China e o mundo chinés
|
||||||||
China medra coa crise Xulio Ríos (ECO, abril/2009) |
||||||||
Durante a sesión anual do Parlamento chinés celebrada en marzo pasado, o primeiro ministro Wen Jiabao anunciou unha previsión de crecemento para 2009 do 8 por cento, despois de atinxir o 9 por cento en 2008 –que podería acabar sendo algo máis– a pesares da crise, das xeadas e do grave terremoto de Sichuan. Algúns analistas advirten a presenza de certos indicios de revitalización na economía chinesa, aínda que outros salientan a necesidade de estremar a cautela e agardar a que a tendencia de repunte afirme unha maior solidez. O Plan de relanzamento da economía chinesa aprobado polo goberno central e por un importe de 4 billóns de iuáns pode ser unha grande oportunidade para que poida crecer por dentro, encarando os seus grandes problemas estruturais e fortalecendo unha orientación produtiva máis virada para os mercados internos e menos dependente das exportacións. O ambiente, as novas tecnoloxías, as infraestruturas, especialmente no medio rural, os servizos, etc., abren, coa crise, novas expectativas de estimulo que poden contribuír a cohesionar mais e mellor o sistema produtivo e a sociedade chinesa, que aínda presenta graves facturas internas. Esa necesaria mirada cara o interior, xa en axenda previamente pero agora incorporada como imperativo inexorable, pode ser complementaria desa outra que, en termos de adquisicións e investimentos, promoveron os dirixentes chineses nos últimos tempos visitando os catro continentes e amosando a súa disposición a cooperar para atopar unha saída á crise e frear as tendencias proteccionistas. O certo é que aínda pasando China a ocupar a segunda praza no ranking das economías mundiais, de pouco valen eses números absolutos. A pesar da súa transcendencia e inocultable significado, o realmente importante é que o PIB per cápita de China segue a ser baixísimo. Ese é o verdadeiro indicador do progreso económico deste inmenso país que, a pesar dos indiscutibles avances experimentados nas últimas décadas, presenta aínda trazos de acusado subdesenvolvemento en numerosos territorios da súa xeografía. Segundo o último informe do Banco Mundial, en termos de paridade de poder de compra, China con 5.370 dólares, está clasificada por detrás de países como Exipto, O Salvador ou Armenia. O investimento en benestar, indispensable en tempos de crise para amortecer a crispación social, constitúe unha demanda básica para proporcionar esa seguridade elemental que pode estimular o consumo e reducir esas altísimas taxas de aforro tan presentes e habituais na que, quizais pronto, será a primeira economía de Oriente. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2009 |
||||||||
|