China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
O can chino
Por Xulio Ríos (ECO, febreiro/2006)
 
 

  The Garden of Chinese Zodiac en Kowloon Walled City Park, clic para aumentar
A lealdade e a ansiedade caracterizan os cans. Dos cinco elementos (madeira, lume, terra, metal e auga), este 2006 será do lume –e non volverá a selo ata dentro de sesenta anos–, que invita a prestar unha atención especial, segundo os astrólogos chineses, ás cuestións medio ambientais. Ademais da ecoloxía, o ano debe estar marcado pola preocupación da xustiza, pola axuda aos mais desfavorecidos, poñendo por diante do diñeiro ou do poder, a exaltación dos ideais reformadores en beneficio dos marxinados. (Foto: Can no xardín do zodíaco chinés en Kowloon Walled City Park, Hong Kong).
 
A finais de xaneiro, o xigante oriental xa entrou no ano do can. Como é sabido, a astroloxía china sérvese de doce signos ou símbolos diferentes para definir doce categorías básicas. O zodíaco chino é un círculo de animais e de dimensión anual. Cada signo ten un diferente nome animal e corresponde a un período equivalente a un ano do calendario chinés, que non coincide exactamente co calendario gregoriano. Ese ano cae nunha data diferente todos os anos, entre mediados de xaneiro e finais de febreiro. A orixe desta clasificación, segundo a lenda, radica nun congreso convocado por Buda no que debían participar todos os animais do reino, pero soamente asistiron doce, premiados poñendo o nome de cada un deles a cada ano do ciclo. En fin, está claro que se debe asistir ás reunións.

A lealdade e a ansiedade caracterizan os cans. Dos cinco elementos (madeira, lume, terra, metal e auga), este 2006 será do lume –e non volverá a selo ata dentro de sesenta anos–, que invita a prestar unha atención especial, segundo os astrólogos chineses, ás cuestións medio ambientais. Ademais da ecoloxía, o ano debe estar marcado pola preocupación da xustiza, pola axuda aos mais desfavorecidos, poñendo por diante do diñeiro ou do poder, a exaltación dos ideais reformadores en beneficio dos marxinados. Seguindo a interpretación astrolóxica, pode ser este un bo ano para chegar a acordos con China, pois conducirase nas negociacións de forma honesta, fiel e sincera.

Certamente, o ambiente e a cuestión social son dous asuntos de primeira importancia no proceso chinés, ata o momento moi descoidados e por iso mesmo fonte de crises e tensións cada vez máis fondas. Milleiros de protestas teñen lugar no rural de China ante os abusos dos poderes locais, enfebrecidos por unha concepción do desenvolvemento que só pensa en “criar riqueza”, como din algúns por aquí, sen atender aos efectos a medio e longo prazo dos seus actos. Campesiños privados das súas terras ou cargados de impostos e traballadores urbanos en situación precaria constitúen unha lexión multitudinaria que pode abanear o rañaceos do desenvolvemento chinés. Existe tanta preocupación en Beijing a este respecto que entre os propios dirixentes xa ninguén se priva de criticar ao propio Deng Xiaoping por minusvalorar a dimensión social do cambio con aquelas consignas de “enriquecerse é glorioso” ou “primeiro eficacia e despois xustiza”. No campo lembran a Mao con crecente admiración e reclaman que a modernización de China avance “camiñando coas dúas pernas”.

A recente traxedia de Harbin, onde as augas do río Songhua se contaminaron con benceno trala explosión dunha planta petroquímica na veciña provincia de Jilin provocando unha mancha tóxica de 80 quilómetros de largo, permitiu constatar que o rápido crecemento económico, a industrialización e a urbanización de China, acompañado dun investimento en infraestruturas e unha capacidade de xestión inadecuadas, contribuíron no seu conxunto ao problema xeralizado da escaseza e contaminación do auga. É só unha mostra, pero se China non atende aos problemas do medio ambiente seralle difícil manter un elevado nivel de crecemento económico nas próximas décadas. E, ademais, dado o peso xeográfico, económico e demográfico de China, trátase dun tema crucial para toda a comunidade internacional.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/01/2006
Fernando Pol


Subir