China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Carta de Taipei
Xulio Ríos (Grial, 04/2012)

Versión para imprimir

 

Taipei, capital da República de China ou Taiwán, é unha cidade moderna que agradece ser recoñecida como tal, atrevida, multicultural, tolerante, con certo afán de ir por diante, unha actitude que os taiwaneses viven como expresión de liberdade. É unha celebración comprensible se temos en conta que aínda en 1987 levantouse a lei marcial que viña imperando no país dende 1949, cando as tropas de Chiang Kai-shek retiráronse da China continental e decidiron trasladar a República a Taiwán. Foron varios millóns de chineses que a partires de 1945 impuxeron o seu dominio absoluto sobre a poboación local, arrasando a sangue e fogo toda manifestación de discrepancia con incidentes dramáticos como o de 28 de Febreiro de 1947, unha masacre que custou a vida a 30.000 persoas (esta é das que non forman parte do calendario ignominioso das nosas democracias, tan preocupadas de seleccionar as represións que son politicamente correctas e as que non).

A simboloxía daquel poder ditatorial está presente aínda en moitos lugares da cidade, onde abundan as referencias a Chiang Kai-shek, se ben durante o período de goberno de Chen Shui-bian (2000-2008), líder soberanista hoxe no cárcere por corrupción, houbo unha certa pero incompleta recuperación e dignificación da memoria histórica. O paradoxal do asunto é que o mesmo partido que impuxo a ditadura e mantivo o poder durante 55 anos goberna hoxe en Taiwán con maioría absoluta, renovada nos comicios presidenciais e lexislativos celebrados o 14 de xaneiro. E gañou dende un distanciamento relativo da figura do seu mentor e mesmo nadando na ambigüidade entre a defensa dun proxecto especificamente taiwanés e a aproximación a China continental coa mirada posta nunha posible reunificación.

A sociedade taiwanesa, dinámica e consumista, cun dos índices de natalidade mais baixos do mundo, sensible ás cuestións ambientais e amante do bo comer, pula sen embargo por confirmarse como unha realidade propia, distinta, con ganas de entenderse e levarse ben co outro lado do Estreito, pero sen renunciar ao que son. Ese “o que son” é, non obstante, moi difícil de determinar. Os numerosos estudos de opinión veñen sinalando que  só unha minoría se recoñece como chineses, mentres que as maiorías repártense entre os que só se senten taiwaneses de cultura chinesa e os que afirman profesar unha dobre identidade, taiwaneses e chineses. Levan anos no diván. A  tradución política deste sentir é claro: só unha pequena minoría, flutuante pero inferior ao 10 por cento, é partidaria da unificación co continente, mentres que a inmensa maioría prefire o statu quo ou a independencia de jure, porque de facto independente  xa o é.

Dende que as relacións abrandaron con China, millóns de continentais fan turismo na illa Formosa. Os “novos ricos” do outro lado contrastan axiña cos locais polo seu comportamento desenfadado, ás veces faltón e maleducado, e a exhibición de poderío. Nunha ocasión coincidín camiño de Hong Kong cun grupo de visitantes e pregunteilles que opinión lles merecera Taiwán e a resposta foi contundente: “está máis atrasado que China” … É habitual atopalos nas inmediacións da Taipei Main Station, o bulicioso centro da cidade, ou na Torre 101, construída a modo dunha cana de bambú. Os seus arredores son frecuentados tamén por adeptos a Falun Gong, un movemento proscrito na China. Os continentais seica non valoran moito a democracia taiwanesa e fan sinais de desprezo cando os deputados rifan no parlamento ata o punto de chegar a comerse os papeis da oposición para impedir a súa lectura, como aconteceu non hai moito cunha deputada, que por certo saíu ilesa do empacho. O que si valoran é a liberdade relixiosa, do outro lado, como é  sabido, sometida á conciencia do que diga o partido.

Para xantar, as rúas tradicionais

Falando de comer, é recomendable unha visita á centenaria Pastelería Huanghofa. Aquí, como no continente, relacionan o consumo dun determinado tipo de pastel cunha festividade, funerais, vodas, etcétera., e en casa caso simboliza os desexos de prosperidade. Os altares á riqueza son os máis abundantes, con diferenza respecto a calquera outro.

A rúa Tihua é das mellor conservadas de Taipei e, entre as antigas, é a de maior importancia histórica. Durante mais dun século, este foi o mercado minorista e maiorista mais grande da cidade en el podíase obter todo tipo de alimentos, medicinas chinesas e téxtiles. Nela aprécianse moitos edificios de estilo europeo (tamén na rúa Kueite) e tendas relativas a oficios tradicionais relacionados cos obxectos de bambú, de incienso, lanternas, muíños de arroz….

Para saber o que é chover ou perder de vista o sol, Taipei ofrece grandes posibilidades. A humidade cala ben fondo, pero todo acabase levando de bo grao ante unha taciña de té oolong, a ser posible, degustado nas teterías que abundan nas montañas dos arredores da cidade, coa música de fondo do Matthew Lien, californiano-taiwanés, símbolo aquí da new age e moi valorado. É desde as alturas  que pode apreciarse o magno esforzo realizado polos seus habitantes para afacerse co territorio e salvar as dificultades naturais construíndo redes de comunicación ambiciosas como as existentes nesta capital. A vista dende o miradoiro da Torre 101 non ten perda.

Na antigüidade, a área onde se ubica Taipei era unha lagoa que co transcurso dos milenios transformouse nunha conca seca. O Taipei de hai 300 anos estaba cheo de pantanos, unha zonas só frecuentada en canoa polos pingpu, una tribo aborixe que vivía nas áreas elevadas. Por certo que é realmente asombroso canto fixo Taiwán en poucos anos pola dignificación das comunidades aborixes (menos do dous por cento da poboación). Logo chegaron os chineses pero non pasaban mais aló das ribeiras do río Tamsui, autentico berce da capital, aproximándose pero sen chegar ao que hoxe ven sendo Taipei. O século XVIII foi o da explosión inmigratoria continental, fundamentalmente da veciña Fujian, orixinándose non poucos conflitos entre as comunidades que duraron ata mediados do século seguinte.

A construción orixinal de Taipei baseouse na xeomancia  e foi iniciativa de Shen Pao-Chen, un funcionario da dinastía Qing, que en 1875 promoveu a creación dunha prefectura con este nome. Esa cidade inicial tiña forma rectangular e os seus muros debuxaban unha cidade con dirección Norte-Sur e o seu eixe principal apuntaba cara a Estrela Polar. Os catro muros da cidade tiñan cinco portas… Pouco a pouco, trala ocupación xaponesa en virtude do tratado de Shimonoseki (1895), as diferentes áreas da cidade foron perdendo o seu rostro orixinal. Non obstante, quedan algúns sitios antigos testemuños desa historia e que atopamos reflectidos en templos (Chingshan, Chingshui, Lungshan, Fachukung…), en escolas que datan das vellas dinastías (Academia Hsueh-hai), ou rúas de tendas vellas (Chiu Lu) onde podemos atopar farmacopea autóctona ou, sobre todo, artigos relacionados cos ritos funerarios.

Paga a pena percorrer a canella das medicinas a base de herbas (Chingtsao Lane), onde fortes aromas reciben aos visitantes. Aquí preparan nun santiamén un remedio como o té de pasto verde recomendado para calmar o “lume interior” do corpo, coa sabedoría de quen recibiu o coñecemento de xeración en xeración.

No percorrido turístico non pode faltar o Palacio Presidencial, residencia do gobernador durante a ocupación xaponesa. Concluído en 1919, segue sendo o corazón do poder político en Taiwán, país que mediu forzas en tempos cos invasores portugueses (artífices obvios da denominación Formosa), ingleses, holandeses e ata españois. A parte principal é de estilo renacentista tardío. Igualmente, para recoñecer unha antiga residencia de estilo chinés, a mellor conservada é a de Lin An-Tai, de case douscentos anos. Foi trasladada do seu lugar orixinal nos oitenta do século pasado e recoñécese ben nela que foi construída tamén seguindo os principios do feng-shui, cunha planificación coidadosa e unha realización exquisita.

O paraíso da electrónica

Se algo se lle recoñece a Taiwán é ser unha potencia económica de primeiro nivel. Con pouco máis de 23 millóns de habitantes e 36.000 km2 de extensión, Taiwán é o 16º maior exportador do mundo, o 17º maior importador, a 4ª maior economía do Leste asiático e a 7ª de Asia-Pacífico, 9º clasificado por competitividade comercial, 4º do mundo polas súas reservas de divisas (arredor dos 400.000 millóns de dólares estadounidenses), e cunha renda per cápita de 19.188 dólares en 2010 ocupaba a posición 22 en IDH. Quen non coñece Asus, Acer…? En 2008, o 99% dos netbooks, 92,5% dos ordenadores portátiles, 90,2% dos modem, 76,1 dos routers, 69% dos teléfonos IP, vendidos no mercado mundial eran fabricados por firmas taiwanesas. Isto quer dicir, entre outras cousas, que un escusa de pensar en obxectos tradicionais para facer un agasallo a alguén nunha hipotética viaxe de volta: hai o que hai.

Galicia tivo aquí en tempos unha proxección cualitativamente importante, tanto pola importación das compras de fletán, como, sobre todo, polas vendas de granito. No Hotel Nacional de Taipei, un cinco estrelas onde se hospedan os dignatarios estranxeiros, loce aínda o granito rosa Porriño, que tanto gusta aos taiwaneses. E resistindo como a mellor pedra segue aquí o misioneiro Díaz de Rábago, dos últimos en saír do continente en 1949 e aquí quedou cos taiwaneses que sempre valoraron moito a súa entrega.

Esa forza económica de Taiwán atópase hoxe nunha encrucillada importante. A dependencia de China medrou exponencialmente nos últimos anos. Nos oitenta, cando Deng Xiaoping comezou a formulación do que deu en chamar “un país, dous sistemas”, abríronselle as portas ao capital taiwanés para gañar competitividade internacional. E así foi. Milleiros de empresas da illa deslocalizáronse no continente para beneficiarse da man de obra barata e dos incentivos ao investimento. Ese modelo estase practicamente esgotado e precisa reinventarse. Estano facendo por dúas vías. Unha aceptada, a potenciación da innovación. Outra, mais discutida, a integración rexional. Neste caso, o problema non é o fondo senón a forma, que poden chegar a confundirse. Dado que Taiwán é un Estado de feito apenas recoñecido por 23 países en todo o mundo, as súas limitacións no plano diplomático impídenlle ser signatario de tratados de libre comercio. Se China se opón, nada hai que facer. Por iso di o KMT que é indispensable desbloquear a relación con China. En xuño do ano pasado asinaron un acordo bilateral moi ambicioso que con seguridade aumentará a interdependencia económica creando un gran mercado común con Hong Kong e Macau (¿unha unificación de feito?) confiando en obter a cambio facilidades para integrarse nos procesos de integración en curso na rexión. Só Corea do Norte e Taiwán, se ben por circunstancias diferentes, viven á marxe desa dinámica. ¿Problema? O salvavidas económico pode acabar afogando no político. En virtude dese acordo, algúns estiman que o comercio con China pode representar en poucos anos máis do 60% do comercio exterior total de Taiwán (hoxe 40%).

As novas xeracións de taiwaneses levan no seu ADN o pragmatismo característico dos chineses, son abertos e flexibles na súa mentalidade, o que debe ter algo que ver coa súa capacidade de innovación. Din os estudos de opinión, aquí moi abundantes, que están moi lonxe de compartiren sentimentos e aspiracións cos chineses continentais (só un 3 por cento da mocidade) pero, prudentemente, tampouco descartan nada de cara ao futuro. Isto supón un reto enorme para Pequín e moi probablemente erra China se pensa que coa economía xa está todo resolto, aínda que o seu desenvolvemento suxira grandes oportunidades para as novas xeracións da illa e estas medren en despolitización. Cando menos no noso caso non bastaría. É unha fórmula que aplican a case todo, moi racional na súa formulación, se ben ignora o enorme peso da irracionalidade nas cuestións de identidade.

 

Xulio Ríos, director do IGADI,
é Visiting Scholar na Academia Sínica de Taipei.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/02/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta