China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Obama en China
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 16/11/2009)

Versión para imprimir

 

Ata onde poden entenderse China e EEUU? A visita de Obama escenifica unha nova era, auguran todos os medios. Sen dúbida, China pesa cada vez máis no mundo e son cada vez máis os problemas que precisan do seu concurso para albiscar solucións. A cooperación, expresada como vontade e como política de ambas partes, asenta nun pragmatismo compartido que vai dende a loita contra o cambio climático ata a recuperación do diálogo hexagonal sobre Corea do Norte. Como sinal clara dese novo tempo, é posible que nesta visita Washington conceda a Pequín o recoñecemento como economía de mercado, un status aínda non outorgado pola UE ou Xapón, e que en China consideran de alto valor político por riba das implicacións técnicas que podera ter no eido económico en relación aos dereitos antidumping ou a imposición de medidas compensatorias que lastran a relación económica cos seus principais socios comerciais.

A China de hoxe, pese a estar gobernada por un partido que se autoproclama comunista, non é a URSS de onte. Non manifesta vocación algunha de universalizar o seu modelo político ou económico nin, pese a algunhas dúbidas, semella querer fundamentar no militar a forza do seu poder. Mesmo diríase que alá onde medrou a súa influencia, falemos de África ou de América Latina ou Asia mesmo, alenta esperanzas de seguir o exemplo chinés, xa falemos dos gobernos ou dos movementos sociais. China só aspira a desenvolverse por si mesma e a rencontrarse coa súa civilización, a gobernar no seu mundo sen interferencias alleas. Cabería deducir diso que non representa un perigo para o imperio por excelencia. As teorías da confrontación ou da contención entre os dous xigantes caen en desuso, se ben non así as incógnitas sobre o futuro rumbo dunha China que de seguir fiel á súa traxectoria histórica pode consolidar unha emerxencia pacífica, pero que no actual contexto de interdependencia global, asume, por forza, a necesidade de garantir unha presenza internacional suficiente para defender os seus intereses que cada vez teñen máis ponlas no exterior.

Se a partir de aquí, EEUU, en relación a China, multiplica os xestos tranquilizadores a propósito dos seus intereses vitais (que tanto intranquilizan a defensores dos dereitos humanos, das nacionalidades minoritarias ou en Taiwán), cabe que China corresponda con medidas que, fuxindo de caer nas redes de dependencia estadounidense, amosen unha vontade de acercamento na orde política, militar ou estratéxica. O principal límite radica nas diferenzas sistémicas e nos valores que as fundamentan, aspectos aos que Pequín opón aínda un valado dificil de sortear por mais que Obama intente picar nel. E non se trata tanto de protexer o legado maoísta ou de deixar aberta a hipótese da construción futura dalgunha forma de socialismo como da obsesión por non arruinar  hoxe a consolidación do proceso de emerxencia nacional.

 
 

Xulio Ríos,
é director do IGADI

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta