China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Diminúen as tensións ocultas entre China e Xapón
Masashi Oki (igadi.org, 03/08/2010)

Versión para imprimir

 

Nun artigo titulado Tensións ocultas entre China e Xapón(1) explicouse hai tempo os intereses confrontados entre China e Xapón en materia de explotación do campo de gas natural no Mar de China Oriental. Non obstante, o pasado 27 de xullo de 2010 comezou unha primeira negociación para concertar un tratado bilateral baseado na promoción dunha relación mutuamente beneficiosa con base en intereses estratéxicos comúns(2).

Poderán China e Xapón fortalecer a cooperación recíproca? Con que obxecto? Repasemos os movementos arredor da explotación do campo de gas natural no Mar de China Oriental. Existen cinco campos de gas natural no entorno da “Liña Media entre Xapón e China”, que corresponde a unha demarcación da Zona Económica Exclusiva reclamada por Xapón. China di que a liña de demarcación non está na Liña Media senón no lugar coñecido como Okinawa Trough(3). Os cinco campos de gas natural teñen o seu propio nome, tanto en xaponés como en chinés, polo cal serían Shirakaba (Chunxiao), Kashi (Tianwaitian), Kusunoki (Duanqiao), Kikyo (Pinghu) e Asunaro (Longjing).

En xuño de 2004 descubriuse que China comezara a explotación do campo de gas preto da Liña Media e Xapón protestou contra esta explotación. Ao cabo dun mes, Xapón empezou a facer unha investigación propia preto da Liña Media e China protestou contra Xapón. Segundo o resultado da investigación, o Ministerio de Economía, Comercio e Industria de Xapón anunciou en 2005 que a estrutura subterránea de Shirakaba, Kusunoki e Asunaro atravesan a Liña Media. En xuño de 2008, Xapón e China chegaron a un acordo polo que Toquio proseguirá a explotación de Shirakaba e que os dous países van empezar a explotación cooperativa arredor de Asunaro. Dicíase que esta controversia había resolverse nuns meses despois do acordo, pero non comezou a explotación por medo a que China fose sometida a duras críticas no interior do país dado que “cedeu ante o goberno xaponés”(4).

En xaneiro de 2009 descubriuse que China comezara a explorar Kashi, un punto obxecto de discusión continua. En decembro de 2009, descubriuse que China mellorara o procedemento de exploración en Shirakaba. En maio de 2010, un barco de investigación de China perseguiu durante catro horas ao barco de medición da Axencia de Seguridade Marítima de Xapón á beira da Zona Económica Exclusiva do Mar de China Oriental, para esixir a suspensión da obra. O ministro de Asuntos Exteriores xaponés, Okada Katsuya, protestou o que considerou como unha violación da soberanía, co cal creceu temporalmente a tensión.

Con todo, a finais dese mesmo mes chegouse novamente a un acordo para concertar o tratado cando o primeiro ministro chinés Wen Jiabao, visitou Xapón. Na primeira negociación celebrado o 27 de xullo de 2010 participaron por parte xaponesa Saiki Akitaka, director xeral de Departamento de Asuntos Asiáticos e Oceánicos no Ministerio de Asuntos Exteriores; e Toru Ishida, secretario en xefe de Axencia de Recursos Naturais e Enerxía. Do lado chinés, estivo Ning Fukui, secretario xeral de Departamento de Fronteira e Asuntos do Océano.

A negociación seguiu o ritmo marcado por China. Xapón reclamou igualdade de condicións á hora de explotar Shirakaba, pero China non abrandou e esixiu que o lote xaponés non pase do 50%. Finalmente, só se confirmou a aspiración común a un acordo inmediato e que a segunda fase da negociación celebrarase este outono en Beijing. O primeiro ministro de Xapón, Naoto Kan, comentou prudentemente o seu desexo de que o Mar de China Oriental sexa un “Mar de Yu-Ai” (Irmandade) como dicía o ex primeiro ministro Yukio Hatoyama.

Agora ben, a explotación do campo de gas natural non é só un asunto económico senón tamén un problema que afecta á soberanía. A liña de demarcación da Zona Económica Exclusiva entre Xapón e China aínda non se delimitou. Iso explica a actitude conciliadora na negociación.China non pode admitir facilmente que os campos de gas natural estean á beira de China da Liña Media, aínda que atravesan a Liña Media. A explotación antes de definir a liña de demarcación é un exemplo do que poidera ser unha relación mutuamente beneficiosa baseada nun interese estratéxico común, pero é difícil de resolver.

Desde o punto de vista da política internacional, China ten motivos para achegarse a Xapón. Segundo o Director do IGADI, Xulio Ríos, “no espazo rexional, o entendemento con Xapón é a peza clave para garantir a estabilidade na contorna próxima. A proposta do primeiro ministro Hatoyama de crear unha Comunidade do Leste Asiático abre espazo para reflexionar sobre outra Asia posible, sen a presenza condicionante de EUA”(5).

Ademais do propósito de crear a Comunidade do Leste Asiático, China ten medo ao antagonismo con EUA. Recentemente, produciuse un conflito entre China e EUA no Mar de China Meridional polo problema territorial(6). E tamén as manobras conxuntas de EUA e Corea do Sur celebradas entre o 25 e 28 de xullo despertaron a antipatía de China. Aínda que o escenario destas manobras foi trasladado do Mar Amarelo (preto de China) ao Mar do Xapón pola forte reacción de Beijing, as próximas manobras executaranse en setembro no Mar Amarelo e pode que isto produza un maior antagonismo entre China e EUA-Corea do Sur. Por iso, agora China ten un motivo para non intensificar a tensión con Xapón no Mar de China Oriental.

A China non lle gusta a presenza de EUA en Asia. En Xapón, aínda que está arraigada profundamente a opinión de que o sistema de Seguridade entre Xapón e EUA é o máis importante en Asia e é un contrapeso para China, a actitude do goberno xaponés con Washington está cambiando lentamente. Polo tanto, hai unha posibilidade de achegamento sino-xaponés a través da negociación sobre o campo de gas natural no Mar de China Oriental. Aínda que o seu final resulta incerto, o inicio da negociación contribúe a diminuír a tensión entre China e Xapón e é un sinal de que Beijing empezou a buscar un sistema de maior estabilidade en Asia.

 


(1) OKI, Masashi, “Tensións ocultas entre China e Xapón”, 21 de novembro de 2007, http://www.xornal.com/artigo/2007/11/21/mirada-global/tensions-ocultas-entre-china-e-xapon-por-masashi-oki/2007112107094600000.html

(2) Ministerio de Asuntos Exteriores de Xapón, “Comunicado nipo-chinés”, 7 de maio de 2008 http://www.mofa.go.jp/region/asia-paci/china/joint0805.html

(3) Ministerio de Asuntos Exteriores de Xapón, “Posición legal de nuestro país sobre la explotación de recursos en el Mar de China Oriental”, http://www.mofa.go.jp/mofaj/area/china/higashi_shina/tachiba.html

(4) El Periódico Sankei, 28 de xullo de 2010

(5) RÍOS, Xulio: “A China do século XXI”, Tempo Exterior, nº 20, Xaneiro-Xuño 2010, p15.

 
 

Masashi Oki,
é licenciado en Ciencia Política pola Chuo University (Xapón)
e analista colaborador do IGADI.

Masashi Oki, clic para aumentar
 
 
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta