China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
A voz cantante
Por Xulio Ríos (AGN, 29/04/2008)
 
 

  José Manuel Barroso e Hu Jintao; clic para aumentar
José Manuel Barroso (esquerda), presidente da Comisión Europea, estivo en Pequín a pasada semana. Na axenda oficial figuraban os temas relacionadas coa cuestión ambiental e os diferendos económicos, que veñen crecendo nos últimos tempos. Non obstante, nas conversas mantidas con Hu Jintao (dereita) e Wen Jiabao, presidente e primeiro ministro, respectivamente, derivaron tamén sobre o enrarecido clima que hoxe preside as relacións bilaterais.
 
José Manuel Barroso, presidente da Comisión Europea, estivo en Pequín a pasada semana. Na axenda oficial figuraban os temas relacionadas coa cuestión ambiental e os diferendos económicos, que veñen crecendo nos últimos tempos. Non obstante, nas conversas mantidas con Hu Jintao e Wen Jiabao, presidente e primeiro ministro, respectivamente, derivaron tamén sobre o enrarecido clima que hoxe preside as relacións bilaterais. En escasos meses, a UE pasou de identificarse cunha política de diálogo e compromiso con China nos asuntos máis delicados, a levar a voz cantante, por riba mesmo de EEUU, no cuestionamento do rumbo do xigante oriental.

A sempre complexa política europea (os Estados, o Parlamento, a Comisión, cada un dicindo unha cousa diferente) indica un cambio de ton en relación a China, favorecido pola renovación do liderado en países importantes (Alemaña, Reino Unido, Francia), o fortalecemento da alianza trasatlántica e os propios ecos daqueles países do Leste europeo, recen incorporados á Unión, que claman con outra perspectiva contra todo aquelo que insista, anque só sexa nominalmente, en manter as referencias “socialistas”.

Os sucesos de Tíbet e os disturbios que acompañaron o facho olímpico por algunhas capitais europeas, especialmente París, están agora no epicentro da controversia, con altos emisarios de Sarkozy percorrendo despachos en Pequín e con desmentidos sonoros de empresas como Carrefour. Se en Europa críticase a política en materia de dereitos humanos de Pequín, en China condénase a parcialidade e manipulación con que os medios europeos presentan estes asuntos. O balance non ofrece dúbidas: segundo recollía o Financial Times recentemente, a ollos do público europeo, China pasou a ser o inimigo público número un da estabilidade mundial.

Non faltará en Europa quen pense, como en Estados Unidos, que a mellor política é a confrontación como estratexia para obter réditos en diversos campos, en especial, para non verse prexudicada por unha negociación que EEUU leva máis avanzada en asuntos clave como a apreciación do iuán ou a apertura dos seus mercados ás empresas e investimentos estranxeiros. China, segundo socio comercial de Bruxelas, contemplaba a Europa como unha potencia máis proclive aos seus intereses, pero a reiteración das tensións xunto ao repunte da competencia en espazos como Asia Central ou África pode arrefriar o diálogo, levala a reconsiderar a súa implicación en iniciativas estratéxicas de teórico interese para Europa (Galileo, por exemplo) e virarse mais cara Asia e outros entornos xeográficos.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi) y autor de “Mercado y control político en China
(La Catarata, 2007).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/04/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta