China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
O auxe do nacionalismo chinés aumenta o resentimento das minorías
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 12/07/2009)

Versión para imprimir

 

O presidente do IGADI, que se encontra na localidade china de Kunming para acudir a unha conferencia sobre Nacionalidades minoritarias e autonomías, fai unha radiografía da situación actual que se vive no país, das súas causas e do futuro próximo.

¿Cal é o ambiente en China despois dos disturbios de Urumqi?
A reacción da maioría han, polo xeral, é de estupefacción e de tristura. Non culpan ao goberno, senón aos uigures. Os han son as vítimas. Existe descontento porque consideran que as nacionalidades minoritarias gozan de máis dereitos ca eles e, sen embargo, non dan máis que ‘problemas’.

¿Poderíanse estender os enfrontamentos a outros lugares do país?
O goberno tomou serias medidas para evitar que se extendan, especialmente no Tibet, onde se reforzaron os dispositivos militares de control e vixilancia. Respecto a outras zonas de Xinjiang, só hai rumores sen confirmar e as outras minorías musulmanas (os hui, sala, etc.), por regra xeral, están moi sinizados e lonxe de compartir as reivindicacións independentistas dos uigures.

A orixe dos enfrontamentos está relacionada cun incidente nunha fábrica, parece pouca razón para a magnitude da traxedia, ¿cal é o trasfondo?
O malestar nesta rexión autónoma ven de vello e obedece a causas relacionadas coa inmigración han, que pasou de representar o 6% ao 40%, reducindo a maioría uigur a un 30% da poboación. Tamén interveñen outros factores: o desenvolvemento chinés precisa as súas materias primas como auga de maio e existe unha insatisfacción cultural, relixiosa e social. O auxe do nacionalismo chinés está aumentando o resentimento dalgunhas nacionalidades minoritarias que non se senten parte da súa cosmovisión, nin das súas aspiracións de grandeza e riqueza, pero que acaban pagando os pratos rotos desa ambición co sacrificio da súa identidade, convertida nun parque temático para uso e goce do turismo continental.

¿Qué lle parece que o Goberno acuse a uigures de pertencer a grupos separatistas entrenados por Al Qaeda e que escapen da rexión por medo a novos enfrontamentos?
Hai grupos terroristas no Xinjiang que poden ter conexións con outros grupos semellantes de Asia central ou Paquistán. Ese tipo de violencia é un feito común dende hai anos, nesta zona e o goberno ten grandes dificultades para encarala con éxito. Catro días antes do inicio dos Xogos Olímpicos destruíron unha comisaría e mataron a 15 policías, iso a pesar do enorme dispositivo de seguridade arbitrado para a ocasión. Pero este argumento, agora, pretende servir de coartada para gozar de mans libres ante o mundo para cortar en seco toda aspiración independentista nunha zona que económica e estratexicamente é moi importante para China. Para Pequín non hai autocrítica ningunha que facer, o cal aventura novos e graves problemas.

Unha das cuestións das conferencias do Congreso da IUAES é a autonomía rexional das nacionalidades minoritarias, ¿é esa unha posibilidade real en China para os uigures e para outras etnias?
Formalmente, os uigures dispoñen de autonomía, pero na práctica é inexistente. Quen mandan nas cinco rexións autónomas da China é o secretario do PCCh e sempre é un han, mentres que outros cargos de representación de menor transcendencia déixanse en mans das correspondentes nacionalidades minoritarias. É un problema de desconfianza e de modelo político da China que precisa dunha profunda reforma non soamente no sentido democratizador senón tamén na concepción da súa arquitectura politico-territorial. En certos sectores do mundo académico estas ideas gozan de acollida, pero no eido político estas convulsións invitan a frear os posibles cambios entrando nunha espiral de difícil saída. Se o goberno non toma a iniciativa política e insiste en estremar a represión, as tensións irán en aumento aínda que en aparencia de momento logren sufocalas.

 

 
 

Xulio Ríos,
é director do IGADI

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/07/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta