China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
A sinerxía sino-taiwanesa
Xulio Ríos (ECO, xuño/2008)
 
 

  Ma Ying-jeou; clic para aumentar
O líder electo de Taiwán, Ma Ying-jeou (na foto), eloxiou o discurso pronunciado polo presidente chinés Hu Jintao na reunión que mantivo con Lien Chan, presidente honorario do seu partido, convidando a deixar de lado as disputas e a reforzar a confianza mutua.
 
A nova etapa política que se abre na illa de Taiwán, con maioría parlamentaria e presidencia en mans do Kuomintang (KMT), terá, no económico, importantes consecuencias no eido da cooperación coa China continental. A liberalización dos investimentos facilitará a presencia chinesa en todos os sectores, salvo, probablemente, naqueles relacionados coa seguridade nacional e a saúde. Igualmente, ampliaranse as posibilidades de realizar investimentos taiwaneses no continente, abrindo camiño para o reforzamento da cooperación industrial, especialmente en dominios como a comunicación sen fíos, a aeronáutica ou os semi-condutores. Nos dous primeiros meses do ano, o comercio bilateral aumentou un 23,8% e numerosas empresas están á expectativa da confirmación das novas oportunidades para impulsar as súas estratexias. Ese novo clima favorecerá os investimentos estranxeiros en Taiwán, unha maior apertura do mercado continental ás empresas taiwanesas e un relanzamento do crecemento económico na illa. En parello, a inminente posta en marcha dunha nova fase da comunicación directa entre ambos lados do estreito de Taiwán (con voos fletados os fins de semana), hoxe ultimada nos detalles técnicos e só pendente das decisións políticas, reforzará ese impulso. O desexo común de ambas partes de progresar economicamente pode facilitar os máximos esforzos na dinamización dos intercambios.

Nas últimas semanas, Pequín e Taipei observaron con gran atención os respectivos pasos, tanto nas designacións dos principais cargos do novo goberno como nas mensaxes e declaracións emitidas. O líder electo de Taiwán, Ma Ying-jeou, eloxiou o discurso pronunciado polo presidente chinés Hu Jintao na reunión que mantivo con Lien Chan, presidente honorario do seu partido, convidando a deixar de lado as disputas e a reforzar a confianza mutua. Non obstante, no continente, o entusiasmo refreouse un pouco co nomeamento de Lai Hsing-yuan, ex deputada pro-independentista, como responsable do Comité para os Asuntos da China continental, organismo clave para definir a política en relación a Pequín, xunto á Fundación para os Intercambios a través do Estreito que presidirá Chiang Pin-kung, firme partidario da normalización plena dos intercambios comerciais. As sensibilidades no seo do KMT admiten importantes matices, aínda que o rexeitamento da independencia e a defensa expresa do statu quo son principios incuestionables para a inmensa maioría da súa militancia.

A anunciada e esperada distensión no estreito de Taiwán pode influír tamén nunha flexibilización da visibilidade internacional de Taipei, hoxe en claro retroceso ante o auxe de China e o incremento paulatino dos seus aliados diplomáticos. Unha maior tolerancia continental podería concretarse na participación de Taiwán en todas aquelas organizacións onde non se require a condición de Estado para ser membro. Outro tanto podería dicirse no eido da seguridade, aínda que os pasos a dar en ambos dominios serán lentos. No económico, tamén pode permitir a Taiwán construír unha relación estable cos países da rexión evitando unha marxinación económica da illa. En suma, os beneficios do novo clima poden ser considerables, aínda que non se poden descartar altibaixos nunha relación que debe refacerse de novo e sempre coa perspectiva do longo prazo.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/05/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta