PresenciaVolver ó índice / Estados Unidos


Serial de mal gusto
Por Xulio Ríos (Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 3/8/98)

Parafraseando a Vicente Verdú, Estados Unidos é, sen dúbida, un planeta complexo. A mestura de vida privada, avidez de sensacionalismo, instrumentalización mediática e o peculiar entramado político, legal e institucional americano, producen resultados tan “dramaticamente escandalosos” como o affaire Lewinsky, un presunto lío de faldas que pode conducir ó Presidente da única superpotencia mundial á súa destitución por perxurio. Nada menos. O último achádego, un vestido seica con “fluidos corporais” do propio Bill Clinton, demostraría, segundo o fiscal Kenneth Starr, que está irremediablemente pillado. Pero esto non é o Watergate. Desde aquí, ensimismados coa gravedade do comezo do enxuizamento das accións do GAL, soamente cabe visualizar todos os ingredientes propios dun serial de mal gusto.

Aínda así, por unha vez, parece que muda de sentido esa moralina que sempre se lle achaca a unha sociedade como a norteamericana, capaz de soportar as grandes bolsas de pobreza e miseria que empequenecen o seu gran país e, ó mesmo tempo, amosarse especialmente intransixente en materias en apariencia moito menos transcendentes. A popularidade do Presidente, din eses expertos que a bareman segundo a segundo, non se resinte un ápice. Ben o expresaba William James, o filósofo falecido en New Hampshire e co-autor da teoría periférica das sensacións : “a arte de ser sabio consiste en saber a qué se lle pode facer a vista gorda”.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 7/9/98