| China e o mundo chinés |
||||||||
| Reconstrucións Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 17/05/2009) |
||||||||
O primeiro aniversario da traxedia de Sichuan (China) presenta un dobre balance. As autoridades centrais, co presidente Hu Jintao á cabeza, apuraron o paso para amosar, como é habitual, a súa proximidade coas vítimas dun desastre que conmoveu ao mundo na véspera dos Xogos Olímpicos, pasando a segundo plano as protestas pola represión no Tíbet ou a negación dos dereitos humanos. A reconstrución material avanza con problemas, pero cómpre recoñecer que o goberno chinés dispón de musculatura suficiente para encarar as prementes necesidades con relativa eficiencia. Outra cousa é a xestión da resposta inmediata, en mans de equipos militares mobilizados para todo tipo de continxencias, pero carentes de socorristas cun nivel de profesionalización axeitado. Non parece que esta demanda estea na axenda. E mais complexa aínda resulta a reconstrución da confianza cívica. A masiva presenza de forzas policiais nos actos conmemorativos en previsión de manifestacións dos pais dos escolares que faleceron aplanados en instalacións educativas en pésimo estado, non por deterioro senón por graves defectos de construción, dan conta do temor a unha espiral incontrolable de protestas que só a transparencia podería saciar: investigación a fondo das causas da traxedia, procesamento e condena dos responsables corruptos, compensación ás familias, etc. Nos últimos anos, a evolución informativa en materia de catástrofes foi moi positiva, pero a todas luces incompleta. Non se ocultan como antes, pero a información a medias tintas é a norma. Os límites están nas fronteiras da política. A conduta do goberno, fraudulenta á hora de dar todas as explicacións necesarias, ten un perigo engadido pois amosa aos cidadáns que a democracia non é unha reivindicación política abstracta, senón que constitúe o cerne mesmo para dirimir cuestións como o nivel de opacidade a propósito do acontecido cos seus seres máis queridos ou a decisión de onde investir e como facelo, pensando nas necesidades de seguridade elemental da cidadanía –comezando polos nenos- ou nos pasmosos edificios chamados a exhibir esa contraditoria modernidade que caracteriza o presente chinés. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/05/2009
|
||||||||
|
||||||||