Presencia-OpiniónVolver ó índice / Nacionalismos


Ulster: nova oportunidade para a paz
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 30/05/2000)

Hoxe restaurase o goberno autónomo do Ulster, suspendido dende febreiro. Trimble logrou, o pasado sábado, o permiso do Consello do UUP para regresar ao goberno. O escaso, mais suficiente, apoio logrado polo “ministro principal” permite recuperar as esperanzas postas no proceso que tomou forma, dous anos atrás, en Stormont. As tensións van continuar, agravadas pola continua perda de influencia de Trimble no interior do partido e as presións dos sectores máis radicais do unionismo.

Trimble volverá presidir o goberno autónomo compartido cos nacionalistas do SDLP e os republicanos do Sinn Fein. A actitude dos ministros do UDP de Ian Paisley é unha incógnita que terá que despexarse hoxe.

O “ministro principal”, que evolucionou dende as extremas posicións que mantiña hai anos cando era un destacado dirixente da Orde de Orange ata o posibilismo actual, vai perdendo apoios no seo do seu partido. Si no momento de asinar o Acordo de Venres Santo logrou o 72% dos votos no máximo órgano de dirección, o pasado febreiro so obtivo o 57%, agora esta porcentaxe viuse reducida ao 53%. Na asemblea do sábado, 459 delegados votaron a favor da proposta de Trimble e 403 en contra. A minguada victoria non se confirmou ata pouco antes da votación e necesitou da intervención de destacados líderes unionistas e da brillantez de Trimble. A división interna do UUP é unha realidade que se pode conformar como unha ameaza para a paz, nomeadamente polas presións que sobre os partidarios do NON van realizar os unionistas opositores a Stormont agrupados no UDP do irreductible reverendo Paisley.

Durante este ano as tensións entre as dúas comunidades van continuar, mais o camiño recorrido é moito. Dúas van ser as cuestións que dominen nos debates: a reforma da policía e a retirada da simboloxía británica. Os unionistas néganse a que a denominación “Real” desapareza do nome da policía do Ulster e que a bandeira británica sexa arriada dos edificios públicos. O desarme do IRA e a retirada do Exército británico estará en función do debate simbólico.

Ao tempo, ambas comunidades vanse adaptando á nova situación. Entre os unionistas vaise aceptando que o lema “sen pistolas non hai goberno” só serviu para atrasar un proceso irreversible e entre os católicos que se avanza máis no camiño de reintegración en Irlanda pola vía política que pola militar. Despois de trinta anos, o pasado 1999 foi o primeiro no que non morreu ningún soldado británico e no que a maioría dos presos do IRA puideron regresar á súas casas. A realidade é ben simple: mentres discuten non hai mortos.

Carlos Méixome é membro do IGADI.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/05/2000