Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia


Secesión no Cáucaso
Por Xulio Ríos (artigo publicado no Anuario CIP 1996)

O Cáucaso tradicionalmente serviu de escondite seguro tanto a agresores como a agredidos, intervintes todos nos numerosos conflictos que se sucederon nesta zona ó longo dos séculos. En derradeira instancia, esta é a razón que explica a enorme diversidade de pobos e de lingoas que nela existen.

Despois da Revolución de Outubro, rusos e ucranianos acudiron a Chechenia atraídos polos xacementos petrolíferos de Grozni. Por aquel entón os chechenos aínda constituían unha sociedade practicamente feudal, cos seus clans e noblezas, moi alonxados da modernización económica e social que Moscova pretendía exportar. Os bolcheviques suprimiron en 1920 o emirato do Cáucaso Norte no que os chechenos participaban xunto a outros pobos da zona. Integrados en Rusia, esperanzados pola política de nacionalidades de Lenin, foron organizados inicialmente nunha República Soviética das Montañas –Gorskaya ASSR–; máis tarde como unha rexión autónoma –30 de novembro de 1922–; e o 15 de xaneiro de 1934 Stalin os uniu a Ingushetia nunha soa rexión autónoma, que pasou a ser república o 5 de decembro de 1936. As súas vicisitudes administrativas non se acaban ahí. En 1944 Stalin decidiu suprimir esta república en represalia pola presunta “colaboración masiva” de ambos pobos cos invasores alemans. Uns 400.000 chechenos foron deportados a Asia Central. O seu territorio e os seus recursos foron distribuidos entre os pobos veciños e os novos colonos rusos.

En 1957 foron perdoados no marco das rehabilitacións impulsadas por Nikita Jruschev. Nese mesmo ano restableceuse a República de Chechenia-Ingushetia –o 9 de xaneiro de 1957–. A partir de entón a súa evolución na URSS en pouco se diferencia das demais comunidades nacionais non rusas, con esporádicos enfrontamentos cos grupos que foron asentados na súa terra despois da deportación e que, ó seu regreso, negaronse a abandoala. A principios dos anos 80 producironse enfrontamentos entre chechenos e ingushes. O Kremlin enviou tropas á zona e en máis dunha ocasión os tanques circularon polas rúas de Grozni.


A era Gorbachov

Nos primeiros anos da perestroika, producironse en Chechenia tímidos cambios impulsados segundo os contidos e ritmos marcados desde o Kremlin, pero que non revestían particularidades específicas nin por suposto alternancias no exercicio do poder. Doku Zavgáiev, primeiro secretario do PCUS, era o principal home forte da república. Participantes da Asociación dos Pequenos Pobos, organización fundada en 1988 pola deputada Norilsk Uxía Gaier, no último período do mandato de Mijaíl Gorbachov, os chechenos impulsaron a formación da chamada Confederación dos Pobos Montañeses do Cáucaso (CPMC), unha organización de carácter pancaucásico que, moi rápidamente, experimentou unha brusca evolución dende unha simple asociación cultural ata unha formación básicamente política e dotada de milicias armadas. A CPMC desempeñou un importante papel non soamente nos conflictos do Cáucaso Norte senón tamén da Transcaucasia.

A finais de 1990, Chechenia apuntouse ó rexurdir nacionalista e proclamou a súa soberanía. Os dirixentes locais esixiron de Moscova o recoñecemento da súa condición de república federada. Pouco despois constituiuse o denominado Congreso Nacional do Pobo Checheno, presidido por Dzhojar Dudáiev, un militar soviético de alta graduación que regresara a Chechenia despois de servir en Afganistán e exercer de comandante en xefe da base dos bombardeiros estratéxicos nucleares de Estonia (entre 1987-1990).


Chechenia contemporánea

O fracaso do golpe de agosto de 1991 na capital soviética provocou outro golpe, esta vez trunfante, en Grozni. Doku Zavgáiev, presidente do Soviet Supremo de Chechenia-
Ingushetia, respaldou o pronunciamento do Comité de Emerxencia, pero non asi Dudáiev. o 15 de setembro, co visto e prace de Moscova, que vislumbraba a ocasión de librarse da vella guarda, o Congreso Nacional do Pobo Checheno ordenou a disolución da Parlamento, destituiu o seu Presidente e creou un Consello Supremo Provisional que asumiu o poder ata a celebración de eleccións. Non houbo resistencias.

As eleccións celebraronse o 27 de outubro de 1991 e Dudáiev obtivo o 85 por cento dos votos emitidos. O 1 de novembro, Chechenia proclamaba a independencia. Os ingushes decidiron non participar nos comicios. En Moscova, o Kremlin non recoñeceu carácter legal nin á convocatoria nin ós seus resultados. A primeira reacción do presidente ruso -ata entón firme defensor das proclamacións de soberanía de todos os pobos, sempre que resultaran útiles para debilitar o poder central que representaba Gorbachov- foi a de establecer o estado de emerxencia. Pouco despois, a orde foi anulada polo Parlamento, coa fin de evitar un enfrontamento aberto cos líderes chechenos.

A segunda consecuencia inmediata é o éxodo dos rusos residentes na rexión, nunha proporción difícilmente calculable e que algúns cifran entre 45.000 e 240.000 persoas. A terceira, a separación de Chechenia e Ingushetia, producindose algúns incidentes entre ambas comunidades debido a desacordos no reparto dalgúns territorios que aínda hoxe non foron definitivamente resoltos. A partir de entón, Moscova, cada vez máis condicionado polas súas loitas internas, consciente da inoportunidade de abrir novas frontes de conflicto, asume a inevitabilidade de certa tolerancia, e deixa que o conflicto simplemente apodreza ata mellor ocasión.

Dudáiev presidiu a república secesionista dende 1991. Como Borís Ieltsin, partidario do presidencialismo forte, tan de moda nese tempo en toda a orbe poscomunista, exerce o poder de forma nítidamente autoritaria e personalista. En xuño de 1993 disolveu o Parlamento e provocou a dimisión do Goberno. Unhas semanas antes, “no colmo da osadía”, os deputados acordarn a súa destitución e o nomeamento de Iarangi Mamodaiev como primeiro ministro. Dende entón o país funciona sen Parlamento e a ausencia de mecanismos institucionais para resolver a crise política abre paso á dialéctica das armas, que pouco a pouco dexenera nunha verdadeira guerra civil.

En maio de 1993 os enfrontamentos armados trasladanse ó centro de Grozni. Tres distritos da capital proclaman a súa lealdade á oposición. Dudáiev envía as súas milicias para recuperar o control destas zonas e, ó mesmo tempo, coa fin de contrarrestar as acusacións de dictador, anuncia a celebración de eleccións lexislativas en 1995 e as presidenciais en 1996. Nun atentado, dirixido contra él, falece o seu ministro do interior. As forzas de Labazanov fanse co control dalgunhas zonas do país e da ruta que une Grozni e Baku. As rivalidades entre Mamodaiev e Avturjanov dividen á oposición acerca do futuro despois de Dudáiev.

En agosto de 1994, tres meses antes da intervención rusa, Dudáiev controla Grozni e a oposición seis distritos de trece. Ante a intensificación dos combates, decreta a mobilización total, e comeza un novo éxodo de refuxiados. O gran muftí prohibe ós musulmans que tomen as armas, coa fin de evitar un baño de sangue. En outubro e novembro os combates acentúanse en Grozni, Urus-Martán e outros pequenos pobos. A oposición, a punto en varias ocasións de acadar o seu obxectivo, debe retroceder cando contraatacan as forzas de Dudáiev, que permanece atrincheirado no palacio presidencial.

A oposición conta con apoio financeiro e material de Rusia, pero ata a acción do 25-26 de novembro non se materializou unha implicación directa de tropas nos enfrontamentos. O fracaso deste pretendido “empurrón” abre o camiño para unha intervención directa.


A economía recente

A base económica de Chechenia xira arredor de dous piares fundamentais: o binomio petróleo-gas e a agricultura. A escasa diversificación da súa industria e a súa configuración nunha perspectiva soviética, fanna moi vulnerable e dependente de Rusia e das repúblicas veciñas. As súas posibilidades reais dun desenvolvemento autónomo que non contemple acordos ou relacións estables coas demais capitais do Cáucaso e, sobre todo, con Moscova están severamente condicionadas. O artellamento de novos mercados con outros Estados tampouco se presenta fácil debido a que estos sempre privilexiarán as súas relacións coa Rusia. Chechenia difícilmente pode resultar suficientemente atractiva como para xustificar a adopción de políticas pouco amistosas con Moscova.

Perto de Grozni atopanse os principais xacementos petrolíferos. Polas súas reservas e nivel de producción desempeñaron no conxunto de Rusia e no pasado un papel de primeira orde. Sen embargo nos últimos anos apenas destacaban. En 1991, por exemplo, as pouco máis de catro millóns de toneladas extraídas non acadaban o 1 por cento da producción total do Estado. En 1996 a cifra baixou ata as 2,6 millóns de toneladas. Na producción de gas, a situación é similar. Os 1.300 millóns de mtros cúbicos extraídos en 1993 supoñen o 0,2 por cento da producción total de Rusia.

Arredor destes recursos estableceuse un gran complexo petroquímico, hoxe por hoxe determinante do presente e futuro industrial de Chechenia. Antes da guerra ruso-chechena o seu nivel de utilización estaba moi por debaixo das pposibilidades reais. A súa capacidade de transformación ascende a 14 millóns de toneladas/ano e sen embargo en 1993 soamente transformou 3,4 millóns de toneladas. As causas directas desta situación son inseparables da caída da producción na propia república pero tamén da negativa doutras empresas a subministrar hidrocarburos, debido á inestabilidade e inseguridade política, e ó xa citado éxodo da poboación rusa maioritariamente vencellada á industria petroleira. Para mellorar as condicións de explotación, as súas instalacións industriais esixen cuantiosos investimentos. Moitas foron derivadas e manipuladas para satisfacer o comercio ilegal de hidrocarburos.

Nun clima xeral de indisimulable anarquía (ampla circulación de moeda falsa, ocupación de terras pola forza, formación de grupos de autodefensa, incapacidade de Grozni para controlar a totalidade do territorio checheno, etc) é facilmente comprensible que o investimento exterior e concretamente occidental, sexa practicamente inexistente.

A exportación ilegal de petróleo, e o comercio ilegal de armas e drogas converteronse nos principais factores de acumulación capitalista neste país. Tanto é asi que incluso algunhas sociedades de probada traxectoria en turbios negocios, como a secta xaponesa Aoum, non dubidaron en establecerse na zona. O nivel de producción reduciuse de maneira drástica, desapareceu o sistema de pensións, apenas funcionan algúns servicios sociais, o sistema bancario está totalmente desorganizado, pero as mafias están en pleno auxe. Os grupos mafiosos son os que máis se beneficiaron da destrucción do sector público e, segundo algunhas fontes, a economía chechena quedou baixo o seu control. O bloqueo imposto polas autoridades rusas prexudicou considerablemente a economía chechena, pero sobre todo agravou a penuria xeral beneficiando as redes alternativas improvisadas polos grupos criminais.


Os problemas medioambientais

As características económicas desta República anteriormente descritas, en especial a actividade dese complexo petroquímico nas inmediacións da capital do país, vaticinan problemas medioambientais de gran calado. Pero non se dispón actualmente dun inventario suficientemente amplo, pormenorizado e contrastado, máis alá das protestas contra a construcción dun complexo bioquímico en Gudermés, animadas por unha fronte popular constituida en 1988, nos inicios da reforma política gorbachoviana.

Nas primeiras semanas da guerra foron bombardeados os depósitos da refinaría de Grozni. Milleiros de toneladas de crú que estaban almacenadas foron pasto das lapas. A catástrofe ecolóxica pudo adquirir dimensións gravísimas, de extenderse o lume a un depósito que almacenaba 30 toneladas de amoniaco. Pero é tamén unha ameaza permanente debido ó mal estado das conduccións. Segundo testemuños presenciais, a contaminación da auga nos núcleos urbans impide a súa utilización para os usos máis comúns e habituais.


Defensa

Proclamada a independencia, quizáis pola propia condición castrense de Dudáiev ou como consecuencia da necesidade de afirmar a contundencia e irreversibilidade do proceso, as autoridades chechenas decidiron, con carácter inmediato, a adopción de diversas medidas destinadas a crear un Exército propio. En maio de 1992, a mesma Federación Rusa que negaba lexitimidade ós dirixentes chechenos asinou con eles un acordo polo que se aceptaba a retirada das tropas rusas estacionadas na zona e a distribución, a partes iguais, dos arsenais disponibles no seu territorio. Algunhas fontes sinalan que todo aquel armamento quedouse en Chechenia.

Pero ademáis, ben sexa co obxecto de destinalas simplemente ó tráfico ilegal -na propia Bosnia atopouse armamento procedente de Chechenia- ou en prevención dun conflicto aberto con Rusia, Dudáiev adquiriu numeroso armamento en Xeorxia, Rusia e nas veciñas repúblicas do Cáucaso norte. Segundo inventario do propio Exército ruso, pouco antes de iniciarse a guerra, Chechenia tiña á súa disposición un elevado número de avións (unhas 200 unidades, aínda que non todas operativas debido sobre todo ó reducido número de pilotos cualificados) e helicópteros, carros de combate, pezas de artillería, gran cantidade de lanzagranadas, de ametralladoras e fusís, unhas 20.000 granadas de man e ata 15 millóns de balas, entre outro material. A aviación foi practicamente destruída na súa totalidade nos primeiros días da intervención rusa.

