Acción exteriorVolver ó índice


Vigo, máis alá do embigo
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 09/07/2000)

Agora que se imaxinan novos proxectos para o desenvolvemento da cidade, novas ideas e estratexias para concibir o Vigo do futuro, convén reparar na importancia de non descuidar a perspectiva exterior. Aínda hai uns días, na Conferencia Global sobre o futuro urbano celebrada en Berlín, Kofi Annan destacaba a importancia dunha maior participación das autoridades locais no ámbito internacional. “As cidades, dicía o secretario xeral de Nacións Unidas no seu discurso, poden ser motores de crecemento, incubadoras de civilización e lugares de fermento intelectual e motivación”. Non se trata de declaracións pomposas e baleiras de contido, senón da confirmación de tendencias universais que unicamente poderán aproveitar con eficacia aquelas cidades que asuman o intercambio de experiencias, de coñecemento, como unha norma imprescindible de actuación.

Para Vigo e a súa área é fundamental contemplar nas suas actuacións inmediatas e futuras unha variable exterior. É un imperativo que todos podemos comprender se reflexionamos sobre o tan cacarexado proceso globalizador pero igualmente se analizamos o noso presente e o noso pasado, sempre especialmente relacionado co contacto con realidades externas. Que a CIG propoña Vigo, tan acertadamente, para acoller o Museo da Emigración Galega, responde a unha traxectoria e un protagonismo acreditado. Hoxe, a ampla base económica, con unha clase empresarial que sabe interiorizar o impulso internacionalizador, o caudal do movemento exportador no conxunto galego, o liderato irrenunciable nas relacións con Portugal e agora, quizáis, con toda a periferia atlántica europea, unha Universidade de referencia, múltiples contactos con América Latina, o dinamismo desa sociedade civil que dende as organizacións sindicais ata as non gobernamentais desenvolven intercambios e programas de cooperación internacional, e mesmo o notable asentamento de Consulados na nosa cidade con carácter preferente a outras de Galicia, destacan, entre outros, esa heteroxeneidade de factores vencellados ó exterior e determinan, en consecuencia, a obriga de prestarlles un mínimo de atención e desenvolvemento. Nin podemos nin debemos contemplar tan valiosos atributos como algo inamovible ou descoordinado. A cidade debería valoralos, dignificalos e proxectalos.

Por iso, nun tempo en que o internacional colle pulo, é fundamental percatarse desas potencialidades, pero o seu axuizado aproveitamento unicamente será posible se concibimos o exterior como un ámbito de interese estratéxico, como un instrumento fundamental para a modernización da nosa sociedade. Non basta contemplar o exterior como un simple factor condicionante dos distintos campos ou sectores de actividade (turismo, comercio, transportes, medio ambiente, etc). Urxe asumilo como un dominio susceptible de diagnóstico con identidade propia. Á hora de definir o plano estratéxico de Vigo e a súa área metropolitana deberiamos dotarnos tamén dun proxecto que identifique os nosos activos e estableza mecanismos de coordinación que permitan a suma de vontades, políticas e infraestructuras para posicionar a Vigo máis alá do seu embigo. Que un alcalde nacionalista sexa quen de liderar ese proceso rebentaría máis de un tópico.

Xulio Ríos é director do IGADI. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/07/2000