China e o mundo chinés
|
||
Novo ano en Oriente Por Xulio Ríos (AGN, 30/01/2006) |
||
Pero os problemas sociais comezan a ser moi serios en China. O peso do social e do ambiental gaña espazo na preocupación dos novos dirixentes. Moitos critican xa abertamente o descoido con que se xestionou o medre das últimas décadas. A idea de que primeiro é a eficacia e logo a xustiza acabou por xerar unhas desigualdades que agora Hu Jintao promete corrixir, exaltando o valor da harmonía social, como clave para o progreso e a estabilidade do país. Por poñer un exemplo, neste ano, e por primeira vez dende o abandono do maoísmo, a educación obrigatoria será gratuíta en Beijing. A capital é das máis ricas do país, pero na inmensa maioría de China, a saúde ou a educación son segmentos que o poder público abandonou. O ingreso per capita de 600 millóns de chinos non chega a dous dólares diarios e vense sometidos a espolios constantes por parte dunhas autoridades locais que escapan do control dun poder central que, aínda co seu autoritarismo, non é quen de impoñer doadamente as súas consignas. Hu Jintao argumenta a necesidade dunha nova mirada a todos estes problemas, reclamando un poder á súa medida. O Fillo do Ceu quere afirmar o seu poder para garantir o éxito do novo impulso reformista do seu mandato, que debe rematar en 2013, na fronteira entre o dragón e a serpe. No exterior, o máis probable é que Xapón siga recibindo a mesma cara de can que ata agora. Hu visitou numerosos países de Europa, de África, de América e mesmo de Asia, pero non visitou aínda ao veciño nipón, con quen se acrecentan as diferencias. Taiwán centra boa parte das disputas máis fondas. Os independentistas do PDP e da TSU reciben un apoio importante de Tokío. Na capital china esas relacións xeran moito desacougo. Hu conseguiu nestes anos retomar a senda da recuperación da influenza na illa rebelde. Pero a crise política taiwanesa (cinco gobernos nos últimos seis anos) pode agravarse nos próximos meses. |
||
|
||
|
||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2006 |