vían sometidos a un furibundo ataque por parte da ORT, a TV de Berezovski, da que a penas os podía defender a cadea do seu aliado e presidente da comunidade xudía, Gusinski. Mentres, os xenerais deseñaban, segundo o modelo da OTAN, o ataque a Chechenia; emprego masivo da artillería e aviación para evitar o corpo a corpo que podería causar un número excesivo de víctimas entre os soldados rusos. Non querían que se volvesen a producir as patéticas escenas de 1995 cando as nais dos soldados se desprazaron a Chechenia para rescatar aos seus fillos presos.

Nos días pasados ergueuse un novo piar desta estratexia “eslavista” ao asinarse o tratado, en gran parte secreto, entre Bielorrusia e a Federación Rusa no que se deseña unha confederación a establecer nun prazo de cinco anos. Ao día seguinte, Ieltsin desprazouse a Pequín para recibir o apoio de Zemin no seu combate contra o terrorismo e o separatismo no Cáucaso Norte, á espera de apoios similares ante unha pertinaz resistencia taiwanesa á política de “dous sistemas, un país”, e pronunciarse conxuntamente a prol da multipolaridade en clara advertencia a Washington.

O circulo presidencial afronta as parlamentarias do domingo 19 cunha tranquilidade que non imaxinaban hai uns poucos meses. As enquisas sitúan ao bloque “Unidade”, liderado polo incombustíbel Ministro de Situacións de Emerxencia Serguéi Shoigú, á altura de Patria-Toda Rusia de Primakov, ambos a bastante distancia do Partido Comunista. De ser así, Putin tería moitas posibilidades de acceder á segunda volta nas presidenciais e derrotar a Ziugánov. O post-ieltsinismo seguiría dirixido polos mesmo sectores que hoxe dominan a administración presidencial.

Carlos Méixome, membro do IGADI e coautor de Rusia, das orixes á crise dun modelo. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/12/1999