Leer el artículo en castellanoChina e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
China e a crise financeira
Xulio Ríos (Galiza Nación, 20/10/2008)
 
 

  Wen Jiabao; clic para aumentar
O primeiro ministro Wen Jiabao reiterou estas semanas a súa disposición a reforzar a cooperación internacional, pero o seu goberno, probablemente dos menos afectados negativamente por esta crise, faría ben en matizar a súa política económica aproveitando a oportunidade presente para reforzar a calidade do seu modelo de crecemento.
 
A xulgar polos impactos rexistrados en Europa ou en EEUU, o sistema financeiro chinés resiste con aparente folgura a crise económica mundial. A pesar da apertura das últimas décadas, o certo é que a súa matizada conexión aos mercados internacionais e o control exercido polo Estado resérvalle unha importante marxe de manobra ante as dificultades externas ou, ata, as derivadas dunha mala xestión do sistema financeiro interno. Esa proximidade entre a política e a banca, que pode chegar a explicar a subsistencia de certa opacidade e numerosos créditos incobrables, prové no momento actual de certo nivel de amparo fronte á crise global.

Dito isto, é evidente tamén que a presente crise mundial terá consecuencias en China. De feito, como primeiro sinal, non dubidou en sumarse á redución das taxas de interese para estimular o crecemento, aínda que sopesa outros impactos. En primeiro lugar, no nivel de crecemento, que podería situarse en 2008 en torno ao 8% (o FMI estima un 9,7%), unha cifra notablemente elevada segundo os criterios globais, pero por baixo das necesidades do desenvolvemento chinés e insuficiente, probablemente, para garantir unha maior seguridade de estabilidade social, especialmente se se afirma como tendencia á baixa (agravada polos efectos das xeadas do primeiro trimestre e o terremoto de Sichuan). No entanto, esa moderación do crecemento, longamente buscada polas autoridades, podería facilitar o cambio do modelo de desenvolvemento, principal obxectivo na actual fase da reforma.

En segundo lugar, a redución dos excedentes comerciais, o cal, como sinalou Akira Ariyoshi, xefe da oficina rexional de Asia-Pacífico do FMI, podería permitirlle reducir a súa dependencia das exportacións, brindando unha boa oportunidade para reequilibrar a produción e reorientala cara á demanda interior e outros mercados como África, Sudamérica ou o Sueste asiático. As exportacións chinesas a EEUU, segundo socio comercial, víronse reducidas como consecuencia da febleza económica norteamericana e o dólar débil que reduce a vantaxe no prezo dos artigos chineses. As empresas exportadoras enfrontaranse a un panorama delicado ante a baixa da demanda mundial e o aumento dos custos de produción no propio país.

En terceiro lugar, convén prestar atención ao consumo, entre a atonía e a necesidade dun impulso que reduza a dependencia respecto ao exterior. Segundo o FMI, iso veríase facilitado cunha apreciación do yuan, ao que, polo momento, resístense as autoridades chinesas. No ámbito local, cabe sinalar que o mercado inmobiliario acumula xa un crecente nerviosismo, cunha baixa nas vendas do 46%, como media, desde inicios de ano.

En cuarto lugar, o esborralle do propio mercado bolsista, que caeu máis do 50 por cento nos primeiros tres trimestres do ano.

Coas súas inmensas reservas de divisas (1,905 billóns de dólares a finais de setembro), gran liquidez, uns fondos soberanos con enorme capacidade de influencia e un desembolso significativo nos bonos do Tesouro estadounidense, é evidente que China está chamada a desempeñar un papel significativo na estabilización e redefinición do sistema financeiro internacional. Neste momento está disposta a xogar ese papel, consciente de que os equilibrios económicos e financeiros do planeta desprázanse cada vez máis cara Asia. O primeiro ministro Wen Jiabao reiterou estas semanas a súa disposición a reforzar a cooperación internacional, pero o seu goberno, probablemente dos menos afectados negativamente por esta crise, faría ben en matizar a súa política económica aproveitando a oportunidade presente para reforzar a calidade do seu modelo de crecemento.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/10/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta