China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
O yuan, ¿moeda internacional?
Xulio Ríos (ECO, setembro/2010)

Versión para imprimir

 

Coincidindo coa crise financeira global, China acelerou a reforma do seu sistema para converter o yuan nunha moeda internacional. Iso equivale a facer uso da moeda chinesa para facer pagos internacionais permitindo que o yuan sexa libremente convertible na conta de capital (incluíndo investimentos directos, préstamos internacionais e investimentos de valores) e convertelo nunha moeda de reserva internacional. Para consumar esta estratexia, a China quédalle por diante un longo percorrido, empezando por asegurar a plena convertibilidade da súa moeda, que non está do todo garantida, en especial no que se refire ás contas de capital debido a que iso esixe do banco central a disposición de suficientes reservas doutras moedas e que sexa capaz de comprar e vender grandes cantidades de divisas para manter as súas reservas dentro dos límites establecidos. Por outra banda, require un gran mercado de capitais doméstico para amortecer e absorber calquera impacto externo, condicións que non se cumpren aínda, segundo Hei Liping, profesor de economía na Universidade Normal de Pequín.

China afronta este reto co gradualismo que tradicionalmente caracteriza o seu proceso reformista. O obxectivo actual non é a internacionalización, senón unha progresiva rexionalización, é dicir, acadar a súa libre convertibilidade, transaccións, circulación, reserva, no espazo xeográfico inmediato. Nos últimos anos, o yuan converteuse nunha das principais divisas usadas no comercio transfronteirizo entre China e Rusia, Mongolia, Vietnam, Camboia ou Nepal. Hoxe China ten pactos de cambio monetario coas autoridades de Corea do Sur, Malasia, Indonesia, Bielorrusia ou Arxentina, ademais de Hong Kong. Convén destacar que Corea do Sur é o seu cuarto importador principal; Hong Kong é o terceiro destino das súas exportacións e quinto socio comercial; Malasia é o principal socio entre os dez países da ASEAN e este bloque é o cuarto mercado de exportacións, terceiro importador e cuarto socio comercial de China. Dada esta magnitude, sen dúbida, incrementarase o uso e aceptación do yuan en Asia. Moitos países aumentaron a demanda de yuans dende o comezo da crise reducindo as súas reservas en dólares estadounidenses.

A rexionalización do yuan supón para China un salto cualitativo evidente, fortalecendo a posición da súa moeda na cooperación monetaria e financeira en Asia, e influíndo en maior medida nos prezos internacionais das mercancías a granel. 

O yuan, pois, asoma a cabeza entre as divisas globais, pero quédalle por diante un bo treito para gañar auténtico protagonismo, en parte porque hoxe en día á propia China interésalle conducirse con prudencia para seguir aproveitando as exportacións como factor de impulso do seu crecemento. Por todo iso, a internacionalización do yuan será un proceso lento aínda que continuado.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi e do
Observatorio da Política China
(
Casa Asia-Igadi).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/08/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta