China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
China e a crise financeira internacional
Antonio Martínez Puñal (Xornal de Galicia, 07/07/2009)

Versión para imprimir

 

O papel crecente da China na esfera internacio- nal. A actual crise económica internacional evidencia o fracaso do liberalismo máis descarnado aínda que non dos seus xestores indemnes ao pavor internacional creado por eles. Un dos seus síntomas maniféstase no debilitamento do dólar –ligado aos problemas do déficit estadounidense- como divisa clave de referencia.

Neste contexto, China está moi atenta á evolución do dólar debido a tres dados reveladores: as súas reservas exteriores alcanzan os 1,95 billóns de dólares a fins do 2008, a cifra máis elevada do mundo; os chineses son os principais posuidores de débeda pública americana, con 768.000 millóns en bonos do Tesouro, sendo así o maior acredor dos Estados Unidos; finalmente, os investimentos chineses vencellados ao dólar poderían duplicar a última cantidade.

Dereitos Especiais de Xiro, non necesariamente v. dólar. Así as cousas, non resultará para nada estrano que ultimamente, entre outros, polo Brasil, Rusia, India e China (os BRIC, que, segundo estimacións, cara o 2050 poderían alcanzar ás principais economías mundiais), viñérase falando da necesidade de ponderar o peso do dólar, abríndose paso a unha nova moeda de referencia internacional. Esta moeda podería ter como punto de partida os “Dereitos Especiais de Xiro” (DEX). Os DEX constitúen un canastro de moedas formado por catro divisas, dólar, yen, euro e libra, que aínda que xa vén sendo utilizado polo Fondo Monetario Internacional como un activo virtual financeiro internacional, ata hoxe desenrolaron un papel moi limitado.

O que estaría en xogo a medio prazo, ao obxecto de limitar as consecuencias das flutuación do dólar, sería unha eventual substitución deste como moeda exclusiva de reserva e referencia. Nesa liña apuntan novos esquemas de pagos entre Arxentina e Brasil, a aprobación do Sistema Único de Compensación Rexional de Pagos (SUCRE) polo ALBA, así como as accións da China, que –nun marco interno de limitacións sociais, pero de crecente presenza internacional— viría contemplando, nun prazo duns dez anos, un desprazamento do dólar e unha maior presenza do yuan. A tal fin, asinaría acordos de permuta financeira coa Arxentina por 10.200 millóns de dólares e con Corea do Sur, Hong Kong, Malaisia, Bielorrusia e Indonesia por arredor de 94.000 millóns.Os importadores destes países poderían pedir yuans ao Banco Central para comprar produtos chinos.Dende o noso punto de vista, parecería que unha actuación conxunta da comunidade internacional, buscando mecanismos de articulación nos pagos internacionais, debería de ir abríndose paso ante posíbeis problemas presentes e futuros, máis aínda nun térreo sen dúbida tan propenso ao fenómeno da especulación...

 

 
 

Antonio Martínez Puñal,
é membro do Consello Reitor do IGADI

 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/07/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta