China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
A forza dunha cultura
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 14/02/2010)

Versión para imprimir

 

Aqueles que vaticinaban a irremediable colonización cultural occidental como consecuencia da apertura de China ao exterior e a conseguinte invasión das multinacionais do mundo desenvolvido, ignoraron a enorme forza da cultura chinesa. Non é só que os McDonalds, Kentucky, a Coca-cola ou Pizza Hut deben adaptar os seus produtos ao gusto chinés simplemente para ser competitivos e aceptados no seu mercado, senón que a cada paso poderemos constatar a maior presenza entre nós das celebracións máis destacadas da cultura chinesa, como esta da Festa da Primavera. China absorbe e dixire todo canto lle chega de fóra (mesmo o Nadal ou o San Valentín que coincide en 2010 co primeiro día do Ano do Tigre) cun espírito enormemente pragmático, sen medos e sen perder de vista o que é radicalmente propio fronte ás manifestacións culturais alleas que ás veces peneira cun aire de distanciamento e mesmo con complexos derivados de séculos de humillación e subdesenvolvemento.

A forza económica crecente deste país e a firme vontade política dun goberno que xa comprendeu a importancia da cultura para manter e desenvolver unha conciencia nacional que ten importancia vital para asegurar a subsistencia do réxime, anticipan unha dilatada e potente estratexia de Pequín para facerse cada día máis visible nas sociedades occidentais ofrecendo unha faciana diferente que relativice aquela que amosan comunmente os medios e na que priman as informacións negativas e descualificadoras. Ese diálogo enriquecedor entre sociedades, sustentado nunha potente política cultural á que semella terlle chegado a súa hora, pode abrir espazos ao entendemento e visibilizar unha evolución interna que se pode ir da obsesión pola economía ata a preocupación pola cultura, quizais poida tamén acabar afectando a aspectos neurálxicos dunha política hoxe case tan opaca e distante como a propia identidade cultural chinesa.

Naturalmente, nin todo está feito nin as contradicións están ausentes ao igual que as asimetrías emerxen en numerosos ámbitos produto de carencias notables que hoxe, en virtude do poder económico, poden ser corrixidas mais doadamente. En calquera caso, o fomento da diplomacia pública non se entende en Pequín á marxe dunha fonda aposta pola cultura.

 
 

Xulio Ríos,
é director do IGADI

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta