China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Un ano difícil para China
Xulio Ríos (AGN, 18/05/2008)
 
 

  Hu Jintao en Shifang (Sichuan); clic para aumentar
A multiplicación de reveses de todo tipo é un trago duro para o réxime que ata agora ten reaccionado con certa rapidez, mobilizándose no plano político (coas primeiras figuras do goberno a pé de obra) e loxístico (mobilizando tropas e medios complementarios), e apelando á conciencia nacional para superar e crecerse nestas situacións, fronte ás que todos os medios dispoñíbeis resultan escasos. (Foto: 18/05/2008. Hu Jintao (á esquerda co megáfono) diríxese aos equipos de rescate que traballan nas ruínas dunha factoría química en Shifang, preto do epicentro do terremoto que asolou a rexión de Sichuan).
 
Todos en China imaxinaban este 2008 como un ano especialmente alegre que debería escenificar o regreso do vello Imperio do Centro á comunidade universal das nacións, cunha posta ao día que transcendera o mero feito económico, ese protagonista indiscutible dos últimos tempos, para acomodar co exterior todos os resortes da súa variada e rica civilización. Non obstante, xa no comezo do exercicio, as dificultades da economía estadounidense xunto ao repunte da inflación interna, aconsellaban moderar certas expectativas. O obxectivo do goberno chinés para 2008 é conter a inflación nun 4,8%, pero podería dobrarse e mesmo chegar aos dous díxitos a final de ano. As extraordinarias xeadas invernais rexistradas no centro do país, en plena festa da primavera, tiveron un importante impacto na economía da zona, unha calamidade natural á que cómpre sumar agora o grave terremoto que afectou, fundamentalmente, á provincia central de Sichuan, o arrozal do país, con milleiros de mortos e feridos e cuantiosos danos materiais.

Ás dificultades económicas e ás calamidades cómpre sumar a maior catástrofe ferroviaria en vinte anos, o repunte de epidemias como a febre aftosa e as tensións políticas, iniciadas coa revolta no Tíbet e o polémico percorrido do facho olímpico, que en chinés dise “xuan yuan”, que significa, nada menos, que “bos augurios”, prognóstico que non parece que vaia camiño de cumprirse, abrindo frontes internas e externas que aínda non están pechadas de todo. A multiplicación de reveses de todo tipo é un trago duro para o réxime que ata agora ten reaccionado con certa rapidez, mobilizándose no plano político (coas primeiras figuras do goberno a pé de obra) e loxístico (mobilizando tropas e medios complementarios), e apelando á conciencia nacional para superar e crecerse nestas situacións, fronte ás que todos os medios dispoñíbeis resultan escasos.

Non se pode descartar que estes condicionantes, tanto os fortuítos coma os estruturais, vaian a máis nos próximos anos. Por iso, cantar a groria do proceso chinés pode ser precipitado, especialmente nun momento difícil como o presente cando, en parello, preténdese tamén mudar de modelo de crecemento. Aínda que o país dispón de medios importantes e unha fortaleza histórico-vital indiscutible, cómpre non perder de vista esta suma de dificultades que pode afectar ao proceso máis do inicialmente previsto e oficialmente recoñecido.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi) y autor de “Mercado y control político en China
(La Catarata, 2007).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/05/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta