China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Taiwán: a polarización KMT-PDP
Marta Cruz Liñeira (igadi.org, 04/12/2010)

Versión para imprimir

 

Taiwán afronta un panorama político fortemente polarizado de cara aos comicios presidenciais de 2012. O pasado 27 de novembro celebráronse eleccións locais e parciais en cinco municipalidades especiais de Taiwán: Xinbei, orixinalmente o condado de Taipei, así como tamén na propia capital taiwanesa, Taipei; e nas cidades e condados de Taichung, Tainan e Kaohsiung.

A estas eleccións concorreron o partido nacionalista Kuomintang (KMT) e o independentista Partido Democrático Progresista (PDP), así como outros candidatos independentes ou sen afiliación política. Os resultados confirmaron a vitoria do Kuomintang en tres municipalidades: Taichung, Taipei e Xinbei. Pola súa banda, o PDP venceu nas restantes Tainan e Kaohsiung.

Os elixidos foron Eric Chu (KMT) en Xinbei; Hau Lung-bin (KMT) en Taipei; Jason Hu (KMT) en Taichung; Lai Ching-der (PDP) en Tainan; e Chen Chu (PDP) en Kaohsiung. Non obstante, sumando a cantidade de votos totais nas cinco municipalidades, o PDP obtivo máis sufraxios ca o KMT, cunha diferenza próxima aos 400.000 votos. Estes comicios municipais son salientables non só pola súa representatividade senón pola súa incidencia na configuración do mapa político taiwanés. As cinco municipalidades engloban a 13,7 millóns de taiwaneses, correspondendo ao 60% dunha poboación total de 23 millóns.

A tendencia na votación nestas municipais supón un barómetro político clave de cara ás presidenciais de 2012, con consecuencias internas para ambos partidos, en especial á hora de calibrar o liderado e a xestión do actual presidente Ma Ying-jeou (KMT) e, inevitablemente, da política taiwanesa con respecto a China continental (República Popular China, RPCh), así como de cara ás previsibles reaccións de Beijing ante o panorama político en Taiwán.

Paralelamente, compre observar a importancia dos candidatos presentados por cada partido, en particular de cara aos comicios presidenciais de 2012. En Xinbei, os contrincantes correspondían a candidatos de alto nivel: no caso do PDP estaba representado por Tsai Ing-wen, presidenta do partido e posible candidata ás eleccións de 2012, mentres o finalmente vencedor, Eric Chu (KMT), foi anteriormente viceprimeiro ministro no gabinete do actual presidente Ma Ying-jeou.

No caso de Taipei, municipio clave por ser a capital taiwanesa e onde gañou Hau Lung-bin (KMT), actualmente lexislador e fillo dun ex primeiro ministro, a elección marcaba un pulso político de gran consideración debido a que o seu rival Su Tseng-chang (PDP) foi primeiro ministro e secretario xeral da presidencia durante o mandato do ex presidente Chen Shui-bian, considerado como un dos “catro reis celestiais” ou “homes fortes” dese goberno.

Pola súa banda, o PDP logrou unha estratéxica vitoria en Tainan co seu candidato Lai Ching-der, ex voceiro do gabinete do ex presidente Chen Sui-bian e secretario xeral deste partido en 2006 ata a súa dimisión. En Taichung, o actual alcalde Jason Hu (KMT) renovou o seu mandato contra Su Jia-chuan (PDP), un ex ministro de Interior e membro da Asemblea Nacional. Por último, en Kaohsiung, o PDP logrou outra importante vitoria debido a que a súa candidata Chen Chu non só derrotou ao KMT senón que venceu ao ex alcalde Yang Chiu-hsing, quen se postulaba como independente tras romper co PDP.

A campaña electoral estivo marcadamente centrada en aspectos de índole local, tales como a contaminación nas cidades, a articulación e complementariedade de medios de transporte (como o caso do sistema KRT en Kaohsiung); e, principalmente, temas de política xeral, tales como a discutida xestión gobernamental durante a crise provocada polo paso do tifón Morakot (agosto de 2009); a corrupción administrativa dentro dos partidos políticos, o seu polémico financiamento ou a compra de votos.

Paralelamente, causou controversia un escuro atentado (aínda non esclarecido) contra un representante do KMT, Sean Lien (fillo do presidente honorario do KMT, Lien Chan), no condado de Taipei, horas antes das votacións, suceso relacionado coa mafia taiwanesa e as súas proxeccións na vida política. O PDP, que condenou o atentado, esixe unha investigación a fondo.

Á luz dos resultados electorais, estes comicios municipais en Taiwán amosan un mapa político altamente polarizado e hexemonizado entre o KMT e o PDP, que vai acentuarse de cara ás eleccións lexislativas e presidenciais de 2012.

 
 

Marta Cruz Liñeira (Facultade de Políticas, USC), actualmente realiza prácticas no IGADI .

 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/12/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta