China e o mundo chinés
|
||
Viraxe en China Por Xulio Ríos (AGN, 06/03/2006) |
||
Hu Jintao, o presidente do país e secretario xeral do Partido Comunista, chega a esta Asemblea cunha axenda na que sobresaen os asuntos sociais. A reforma china, moi exitosa na orde económica, presenta lagoas e fendas de groso calibre. As desigualdades, as novas pobrezas, a vivenda, o desemprego, a saúde, a educación, a inseguridade no traballo, son asuntos que requiren dunha profunda viraxe no compromiso dos dirixentes chinos. Hu toma distancias coa etapa anterior e o primeiro ministro, Wen Jiabao, asegura que non se estimaron ben as consecuencias de priorizar tanto a eficacia en detrimento da xustiza. Hoxe existen numerosas bolsas de descontento en todo o país, desarticuladas pero vigorosas e decididas para conter os abusos das autoridades. No inmenso campo, as expropiacións de terras e os impostos ilegais esgotan a paciencia e animan a rebeldía social. Na última festa da primavera, Hu Jintao viaxou a Yenan, a que fora unha das bases máis importantes do Partido Comunista na etapa revolucionaria. O xesto de Hu foi interpretado como expresión da solidariedade do goberno cos problemas dos campesiños, que aínda representan o setenta por cento da poboación. Pero estes, cansos do coqueteo do Partido Comunista cos novos empresarios, reclaman agora algo máis ca xestos, queren esperanzas fundadas de que a situación vai mellorar nos próximos tempos. Esa preocupación estará presente nas reunións do macroparlamento, pero a percepción de que pouco poden facer as súas señorías de motu propio, converte as sesións nunha posta en escena certamente espectacular pero en boa medida irrelevante. |
||
|
||
|
||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2006 |