Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos


“Tolerancia cero”... sen Giuliani
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 25/04/2000)

O alcalde de Nova Iorque, Rudolph Giuliani, coa segura serenidade dos chamados a deixar pegadas na historia, ven de proxectar escuros nubarróns sobre o seu futuro político, por mor dun cancro de próstata, diagnosticado hai menos dunha semana.

O alcalde republicano, que compite coa primeira dama, Hilari Clinton polo escano ao senado na circunscrición de Nova Iorque, foi o pioneiro nas políticas municipais de man dura para rematar coa inseguridade cidadá que aflixía aos habitantes da metrópole.

A teoría da tolerancia cero prendeu coma o lume por toda iberoamérica e foi utilizada coma principal arme electoral polos candidatos conservadores aos gobernos das urbes con enormes arrabaldes de marxinados nos que prolifera a delincuencia.

O ex-fiscal metido a alcalde está no centro das críticas dos defensores dos dereitos humanos e mantén unha tirantisma relación cos medios de comunicación que difunden os permanentes excesos policiais. As acusacións de fascista ou racista non fan mela en “Rudy”, para quen as críticas só obedecen á miope incomprensión do seu sublime papel histórico. A súa afamada estrela preconfigurouse na etapa de fiscal na que azoutou a personaxes de Wall Street, a prestixiadas firmas empresariais, a especuladores de bolsa, a cualificados mafiosos...

Giuliani, neto de emigrantes italianos, ten convertido á lendaria cidade do crime nunha das máis seguras do mundo. Se en 1990 sufriu 2.262 asasinatos, oito anos máis tarde o número foi de 629, o máis baixo dende 1964. Os axentes da CSU (Unidade do Escenario do Crime) manteñen unha enorme presión sobre os delincuentes.

En 1998 houbo 20.000 delitos menos que en 1997, máis os axentes da CSU acudiron aos escenarios en número semellante. Ningún delito, por pequeno que sexa, queda impune “tolerancia cero”. A solidez da teoría baséase en non deixar sen castigo as infraccións menores, como vacina preventiva de posteriores delictos de maior calado. “...agora perseguimos o que antes ignorabamos...”, coarse sen pagar no metro pode custar 4 ou 5 días no cárcere. “... cando un individuo está en prisión, non anda a pegar tiros, nin os recibe, nin trafica con droga..”. Esta primaria deducción ampárase en sectarias evidencias como que existen moitas máis posibilidades porcentuais de que un crime sexa cometido por unha persoa que non paga no metro, que por outra que compra o tícket. Hai máis posibilidades que sexa negro que branco, hai máis posibilidades que sexa pobre que acomodado, hai máis posibilidades que... En definitiva, na cidade, existen máis negros no cárcere que na universidade.

A teoría xa creou escola en América do Sur onde nas recentes contendas municipais diversos candidatos conservadores perfeccionaron a teoría co engadido da “Segunda oportunidade”, baseada na severidade cos reincidentes.

A dureza contra a delincuencia é un valor engadido nunha sociedade na que a propiedade privada é un valor esencial no sistema, moi por riba doutros máis solidarios. Un dato confirma esta hipótese. Dende 1987 o Estado e Nova Iorque investiu máis de 90.000 millóns de pesetas en construír prisións, mentres recortaba en máis de 1.200.000 millóns os programas de educación superior.

O odiado Rudy ten gañada a credibilidade da eficacia, a pesares de ter perdida a batalla da simpatía. Soubo captar que a seguridade cidadá é un valor político dos novos tempos, que a esquerda só acerta a analizar e a explicar como froito da desigual sociedade liberal, pero sen dar atallado como xestora do modelo liberal.

A estrela política de Rudolph Giuliani apágase, e a foránea Hílari xa o supera en 8 puntos. A estrela vital deberá liberar unha dura batalla contra do cancro, da que dependerá o porvir dun dos políticos máis influentes dos EUA.

Lino Pellitero é membro do IGADI. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/05/2000