China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Olimpíadas
Por Xulio Ríos (ECO, febreiro/2008)
 
 

  Cartel anunciando os xogos olímpicos; clic para aumentar
As alargadas sombras en materia de dereitos humanos van pesar o seu nesta Olimpíada, que dificilmente poderá ser reducida a un evento deportivo, ao igual que unha concepción da diplomacia que prima por riba de todo a soberanía nacional e descarta calquera tipo de intervencionismo, baseado ou non en razóns humanitarias, ou unhas relacións económicas singulares que se distancian das esixencias habituais nos comportamentos dos Estados occidentais e dos organismos internacionais que comandan. (Foto: Cartel anunciando os xogos olímpicos de 2008 en Beijing).
 
China recibe este sete de febreiro o Ano da Rata, no que ten concentradas mil esperanzas para asombrar ao mundo cunhas Olimpíadas espectaculares que transmitan esa mensaxe de modernidade e de desenvolvemento na que ven insistindo nas últimas tres décadas. Alén dos aspectos estritamente olímpicos e relacionados coas infraestruturas e a organización de tan importante evento, tres son as preocupacións centrais do goberno chinés. Unha ten que ver co entorno rexional e a necesidade de garantir a paz e a estabilidade nunha zona que nos últimos anos collera unha deriva especialmente preocupante en tres aspectos sensibles: as relacións con Xapón, o litixio nuclear coreano e as tensións con Taiwán. A habilidade diplomática de Pequín e certa fortuna permitiron que novos rumbos emerxeran na península coreana e no liderado nipón e, por último, todo parece indicar que Taiwán, a raíz dos resultados das eleccións lexislativas do pasado 12 de xaneiro, quer deixar atrás a dinámica de enfrontamento co continente, prognóstico que podería confirmarse nas decisivas eleccións presidenciais do vindeiro 22 de marzo.

En segundo lugar, a situación socioeconómica interna na que se advirten signos de preocupación como o repunte da inflación, as tensións relacionadas co iuán, a moeda chinesa, e as garantías dos produtos orientados cara a exportación que tanto danaron a súa imaxe durante o pasado ano. China habilitou baterías de medidas para facer fronte a estes riscos e multiplicou o diálogo cos seus principais socios comerciais. Con seguridade, seguirá crecendo en 2008 a un ritmo similar ao dos últimos anos e as autoridades terán serias dificultades para meter en cintura aos poderes territoriais que aínda recean do novo modelo de desenvolvemento que preconiza o poder central. A harmonía debe presidir a evolución chinesa a todos os niveis, pero non será doado pasar das palabras aos feitos e as numerosas tensións que habitan no xigante, unhas visibles e outras máis ocultas, relacionadas cos desequilibrios económicos e as desigualdades sociais pero tamén coa disidencia política, poderían emerxer, pese aos esforzos por controlalas e reprimilas. Con todo, a capacidade que aínda conserva o Estado en todas as ordes ofrece unha ampla marxa de manobra que non pode desprezarse.

Neste último aspecto é onde as dificultades do liderado chinés poden ser máis plausibles. As alargadas sombras en materia de dereitos humanos van pesar o seu nesta Olimpíada, que dificilmente poderá ser reducida a un evento deportivo, ao igual que unha concepción da diplomacia que prima por riba de todo a soberanía nacional e descarta calquera tipo de intervencionismo, baseado ou non en razóns humanitarias, ou unhas relacións económicas singulares que se distancian das esixencias habituais nos comportamentos dos Estados occidentais e dos organismos internacionais que comandan. Cabe imaxinar que estes aspectos, internos e externos, collerán pulo na axenda mediática nos próximos meses e obrigarán a China a dar explicacións que, en moitos aspectos, dificilmente serán de recibo en boa parte da comunidade internacional. Medidas cosméticas aparte orientadas a neutralizar as críticas máis virulentas, non cabe imaxinar grandes mudanzas no comportamento político chinés. As Olimpíadas serán o escaparate da nova China, das súas virtudes e os seus defectos.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi) y autor de “Mercado y control político en China
(La Catarata, 2007).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/01/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta