China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Malos fumes
Xulio Ríos (AGN, 06/09/2009)

Versión para imprimir

 

O debate sobre as cuestións ambientais vai gañando calado na China . Despois de varias décadas de desenvolvemento acelerado baixo o principio de “primeiro producir, despois limpar”, nos últimos anos, á par da necesidade de formular un novo modelo de crecemento menos dependente das exportacións, da man de obra barata e do investimento exterior, está a xurdir unha nova conciencia ambiental. Unha China moderna e poderosa precisa dun desenvolvemento con gran valor engadido, tecnicamente avanzada e respectuosa co medio. Así, case dun día para outro, volveuse común na China o uso de bolsas de tela ou o cesto da compra, en lugar das bolsas de plástico, cun consumo cada vez máis reducido, xunto ao aforro de enerxía ou a preocupación pola redución das emisións de gases contaminantes. Non obstante, os desafíos que China ten por diante neste aspecto (polución, chuvias ácidas, acceso a auga potable, aumento da temperatura na meseta Qinghai-Tibet, etc), tanto no eido estrutural como no da conciencia social, son enormes. A terceira economía do mundo é das máis contaminadas do planeta. Estimase que uns 750.000 chineses morren prematuramente por mor da contaminación do aire e da auga.

Pero non é só economía. A ecoloxía é parte inseparable hoxe da estabilidade social. Os recentes casos de nenos contaminados con chumbo (en Hunan e en Shaanxi) e outros escándalos ecolóxicos graves en diferentes provincias alertan do incomodo existente. As autoridades pechan fábricas e amoestan a unhas autoridades locais que incumpren sistematicamente as previsións legais ao tempo que prometen mais transparencia e mais respecto para os activistas e movementos ecolóxicos fustrigados (e castigados con penas de cárcere) con pretextos diversos cando amosan sinais de resolución e independencia de criterio respecto ás autoridades. O mes pasado, por primeira vez, dous procesados eran condenados a penas de cárcere por contaminación ambiental, responsables de verter residuos tóxicos dunha planta química a un rio local, a principal fonte de auga potable dunha cidade de máis de 200.000 habitantes.

As prioridades centrais mudaron e a sensibilidade ambiental medrou de forma significativa se a comparamos coa existente hai un lustro. Non obstante, vencer as resistencias locais e dobregar os intereses de curto prazo dalgunhas corporacións non vai ser tan doado coma substituír as bolsas de plástico polas cestas de vimbios. Pero non hai outro camiño responsable.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/09/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta