PresenciaVolver ó índice / Iberoamérica


Venezuela non esperta da súa peor traxedia
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 22/12/1999)

Os Estados de Vargas, Miranda, Falcón, Nueva Esparta, Sucre e Táchira, xunto coa capital caraqueña, foron as zonas máis afectadas, polas enchentes que durante tres días asulagaron a parte baixa e costeira de Venezuela.

As cifras oficiais aínda rexistran menos de 1000 mortos, mais só na cidade da Guaira, o seu alcalde Lenin Marcano, estima que a cifra de mortos pode chegar aos 25.000.

A pesares das frecuentes escenas de pillaxe, o país axítase convulsivamente nun rebumbio solidario, para afrontar esta situación de emerxencia, para facilitar información sobre os aparecidos ou desaparecidos ou para organizar a asistencia dende os centros de abasto.

Poucos son os que se atreven a afondar nas causas dunha desgracia anunciada. A desorde urbanística, a edificación nos canles dos rios e a superpoboación son apuntadas coma as verdadeiras causas do actual desastre. Mentres os números das víctimas medran a ritmo de vertixe, os especialistas en orografía e climatoloxía non consideran coma a única razón da catástrofe os tres días de incesantes choivas que caíron no norte do país. As verdadeiras causas, segundo os expertos, están na composición e configuración dos terreos, auténticos canles formados por inestables sedimentos depositados polos ríos e regatos que baixan das montañas. Estes fósiles leitos foron invadidos nas últimas décadas por unha desordenada explosión demográfica sen os suficientes estudios e garantías.

As chuvias destes tres días empurraron milleiros de toneladas de pedras e lama pola pendente norte da Cordilleira do Avila cara ao mar, enterrando en vida a grande parte das persoas,ata agora desaparecidas.

A día de hoxe, as incipientes cifras oficias dan conta da magnitude da devastación. 1000 mortos, 6.000 desaparecidos e 150. desprazados.

A peor catástrofe natural vivida polos venezolanos, na súa historia recente, sepultou a moita profundidade a vixencia da transcendentes xornada do 15 de decembro no que máis do 70% dos votantes avalaron a nova constitución que deroga “a moribumda” de 1961, que remata co mandato vixente das autoridades municipais, estatais ou nacionais, que da por rematado período dó díscolo poder lexislativo que pasa as mans dun “congresillo” de 11 parlamentarios designados pola Asemblea Nacional Constituínte ata que sexa eleita unha nova Asemblea Nacional.

A nova etapa contén importantes cambios que van máis alá da flamante denominación de República Bolivariana. Novos preceptos constitucionais que navegan en direccións opostas: Cara ao afondamento dos controis democráticos sobre a maioría dos poderes públicos, a consolidación do papel do estado na economía e nas prestacións sociais; e cara ao o reforzamento das prerrogativas do poder militar fronte ao parlamento e dun réxime presidencialista.

A desconcertante república federal, dunha soa cámara lexislativa, rexerase por unha constitución que forza a un gran consenso dos 2/3 para elixir aos novos membros do ata agora corrupto poder xudicial, que mantén baixo responsabilidade pública ao Banco Central de Venezuela, o mesmo que a totalidade das accións de PDVSA/Petróleos de Venezuela S.A.). Unha carta magna que castiga penalmente a emorráxica evasión fiscal na que se refuxiaron as clases altas mercando dólares que colocaron no estranxeiro para fuxir das devaluacións que despenaron o valor do bolivar, que lle da rango constitucional ao Consello Nacional Electoral para que vele pola limpezas dos procesos electorais, que recoñece amplía os dereitos sociais e medioambientais, que acentúa o papel do estado na educación ,na sanidade e nas pensións, que recoñece a existencia de pobos e comunidades indíxenas: da súa cultura, idiomas, relixións organización social, política, económica...., dos dereitos orixinarios sobre as terras que veñen ocupando secularmente etc.

Pero tamén é a Constitución que resta atribucións ao parlamento en beneficio da presidencia e vicepresidencia, que outorga o dereito de voto aos militares, que prolonga os mandatos presidenciais...

A pesar das incertezas e carencias no texto refrendado o día 15, a sociedade venezolana optara por saír da súa pasividade e desesperación para agarrarse a esperanza que lle infunde o populista Chavez. Nos 40 anos de corruptos gobernos speudodemocráticos da democracia cristiá (Copei) e da Socialdemocracia (AD), dilapidáronse uns ingresos do petróleo que equivaldrían a 20 Plans Marshall.

A natureza votou milleiros de toneladas de auga, lama, pedra sobre a incipiente ilusión, pero aínda non conseguiu matar definitivamente a esperanza.

Lino Pellitero é membro do IGADI.

Enlaces relacionados:

Colaboración exterior: http://www.el-nacional.com/exterior.htm
Portal de información solidaria: http://www.intesa.com/intesa/solidaria/index.htm
Situación de emerxencia: http://foros-emergencia.trompo.com/index.php3
Centros de acopio: http://emergencia.trompo.com/acopio.php3

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2000