China e o mundo chinés
|
||||||||
O soño chinés Por Xulio Ríos (AGN, 12/03/2007) |
||||||||
Despois do vertixinoso proceso de acumulación destes anos, en Beijing tómase nota dos efectos nocivos dun desenvolvemento en boa medida incontrolado, en especial, no que atinxe á dimensión social e ambiental do cambio. Semella ter chegado o momento de ser máis esixentes no eido da investigación, as novas tecnoloxías, o investimento exterior, e mesmo no respecto dos dereitos sociais da colectividade laboral, esa inmensa masa anónima que obrou o milagre do espertar chinés pero que polo momento malvive a duras penas maioritariamente marxinada da opulencia na que se recrean os seus cincuenta millóns de multimillonarios. A poderosa economía chinesa precisa, por outra banda, dunha política exterior que renuncie á modestia e arbitre unha densa rede diplomática que preserve os seus intereses estratéxicos (dende a simple influencia política á enerxía ou a seguridade alimentaria). A ofensiva chinesa en todos os continentes e espazos e a súa crecente intervención en diversos conflitos (Corea do Norte, Irán ou Sudán) evidencia que o tránsito do hexemonismo á multipolaridade é un feito e está por ver se desemboca finalmente nunha nova bipolaridade. Con estas premisas, China non será outro Xapón nin outra UE, xigantes económicos pero ananos políticos, nin tampouco buscará a toda costa a homologación que se lle reclama no político dende o mundo occidental. A transición chinesa non soamente ten unha faciana substancialmente diferente á vivida polos países do vello socialismo real, senón que o seu resultado pode ser netamente distinto. EEUU empéñase en sometela ás súas redes de dependencia, como fixo coa URSS e o seu imperio, pero aquí tropeza coas resistencias do comunismo amarelo e con toda a milenaria sabedoría confuciana, esa que afirma que dúas persoas poden compartir a mesma cama pero ter distintos soños. A China que participa na economía global ten outro soño. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2007 |
||||||||
|