Á súa vez, abríanse escolas militares e eran mobilizadas as persoas en idades comprendidas entre os 15 e os 55 anos. Para a defensa da capital, Dudáiev podía contar con 1.500 homes armados e con outros 2.500 nos arredores. En total, segundo cálculos bastante aproximados, a finais de decembro de 1994, os efectivos do seu Exército ascendían os 5.000 homes. A medida que se desenvolve o conflicto a resistencia organizase e nos núcleos de reserva podían participar ata unhas 35-40.000 persoas. O batallón abjazo de Shamil Bassayev, con experiencia no conflicto xeorxiano, incorporouse rapidamente ás forzas chechenas.

Dudáiev tamén incorporou ós seus efectivos mercenarios procedentes de dúas fontes principais: musulmans (de Turquía, Afganistán, Xordani, Kuwait, Exipto, Arabia Saudí) e antirrusos (ucraínos e bálticos, estonios especialmente).


A diplomacia chechena

A actividade exterior da Chechenia independente tivo dúas referencias principais. En primeiro lugar, favorecer a integración dos pobos do Cáucaso norte, tanto económica –aproveitamento dos numerosos recursos da zona– como política –freo a Rusia–. A Confederaión dos Pobos Montañeses do Cáucaso era o seu principal instrumento, pero fracasou antes de conseguir o seu obxectivo ó enfrontarse a situacións traumáticas (a propia guerra) que provocaron a súa ruptura.

O outro piar da súa diplomacia foi Xeorxia. Dudáiev apoiou sen reservas ó presidente xeorxiano, Zviad Gamsajurdia, ata as últimas consecuencias. Incluso cando Edvard Shevardnadzew asumiu o poder en Tblisi, Dudáiev concedeu asilo a Gamsajurdia en Grozni e prestou apoio militar ós rebeldes secesionistas abjazos para derrotar ás forzas do ex ministro de Asuntos Exteriores de Gorbachov.

Por outra banda, a través dos descendentes dos chechenos emigrados a Xordania, Siria e Turquía -como consecuencia da conquista rusa do Cáucaso-, Dudáiev intentou obter axuda militar e o recoñecemento internacional da independencia. Pero ningún destes países desexa estreitar unhas relacións que porían en serio perigo o entendimento con Rusia. En xeral, o apoio dos países musulmans sempre foi moi escaso e soamente se recolleron fondos para apoiar a Dudáiev cando estoupou o conflicto e, nalgún caso, enviando voluntarios. Tamén nalgúns países europeos (Polonia) funcionaron centros de axuda a Chechenia.

Por último, a maior parte dos chechenos residentes en Moscova e noutras cidades rusas non participaron nunca do fervor independentista e si nalgo destacaron foi en tratar de evitar o temido desenlace tráxico do conflicto. Partidarios do Consello Provisional, condenaron o uso da forza e favoreceron o establecemento de negociacións directas para deter as hostilidades.


A intervención rusa en Chechenia

Visto desde Moscova, Chechenia é unha das 20 Repúblicas autónomas que forman parte dos 89 integrantes da Federación Rusa (Tratado da Federación asinado o 31 de marzo de 1992). Unha República, segundo a Constitución aprobada en referendo o 12 de decembro de 1993, pode ter a súa propia Constitución e elaborar o seu propio marco xurídico. Pero para sair da Federación debe obter o voto maioritario das dúas cámaras ou vencer nun referendo que se debe celebrar ¡en toda Rusia!

Chechenia decidiu non asinar o Tratado da Federación. A diferencia de Tatarstán, Bajorstán e Kabardino-Balkaria, tampouco aceptou tratado especial algún. Quizáis por iso é frecuente aludir ó feito de que a secesión chechena ten carácter “unilateral”. En realidade trátase dun argumento falaz. Nun senso xeral pode dicirse que a legalidade en Rusia habita na fronteira do máis rancio oportunismo. Repasemos a historia recente, incluido o referendo do 17 de marzo de 1991 no que a cidadanía pronunciouse a favor dunha Unión renovada, ou a “secesión unilateral” da República do Transdniester en Moldova, firmemente apoiada por Moscova, ou incluso o referendo constitucional de 1993.

É sorprendente que se xustifique a invasión de Chechenia coa defensa dos dereitos dunha minoría rusa presuntamente agredida –estimase que no inicio do conflicto armado a poboación rusa non superaría as 60.000 persoas–. Igual de absurda é a equiparación de Chechenia con un Estado mafioso. Trátase dunha demonización interesada que xeraliza a existencia de certos vínculos entre sectores do poder e da sociedade coas actividades mafiosas. Pero coa xeralización non se consigue outra cousa que actualizar as acusacións de “colaboración masiva” stalinistas. Precisamente unha das grandes solidariedades ausentes neste conflicto é a dos poderosos e ricos mafiosos chechenos. A independencia non lles beneficiaría en nada. Con ela sí perderían un valioso pasaporte ruso que hoxe permitelles desprazarse por un inmenso e rico territorio. Menos discutible parece ser que as mafias gangrenan o actual Estado ruso.

