Presencia / Rusia
Unha Rusia sen mundo propio
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 03/01/2000)
En política exterior, os máis de oito anos de mandato de Boris Ieltsin transcorreron entre unha breve primeira etapa de abrazo incondicional a Occidente e outra segunda, de progresiva recuperación formal dun discurso moderadamente nacionalista que a duras penas conseguía disimular as súas graves carencias, en particular por mor dunha situación económica permanentemente ó borde do abismo e unhas Forzas Armadas, con unha capacidade operativa e mesmo tecnolóxica en estado catastrófico. Unicamente o arsenal nuclear, con máis de dez mil cabezas, lle garante un lugar a carón dos sete grandes. Ieltsin en modo algún é alleo a tal estado de cousas. A misión de liquidar a capacidade real dos exércitos e a súa substitución por múltiples gardas pretorianas que situaran a bo recaudo as súas anchas espaldas foi unha constante desa axenda para a estabilidade política que seguiu á liquidación da URSS e que convertiu a Rusia nunha burda caricaturado que foi en tempos.
A política exterior rusa estivo sempre moi condicionada polos avatares da situación interna. Na etapa de Yegor Gaidar, no primeiro goberno da presidencia de Ieltsin, e mesmo nos primeiros gabinetes de Victor Chernomirdin, que contaron con forte participación dos sectores reformistas procedentes do movemento democrático que aupou a Ieltsin ata a xefatura do Estado, Rusia apelaba e confiaba na axuda económica de Occidente para superar a crise e asegurar unha transición sen cataclismos, do comunismo ó capitalismo. A terapia de shock rematou en desastre total e agora, ata o propio Jeffrey Sachs, director do Centro para o Desenvolvemento Internacional da Universidade de Harvard e principal valedor desta especie de big-bang para a liquidación das economías planificadas, recoñece que gran parte da culpa da actual situación rusa corresponde a Occidente pola súa despreocupación, tacañería e falta de control. A axuda foi insignificante, afirma, comparada coas súas necesidades, chegou tarde e foi a parar ás máns de auténticos cleptócratas, carentes do máis elemental compromiso reformista.
Moitos rusos, por oportunismo ou por convicción, comparten hoxe ese discurso de resentimento e desconfianza e argumentan a necesidade de contar coas propias forzas para evitar o total naufraxio da noutrora gran potencia. Rusia non se resigna a desempeñar un papel menor no escenario internacional e, moito menos, a actuar de mero comparsa dun hexemón americano que non toma en consideración de forma suficiente os seus intereses.
Da guerra á paz fría, Ieltsin, dotado dun incuestionable olfato político, comprendeu rapidamente que a carta nacionalista era o último recurso para manter un mínimo nivel de aceptación por parte da súa cidadanía e para atraguer e desarmar ós sectores neoeslavófilos, chámense tradicionalistas, patriotas ou modernistas. A partires de 1995 iniciou un proceso de distanciamento formal de Occidente, de endurecemento da lingoaxe, mesmo con tonos desafiantes. A última, esa recente bravata lembrando desde Beijing o potencial nuclear de Rusia, en resposta ás críticas formuladas coa boca pequena pola Casa Branca polo modo de conducir a guerra en Chechenia e a expulsión dun diplomático estadounidense acusado de espionaxe. Un desentendemento, quizáis pactado, e, en todo caso, moi oportuno en época electoral.
Pero o presidente ruso sempre foi consciente de que debía satisfacer un prezo pola masiva e xenerosa intervención occidental en apoio da súa candidatura nos anteriores comicios presidenciais. E non soamente por iso. Boris Nikolaievich, moi especialmente no derradeiro periodo do mandato de Gorbachov, era o principal puntal de Occidente no Kremlin. En boa media, sentíase debedor a ese Occidente que lle axudou ¿ou dirixiu?) a pilotar a desintegración da URSS, a eses socios que lle redactaban os decretos que imporían as reglas de mercado na Rusia post-soviética, ós especialistas en marketing e estratexias electorais que tan eficazmente contribuiron a revitalizar a súa deteriorada imaxe nos momentos máis críticos.
Suma de desacordos
A campaña aliada en Bosnia; a ampliación da OTAN ós países de Europa central e oriental, antiguos aliados no Tratado de Varsovia; as sucesivas operacións militares contra Iraq; a guerra por Kosovo; ou as discrepancias contra as “inxerencias externas” na campaña antiterrorista de Chechenia, evidencian unha considerable suma de desacordos que dificilmente poden ser obviados polo Kremlin. Pero era Primakov o único capaz de dotar dun mínimo de credibilidade unha política que acostuma a ser calificada de simple retórica. Cando as forzas anglonorteamericanas bombardearon de novo Bagdad, Primakov non dubidou en chamar a consultas ós embaixadores en Londres e Washington e, por primeira vez nos últimos dez anos, as tropas foron colocadas en estado de alerta.
A política exterior rusa experimenta, pois, un progresivo distanciamento de Occidente que se inicia en 1993 coa adopción dunha nova doctrina militar que aposta pola recuperación da influencia tradicional no calificado como “estranxeiro próximo” (toda a ex-URSS, a excepción do Báltico). A pesar de contar con numerosos detractores no propio Kremlin, esta tendencia asenta nunha doble táctica: diplomática, na zona europea, estreitando os lazos con Belarús para contrarrestar a expansión da OTAN cara o Leste; e estratéxico-militar, principalmente na rexión caucásica e transcaucásica.
O outro pilar desta orientación é a intensificación da viraxe cara a China, iniciada en 1989 con Gorbachov e paralizada anos máis tarde. O entendimento estratéxico entre China e Rusia descansa fundamentalmente na súa lóxica resistencia a admitir sen máis o dominio imperial estadounidense e, polo tanto, na necesidade compartida de evolucionar cara a multipolaridade establecendo unha fronte común que paralice a presión occidental en materias consideradas sensibles (Chechenia-Tíbet ou Taiwán).
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/01/2000