Presencia-Opinión / Nacionalismos
San Patricio só trouxo boas palabras
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 21/03/2000)
A pasada fin de semana todos os lideres políticos do Ulster trasladáronse a New York. Quen pretendese representar algo na provincia británica do Norte de Irlanda tiña que estar presente na “marcha verde” pola Quinta Avenida. Aínda que se lle atragoase a bandeira tricolor e os himnos patrióticos irlandeses. Todos se desprazaron á “gran mazá” (Hume, Trimble, Adams, Mandelson, Bertie Ahern, Seamus Mallon) ata os que non estaban oficialmente convidados (Paisley).
O presidente William Clinton fixo un último esforzo para desbloquear o proceso de paz e puxo de manifesto a súa tristeza por un parón que dixo non comprender, mesmo insinuou a súa disposición de actuar nun futuro como mediador, cousa á que lle semellan ter collido gusto os expresidentes USA.
De tanto rebumbio só saíron unhas tímidas palabras de Trimble sobre a posibilidade de retomar o goberno autónomo con participación do Sinn Fein si é quén de convencer, cousa pouco doada, ao seu partido na reunión do próximo sábado.
Londres optou por salvar a Trimble e tirou pola borda os esforzos de moitos meses. O IRA retirou a proposta que o xeneral De Chastelain tiña avaliado como positiva. Británicos, unionistas, republicanos e nacionalistas quedáronse sen nada. Segundo pasan os días todos se decatan que compre recuperar o Acordo de Venres Santo, a dificultade está en como. O 22 de maio acércase e o desarme, que os unionistas tentaron forzar para obter unha victoria política, está agora moito máis lonxe que a principios de febreiro.
Os xestos de Londres (retirada de 500 soldados, posta en liberdade dos presos e aprobación da Lei de reforma da policía) e as boas intencións de Trimble non semellan suficientes. ¿Cómo xustificar un regreso ao goberno autónomo ante os sectores máis radicais do UUP?. Trimble seica o vai intentar o próximo sábado, veremos o que consegue. Mentres, Ian Paisley, líder dos unionistas opositores ao Tratado de Stormont non deixa de premer e tamén estivo en New York aínda que só conseguiu ser recibido polo senador ultraconservador, Jesse Helms.
Clinton reuniuse cos demais, tratounos de convencer da necesidade de reinstaurar o goberno autónomo a cambio das garantías do Sinn Fein sobre o desarme. Mais Gerry Adams repite unha e outra vez que está farto de andar de recadeiro entre uns e outros e non conseguir nada e que dende logo a data do 22 de maio deixou de ser relevante.
O IRA considera que é suficiente co seu compromiso e non está disposto a ningunha entrega de armas que poida ser interpretada como unha rendición. Se eles teñen o seu exercito nos temos o noso, din.
Mentres sigan a falar a esperanza non está perdida e o pasado venres e sábado continuarono facendo aínda que fose por medio de Clinton. Máis preocupantes son os movementos entre os disidentes do IRA, en Belfast son moitos os que esperan, un día ou outro, unha bomba.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/03/2000