As alusións ó perigo de desmembración da Federación Rusa tampouco teñen maior fundamento. Coa excepción de Chechenia, os demáis pronunciamentos secesionistas foran encarreirados. Tatarstán asinou un tratado de asociación con Rusia en 1994. Noutras rexións existen algúns litixios, conflictos de leis, descoordinación da vida económica, pero non pode afirmarse que iso supoña aposta algunha pola independencia. Na maior parte dos casos trátase de zonas étnicamente rusas ou con gran presencia de rusos.

As verdadeiras razóns poden ser outras. En primeiro lugar, a intervención rusa en Chechenia é inseparable dos intereses petrolíferos. Os oleoductos e gasoductos que atravesan a zona do Cáucaso norte teñen un gran valor estratéxico. Máis aínda cando está en xogo o chamado “contrato do século”, é dicir, a ruta que deberán seguir os millóns de toneladas de crú que se extraerán do mar Caspio nos próximos anos. As vías para a circulación do crú redúcense a dúas: a través de Rusia ou de Turquía. Rusia necesita, imperiosamente, control e estabilidade no Cáucaso norte para convencer ós investidores estranxeiros de que a súa é a mellor opción.

En segundo lugar, o Cáucaso é a fronteira meridional de Rusia, unha zona de especial interese para a súa seguridade na que coincide ademáis con tradicionais competidores como Irán e, sobre todo, Turquía. Dende a desintegración da URSS, Rusia intensificou a súa intervención nos numerosos conflictos da zona caucásica, tanto no norte como na Transcaucasia. Moscova sempre contou con unha significativa presencia militar en toda a zona e soupo terciar, mediar, conseguindo a cambio recuperar a súa influencia. Chechenia era a única peza verdadeiramente incontrolable dese crebacabezas. Na súa formulación da nova doctrina militar, realizada en novembro de 1993, a antigua zona soviética, o denominado “estranxeiro próximo”, perfilase para as autoridades rusas como unha esfera de influencia “irrenunciable”.

En terceiro lugar, a guerra de Chechenia é a coartada precisa que permite seguir gañando espacios e ocupando posicións ós partidarios da revitalización do Estado, da grandeza de Rusia, do Imperio Ruso. No entorno presidencial nunca existiu unanimidade en canto a política a seguir con Chechenia. Incluso nos primeiros momentos da secesión vislumbranse dúas posiciónsa: apoio firme á oposición (Shajrai, entón ministro para as nacionalidades); e negociación con Dudáiev (Shumeiko, viceprimeiro ministro).

A división de opinións manifestouse tamén á hora de decidir a intervención militar. Dunha banda, o presidente, quen a raíz do fracaso da acción do 25-26 de novembro lanzou un ultimato de 48 horas (máis tarde ampliaríase ata o 15 de decembro) para que as partes desarmaran ós seus homes e detiveran os combates. O chamamento é aceptado pola oposición pero non por Dudáiev, quen teme verse marxinado do proceso. A Duma, pola súa banda, decide enviar unha delegación negociadora a Grozni. Alí atopase con que os prisioneiros rusos non eran voluntarios senón soldados da división Kantemir, reclutados e entrenados polo Servicio Federal de Intelixencia (FSK).

No entorno presidencial (Consello de Seguridade) soamente Andrei Kozirev e Evgueni Primakov se opuseron abertamenteá invasión militar. Viktor Chernomirdin expresou as súas dúbidas pero finalmente apoiou a acción, defendida esencialmente polos ministros militares (Grachev, Ierin, Stepashine). A guerra de Chechenia permite un novo empurrón ó modelo de Estado centralista e acelera a consolidación dun proxecto de corte autoritario en toda regla. Sen embargo, a evolución do conflicto pode inclinar a balanza a favor ou en contra dos diferentes grupos de poder.


A evolución da intervención

A operación iniciase o 5 de decembro coa destrucción dos aeroportos chechenos. A Duma esixe a inmediata demisión do ministro de Defensa, Pavel Grachev. A decisión do Presidente Ieltsin baseáse na crenza de que a debilidade de Dudáiev, a fortaleza da oposición e a confianza en que unhas poucas horas bastarán para que Grozni poida ser conquistada polas tropas federais (Grachev di que lle basta unha división de paraquedistas).

O plan de Grachev establecía catro fases. A primeira, a reunión das tropas e equipamentos en tres bases: Mozdok, Vladikavkaz e Kizliarsk. A segunda, primeiros avances seguindo unha táctica dobremente circular (arredor de Chechenia e arredor de Grozni). A terceira, ocupación dos centros vitais polas tropas especiais. A cuarta, estabilización da situación. A previsión de Grachev supoñía a concentración na zona dun total de 38.000 efectivos, 230 carros de combate, 454 vehículos blindados, 388 pezas de artillaría.

Os bombardeos sobre Grozni constitúen o inicio dunha das batallas máis cruentas. Para conquistar o palacio presidencial foron necesarios 14 días de combates constantes, de emboscadas, de morte e destrucción. Mentres Ieltsin anunciaba publicamente o cese dos bombardeos e a apertura de negociacións, en Grozni as bombas caían sen cesar. A guerrilla ofrece unha gran resistencia e bátese en retirada para facerse fortes noutras cidades do país. A perspectiva dunha longa guerra faise máis evidente cada día.

A crueldade e o ensañamento destructivo dos soldados rusos na batalla de Grozni provoca repercusións inesperadas. Os homes de Labazanov, comandante das tropas dependentes do Consello provisional, rompen con Moscova e pasan á ofensiva contra as tropas rusas. Nas rexións limitrofes sabotean as comunicacións, as mulleres crúzanse diante dos tanques. Algúns oficiais néganse a obedecer as ordes de avanzar sobre os civís.

Chernomirdin, o primeiro ministro ruso, propon un cese o fogo que é negociado nos primeiros días de xaneiro. Stepashin, o xefe do FSK, oponse a calquera tipo de acordo con Dudáiev. o primeiro intercambio de prisioneiros prodúcese a mediados de febreiro, pero a guerra extendese a outras cidades, principalmente Gudermés e Argún, que non son conquistadas ata finais de marzo. En abril prodúcese a conquista e masacre de Samashki, con aforcamentos e incineracións masivas de civís. Os chechenos reaccionan, incluso na destruída Grozni. Os bombardeos sucédense sobre Bamut, Serzhen Urt, despois Shatoi e Vedenó, no Sur. O cumio do 9 de maio entre Borís Ieltsin e Bill Clinton desenvolvese en medio dun recruamento xeralizado dos combates.

A mediados de xuño prodúcese un xiro cualitativo no conflicto. Un grupo de rebeldes chechenos, dirixido por Shamil Bassaiev, adentrase en Rusia e secuestra a centros de persoas nun hospital de Budionnovsk. Ao intentar a súa liberación, as tropas gobernamentais provocan máis de cen mortos e numerosos feridos. A acción de Bassaiev pretende basicamente dous obxectivos: deter as accións militares e obrigar ás autoridades moscovitas a establecer unha base negociadora sólida e, ó mesmo tempo, evidenicar a vulnerabilidade do xigante ruso.

O 19 de xuño inicianse as negociacións. A misión da Organización de Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE) dirixida polo húngaro Sandor Meszarosz, actúa de mediadora. A primeiros de agosto lograse un acordo estrictamente militar que prevé a progresiva retirada das tropas rusas e o desarme das milicias de Dudáiev. Pero se suceden os incidentes, novos combates en Argún e outras cidades. O desarme faise lento. Rusia perde terreo.

A morte en atentado de Anatoli Romanov, a máxima autoridade militar rusa en Chechenia, abre o camiño dun novo discurso de volta á vía da forza. Detense a reducción de tropas. Cando os chechenos suspenden as negociacións, Moscova decide nomear a Doku Zavgáiev como xefe do Goberno provisional da República. En Grozni, unha manifestación de protesta contra ese nomeamento é reprimida con fogo real pola policía.

Dende entón Moscova empeñase en evidenciar o seu control da rexión, en dar a sensación de normalidade (mesmo se celebran as eleccións lexislativas do 17 de decembro de 1995), mentres a guerra chechena fustiga sen cesar as tropas rusas, desenvolvendo accións espectaculares, en especial, cando a atención internacional está volcada sobre Rusia por calquera motivo (por exemplo, coincidencia das eleccións co anuncio da disponibilidade por parte da guerrilla de substancias radiactivas depositadas no mesmo centro de Moscova).


O impacto en Rusia

No ámbito estrictamente militar, a operación de Chechenia evidenciou as graves carencias e dificultades do Exército ruso. O fracaso das expectativas de Grachev ante unhas unidades guerrilleiras ben disciplinadas foi seriamente criticado por varios xenerais, incluido Semionov, o comandante en xefe, e Borís Gromov, á sazón vicemnistro de Defensa. Parte da cúpula militar non parecía estar ó tanto do verdadeiro estado de ánimo e de preparación da súa tropa: desentrenados, sen técnica adecuada para o combate que iban a librar, desilusionados e sobrevivindo en difíciles condicións. Os soldados viviron como unha traxedia persoal as numerosas críticas da opinión pública. A operación de Chechenia convertiunos nun Exército impopular, máis próximo á humillación que á gloria doutro tempo.

Ás críticasd de Gromov e Semionov unironse as protestas dos xenerais Babichev e Vorobev. Tamén o xeneral Lébed se opuso á operación. No Exército a disconformidade estaba moi extendida: a súa misión non era a de intervir no territorio nacional. Grachev, co respaldo de Ieltsin, aproveitaron o ocasión para librarse de todos eles (Gromov, Mironov, Kondratiev) e evidenciar a necesidade de maiores asignacións presupostarias para a Defensa (aumento do 30 por cento do salario dos soldados) e a ampliación do servicio militar de 18 meses a dous anos.

En calquera caso, o conflicto amosou a súa radical división: mentres uns desobedecían as ordes do presidente ruso de cesar os bombardeos sobre a capital chechena, outros se manifestaban en Moscova contra a guerra.

Na orde estrictamente económica, a intervención en Chechenia implica un elevado custe para as arcas rusas, moito maior do inicialmente estimado, e pon en serio perigo o obxectivo de conter a inflación e o déficit presupostario. Os custes da reconstrucción (industria petroleira, vías érreas, sistemas de comunicación e enerxía) esixirán tamén un elevado desembolso. Ademáis, as previsións presupostarias non soamente deben referirse a Chechenia senón tamén ás repúblicas viciñas (Ingushetia sobre todo) nas que o Exército ruso causou serios danos. A distracción de recursos para a guerra agravará aínda máis as dificultades económicas e sociais polas que atravesa a sociedade rusa debido ó fracaso da política de reformas.

Na orde política as consecuencias son moi importantes. No Caúcaso, e tal como moitos agardaban, non se produciu un alzamento xeralizado contra a invasión rusa. Pola contra, a invasión causou a ruptura da única formación pancaucásica, a Confederación dos Pobos Montañeses, entre Musa Sanibov e Iusup Soslanbekov. Houbo certamente apoio material e solidario, estableceronse incluso puntos de recrutamento de voluntarios en varias cidades, pero non se chegou a producir nin remotamente a extensión do conflicto.

En canto ás relacións do Kremlin coas súas rexións, o conflicto pode ser interpretado como unha clara mensaxe a todas aquelas repúblicas da Federación que aínda disfrutan dunha tolerada soberanía económica, e polo mesmo, un claro indicio da afirmación das novas tendencias centralizadoras, baseadas se é necesario no recurso a medidas de forza ante supostas ou reales situacións de urxencia. Pouco a pouco dilúese o Estado federal e democrático anunciado por Ieltsin e os demócratas como alternativa ó totalitarismo soviético. Pero o impulso centralizador, non olvidemos as intencións dos golpistas de agosto de 1991, pode provocar o efecto contrario. O presidente tártaro, Mintimer Samiev, declaraba por exemplo a raíz da intervención rusa que eran necesarios cambios constitucionais profundos, expresando o seu escepticismo respecto ó futuro da Federación como Estado unitario.

A guerra en Chechenia supuso, por outra banda, a definitiva ruptura de Ieltsin coas formacións liberais e democráticas que o auparon no poder. Gaidar, ó igual que as formacións comunistas máis importantes, criticaron a aventura militar. Zhirinovski (ascendido por Grachev a tenente coronel na reserva polo seu apoio á guerra) e a extrema dereita convertironse nos principais baluartes do presidente. Os seus apoios están cada vez máis fragmentados e reducidos a certos segmentos do aparato estatal. O Exército está dividido e os seus rasputíns tamén. Ao xeneral Korzhakov, xefe de seguridade persoal do presidente, atribúeselle un poder real moi superior ó que, en apariencia, ostenta.

Na orde civil, Chechenia fragmentou seriamente a sociedade rusa e estimulado a intervención da sociedade civil (Comité de Nais de Soldados). Serguei Kovaliov, ex presidente do comité parlamentario dos dereitos humanos, simbolizou a denuncia da impunidade e a agresión rusa. Masacres como a realizada en Samashki, contra centos de víctimas civís, incluíndo nenos e anciáns, golpearon a conciencia da opinión pública rusa. Documentaronse denuncias de malos tratos, de torturas, de pillaxe e limpeza étnica, de destrucción sistemática, de violacións. Numerosas manifestacións desenvolveronse en Moscova e outras cidades en contra da guerra.


Víctimas, desprazados e refuxiados

Resulta difícil proporcionar cifras fidedignas de víctimas dun e doutro bando, xa sexan militares ou civís. Na parte rusa, todas as fontes coinciden en sinalar que foron moi elevadas. Nos primeiros catro meses de conflicto, os feridos estimabanse en 5.000, os mortos 1.500 e uns 200 desaparecidos. As cifras de víctimas chechenas, tanto militares como civís, oscilan enormemente. Aos dous meses de iniciarse a guerra, a Comisión rusa de defensa dos dereitos humanos cifrou en 24.000 mortos, dos que uns 13.000 serían civís. Segundo algunhas organizacións de dereitos humanos, nove meses despois de iniciarse o conflicto, as víctimas oscilarían entre as 50.000 e as 80.000 persoas.

Os refuxiados fuxiron principalmente nos primeiros días da guerra. Calcúlase que uns 100.000 foron para Ingushetia, 30.000 a Daguestán. A misión da OSCE fla de 150.000 refuxiados (a 31 de xaneiro de 1995). A estes habería que engadir os desprazados a consecuencia da guerra civil previa, cifras que algunhas fontes estiman noutros 100.000 habitantes. Na maior parte dos casos non son ben recibidos: en ocasións por razóns de carácter étnico (Ingushetia, Daguestán, Osetia do Norte), noutros (Rusia, Stavropol) por medo á súa vinganza.

Segundo fontes do ACNUR, a cifra total de desprazados a 31 de xaneiro de 1995 debido á guerra aproximase ás 400.000 persoas. Delas unhas 160.000 fuxirían ás repúblicas viciñas de Ingushetia, Daguestán e Osetia do Norte. Un 95 por cento destas persoas atoparon refuxio en familias, os demáis en lugares improvisados a tal fin polas autoridades ou por eles mesmos. Entre os refuxiados hai unha elevada porcentaxe de mulleres, nenos e anciáns. O problema dos refuxiados crea dificultades en Ingushetia -que ademáis recibiu outros 5.000 refuxiados a consecuencia do conflicto que a enfrontou con Osetia do Norte- e en Daguestán, practicamente bloqueada ó cortarse as vías de comunicación con Rusia.

O estancamento do conflicto e a perspectiva de novas negociacións estimularon o regreso dalgúns refuxiados, pero a inmensa maioría, polo momento, négase a regresar ós seus fogares.


A reacción internacional

Ningún Estado da CEI criticou a Moscova pola súa intervención en Chechenia. Todos o consideran un asunto “interno”. Asi quedou de manifesto no cumio celebrado en Alma Ata, en febreiro de 1995. A todos lles serviu o exemplo para resolver problemas semellantes (Xeorxia en Abjasia, Ucraína con Crimea, etc) e captar un aviso xeral respecto á situación das minorías rusas nos seus territorios.

Non houbo rebelión nin solidariedade do mundo musulmán ruso (uns 18 millóns). Tampouco os países musulmáns quixeron ir máis alá da natural expresión de repudio, os Estados veciños, como Irán ou Turquía, coincidiron en sinalar que se trata dun problema “interno”.

Occidente, pola súa banda, tamén o considera así. Soamente as macabras imaxes dunha cidade totalmente destruída, do palacio presidencial de Grozni envolto en chamas, conseguiron alterar a tibieza cómplice dos Gobernos occidentais. Occidente podería ser moito máis belixerante con Moscova sen correr o risco de que as súas críticas se interpretasen como un apoio a Dudáiev. En decembro de 1994, a situación interna en Chechenia estaba sumamente deteriorada. A intervención exterior foi un erro dramático que permitiu a Dudáiev obter un respiro na guerra civil, pasando a primeiro plano a resistencia fronte a Moscova.

Os países occidentais deben cuestionarse seriamente o futuro das súas relacións con Rusia. A incondicional aposta pola integridade territorial soamente pode ser interpretada como un respaldo ós sectores máis duros e intransixentes. Son precisamente estes sectores quen ofrecerán maiores resistencias á política de amplicación da OTAN a algúns países de Europa central e oriental.


O futuro do conflicto

Dúas son as principais opcións. A primeira, a negociación, a única que pode poñer fin ó conflicto dunha forma relativamente rápida evitando máis destrucción e morte, sentando as bases dunha relación futura máis estable. Non é fácil que se abra este camiño. Pero se a guerra perdura e se celebran as eleccións presidenciais, podense producir cambios políticos suficientes como para afianzar esta opción.

A outra é o enquistamento. Chechenia ten unha longa tradición de loita co imperio ruso, unha historia de tres séculos de conflicto intermitente. A última guerra durou 35 anos.

Xulio Ríos es director del IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2000