China e o mundo chinés
|
||
¿Fin de ciclo en China? Por Xulio Ríos (AGN, 01/05/2006) |
||
A segunda tendencia ten que ver co cambio no modelo de crecemento. China quere depender menos das exportacións (70% do PIB) e dos investimentos produtivos, para favorecer o mercado de consumo interno. Esa nova mirada cara o mercado interior vese favorecida polas tensións cos seus socios comerciais e polas propias tensións locais (14 millóns de desempregados, 200 millóns de excedentes no campo, entre outras). Por outra banda, comeza a chamar a atención a elevación dos custes de produción, en especial, dos salarios, nas zonas máis desenvolvidas do país. Nas cidades do Sur de China, o crecemento salarial anual é da orde do 20%. As rivalidades entre o delta da ribeira do río Perolas, e o delta do Changjiang, nos arredores de Shangai, dan conta da penuria de man de obra, insuficiente a pesares do importante éxodo rural, e da baixa cualificación. Outro tanto acontece co prezo dos terreos ou cos custes dunha proteción ambiental que, por fortuna, resulta cada vez máis difícil de esquivar. A partir de 2007, o imposto sobre beneficios para as empresas de capital estranxeiro iniciará o seu tránsito do 15% actual ata o 25% (fronte ao 33% das empresas chinesas). Os patróns das pequenas e medianas empresas exportadoras consideran que non queda moito tempo para que os seus prezos sigan sendo tan xenerosamente competitivos, sobre todo de producirse a reevaluación do iuán, que chegará dun xeito ou doutro. A síntese de ambas tendencias concrétase nunha crecente simpatía polo proteccionismo. Comezan a erguerse voces en contra da compra de empresas chinesas por parte de estranxeiros, que alertan sobre a desaparición das marcas nacionais porque son adquiridas co único obxectivo de eliminalas para facerse cos mercados. Nas sesións de marzo do Parlamento houbo varias propostas para restrinxir o acceso externo aos mercados domésticos. O goberno aprobou que nos proxectos importantes financiados con fondos públicos, un 60% das compras de equipamento deben ser de produción nacional. E haberá máis medidas na mesma liña. |
||
|
||
|
||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 01/05/2006 |