Presencia-Opinión / Balcáns
|
Pulso Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 21/12/2000) |
A coalición que derrotou a Milosevic no pasado mes de setembro comparece unida aos comicios lexislativos
do próximo sábado en Serbia, pero está rota. As diferencias entre os principais líderes,
Kostunica e Djindjic, van en aumento. As enquisas revelan a popularidade do primeiro. Zoran Djindjic non pasa do
2 por cento, por detrás do ultra Seselej. A cambio da paz preelectoral, o actual líder do Partido
Democrático conseguiu o compromiso de Kostunica de nomealo primeiro ministro despois dos comicios. Kostunica
obtén a recuperación do control das empresas públicas e a presencia federal no diálogo
entre Serbia e Montenegro sobre o futuro da Federación. Case todo está decidido. Se as contas non
fallan, as eleccións son puro trámite, pero no pulso subterráneo todo pode pasar. A posición de Kostunica é cada vez máis incómoda. Djindjic, consciente de que o poder real está nas Repúblicas e non na Federación, pensa en gañar a partida final dende o goberno serbio. Ademáis conta cunha maior receptividade das potencias internacionais que non acaban de dixerir o antiamericanismo de Kostunica e a súa maior identificación cos intereses nacionais serbios. Con Djindjic é máis doado negociar. En Montenegro, os partidarios da independencia tamén avogan por Djindjic porque para asegurarse o control total da situación precisa destruír a Federación, o único sustento con que conta Kostunica a quen xa se lle vaticina un final semellante ó de Gorbachov en 1991. Djindjic ven a ser o Ieltsin dos Balcáns. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2000
|