China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Taiwán: o pragmatismo do PDP
Marta Cruz Liñeira (igadi.org, 01/03/2011)

Versión para imprimir

 

As pasadas eleccións municipais en Taiwán, celebradas o 27 de novembro de 2010, trouxeron novos aires políticos. Trala vitoria acadada polo partido nacionalista Kuomintang (KMT) en tres das cinco municipalidades en disputa, o partido opositor, o Partido Democrático Progresista (PDP), liderado por Tsai Ing-wen, anunciou un cambio de táctica nas relacións a través do Estreito coa China continental.

A creación dunha fundación intermediaria entre o PDP e o Partido Comunista da China (PCCh), denominada a “New Frontier Foundation”, amosa un cambio de tendencia salientable na política seguida ata agora.

O PDP, partido de corte soberanista, naceu en contraposición ao poder político do omnipresente KMT, artellándose primeiro a través dos candidatos independentes para conformar máis tarde a coalición pan-verde, elemento aglutinador de diversas faccións pro-democracia e pro-independencia. Dende a súa legalización en 1980, o PDP gañou dúas eleccións xerais (2000 e 2004), caracterizadas polas tensas relacións coa China continental e polas polémicas suscitadas polo entón presidente electo Chen Shui-bian.

Dende os inicios de democracia taiwanesa, baixo a presidencia de Li Teng-hui (o primeiro líder do KMT de orixe taiwanesa) predominou a “taiwanización” da illa, cun claro desexo de diferenciación da República Popular Chinesa (RPCh). Co presidente Chen Shui-bian (PDP), proliferaron as alusións cara a independencia e a procura de relacións de “Estado a Estado”.

Na actualidade, coa presidencia de Ma Ying-jeou, a restauración de relacións paraoficias e a posterior sinatura dun Acordo Marco de Cooperación Económico (ECFA) agretaron as diverxencias coa oposición. O PDP esixía a inclusión dunha cláusula garante dos dereitos humanos por parte de Beijing, a maiores da protección do comercio local e a seguranza de que as negociacións a través da Fundación para os intercambios do Estreito (SEF) e o seu homólogo chinés, a Asociación para as Relacións a través do Estreito de Taiwán (ARATS), atinxa a cuestións exclusivamente económicas. Deste modo, as relacións a través do Estreito de Taiwán configúranse coma unha clave política crucial para a illa.

Os novos aires políticos que pretende promover Tsai Ing-wen débense a múltiples factores e a particulares necesidades. Entre as claves da nova reorientación política cabe sinalar os obxectivos electorais, causas económicas, motivacións políticas e mesmo factores de índole externa.

No tocante aos obxectivos electorais, de cara aos comicios xerais de 2012, o PDP ambiciona ampliar a base social do seu electorado, achegarse a posturas máis centristas, fuxir dos radicalismos doutrora, zafarse da imaxe decadente do anterior presidente Chen Shui-bian e gañarse ao sector empresarial e aos funcionarios públicos. Estas semellan ser as trazas máis obvias do necesario reaxuste na liña política desta formación.

Sen embargo, non se deben deixar escapar outras causas, como a realidade globalizada, a interdependencia de mercados e a integración rexional de Taiwán, que esixen unha normalización das relacións a través do Estreito. Así mesmo, os intereses económicos e financeiros emerxen sobre a dinámica da propia democracia. Taiwán non pode eludir os intereses corporativos nacionais supeditados ás relacións comerciais coa China continental.

As motivacións políticas tamén son salientables. A estrita postura do PDP ata hoxe desmarcouno das negociacións co continente, o KMT postulouse como abandeirado da mellora de relacións e, en consecuencia, fronte ao electorado, será o responsable político dos logros económicos que poidan derivarse.

A postura independentista do PDP imposibilitouno como interlocutor. Sen embargo, na actualidade, a propia dinámica das negociacións; a necesidade de avanzar e incluír máis actores políticos, e a creación dun intermediario indirecto co ARATS e outros interlocutores preséntanse como unha oportunidade exclusiva. Do recoñecemento que obteñan dende Beijing e da propia valía que desempeñen nas negociacións, dependera o rédito político e electoral que poidan acadar.

As motivacións externas poderían circunscribirse á dinámica do proceso en curso. A posibilidade dunha volta atrás é inverosímil no plan económico e acadaría unha gran oposición social tanto na illa como no exterior. Por tanto, debe pois a coalición “pan verde” dar un paso adiante para poder sumarse á realidade en curso; a apertura de relacións e a interdependencia económicas son unha realidade inevitable.

A maior inquedanza serán as consecuencias deste xiro político, así como as diferencias políticas e a posibilidade dunha quebra interna nas filas do PDP, escenarios estes de elevada probabilidade. No tocante ás propias negociacións, o acercamento do PCCh e unha maior transixencia sería unha posible resposta fronte os movementos conciliatorios do PDP.

 

Marta Cruz Liñeira
(Facultade de Políticas, USC),
actualmente realiza prácticas no IGADI .

 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta