China e o mundo chinés![]() ![]() |
O gato con botas made in China Por Marola Padín (igadi.org, 18/03/2006) |
Estas rotundas afirmacións son a resposta á pretensión da Comisión Europea de aplicar medidas anti-dumping (contra comercio desleal) ás importacións de calzado procedentes de China e Vietnam. A Comisión, órgano executivo da Unión Europea, argumenta que eses produtos están beneficiados por intervencións estatais que se plasman no financiamento a baixo prezo, moratorias fiscais, arrendamentos de terras sen suxeitarse as leis do mercado e irregularidades na valoración dos activos. As medidas consistirán nunha tarifa adicional de ata o 20%, que se introducirá de forma gradual durante 5 meses para non danar ós importadores. Destas medidas Peter Mandelson, comisario Europeo de Comercio, propuxo excluír o calzado infantil e deportivo das restricións que a Unión Europea imporá a partires do 7 de abril ás importacións de zapatos de pel procedentes de China e Vietnam por vender debaixo do costo de produción. Mandelson explicou que aumentar os aranceis dos zapatos infantís "afectaría desproporcionadamente ás familias con nenos pequenos, e non favorecería ao interese público". Polo que se refire as zapatillas de deporte, exclúense das medidas porque a produción europea deste tipo de calzado é insuficiente para que a industria comunitaria se vira prexudicada. Nembargantes portavoces de Guangdong consideran impensable que a Unión Europea eleve os actuais aranceis ás importacións de calzado de 4% a 20% en tan breve prazo. Un grupo de fabricantes da suroccidental provincia china de Guangdong (antiga Cantón), estaban alerta desta eventualidade e oito deles crearon, a comezos de febreiro, unha alianza para defenderse xuridicamente e para protestar legalmente por posibles represalias da Unión Europea. A esta iniciativa incorporáronse outros 180 de todo o país. O volume de exportacións de calzado de Guangzhou, capital provincial de Guangdong, cara a Unión Europea, chegou a 30,89 millóns de pares só en xaneiro deste ano, cun valor total de 110 millóns de dólares, que representan incrementos anuais de 54 e 65 por cento, respectivamente. Pero a alianza creada en Guangdong non está soa fronte a Comisión Europea, no cal inflúe no feito de que nesa provincia se fabriquen dous terzos dos zapatos deportivos que se venden en todo o mundo. Transnacionais como Adidas-Salomon, Puma e Clarcks xa protestaron ante a Unión Europea pola medida, namentres que Timberland, Kickers e Rockport pedíronlle á Comisión Europea exceptuar da alza do imposto a calzados cun valor inferior a 50 euros. Unha gran parte destas transnacionais teñen as súas factorías en territorio chino e calquera presión sobre eses produtos repercutirá nas súas gañancias. Asociacións de Italia, España e Portugal informaron sobre a presentación de solicitudes á Unión Europea para frear as importacións de calzado procedentes do xigante asiático. Esta é a terceira vez que a asociación italiana solicita iniciar proteccionismo contra o calzado chino nos derradeiros seis meses. Eles sentencian con rotundidade que as importacións de China inundaron os seus mercados e danan as súas industrias domésticas. Este movemento é apoiado por compañías de Francia, Grecia e Polonia. Mandelson tivo palabras tanto para os países nórdicos, que cualifican a medida de proteccionismo, como para os países produtores do sur, como Italia e España, que aspiraban a medidas máis contundentes para protexer a súa industria. As medidas debes ser agora apoiadas pola maioría simple dos Estados membros. Ante esta disputa, diversas opcións se formulan para a súa solución, entre elas a autolimitación por China das súas exportacións de zapatos. Ó respecto sinálase como antecedente que ese foi o recurso adoptado a mediados do 2005 para desbloquear varias decenas de millóns de confeccións téxtiles retidas nas aduanas europeas. Outra posibilidade sería que o goberno chinés impuxera tarifas á exportación de calzado para diminuír os embarques, segundo indicaron académicos de centros subordinados ó Ministerio de Comercio. Aquí saen a relucir outra vez os baixos costos da man de obra china e a devaluación do yuán, como dous aspectos deste novo litixio comercial intercontinental. China afronta de novo outra crise comercial coa Unión Europea como xa ocorrera o verán pasado cando miles de prendas de roupa quedaran retidas nas aduanas europeas a espera dunha solución rápida e asumible por ambas partes. De novo os países europeos poñen trabas a un libre comercio cando ven prexudicados os seus intereses de maneira tan directa. China, que dende hai dúas décadas comezou un impresionante crecemento económico de arredor do 8% anual, atópase neste momento como a maior industria manufactureira de calzado do mundo, moi por diante de EEUU e Europa, e choca coas restricións impostas pola Unión Europea, o primeiro socio comercial de China dende o 2004. Como no conto, o gato consegue facer fortuna, China logrará unha vez máis salvar os obstáculos e continuar o seu crecemento. Como afirmou Den Xiaoping “¿Qué importa que o gato sexa branco ou negro can tal de que cace ratos?”. |
Marola Padín Novás realizou prácticas no Igadi, |
![]() ![]() |
![]() Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 18/03/2006 |