China e o mundo chinésVolver ó índice


O pulso parlamentario na China
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 09/03/2000)

Entre Congresos do Partido Comunista, as reunións da Asemblea Popular Nacional son o único foro que permite tomar certo pulso á opaca política chinesa. Aínda que dentro e fóra da inmensa sala do Gran Palacio do Pobo practicamente todo está decidido de antemán, sempre queda unha esperanza para a sorpresa. Esta macroinstitución congrega cada ano en Beijing a case tres mil deputados. Durante un par de semanas poñen unha pinga de colorido na modernizada paisaxe urbana da capital chinesa.

A coincidencia da Asemblea coas eleccións presidenciais en Taiwán otorga gran protagonismo ás declaracións e bravuconadas intidimidatorias respecto ás veleidades independentistas da illa "rebelde". Son pequenas voltas de torca, pero moi marcadas pola ocasión. O epicentro das decisións políticas, o pouso que deixará como referencia esta Asemblea vai, sen embargo, por outro camiño. A palabra de orde é a conquista do Oeste, a viraxe do impulso modernizador que pasará da franxa costeira ó interior da China. A intensidade da explotación que anuncian as autoridades chinesas vai ter importantes consecuencias medioambientais e demográficas. Habida conta da escasa sensibilidade demostrada ata agora tanto polas autoridades como polas grandes empresas multinacionais que acodirán a esa chamada con renovados folgos e contados miramentos, a conservación do medio ambiente adquire a dimensión dun desafío de primeira magnitude.

Alén da necesidade obxectiva de corrixir os profundos desequilibrios territoriais acumulados nos vinte anos de reforma e que ofrecen como resultado visible unha parte de China inmersa no século XXI e outra ancorada aínda no século XIX, cabe advertir a existencia de factores subxectivos non menos importantes. A nova campaña reflicte a obsesión de Jiang Zemin, o Presidente chinés, por entrar na Historia como un dirixente que marcou un punto de inflexión. Se na recuperación de Hong Kong e Macao podemos falar dun protagonismo cedido polas circunstancias, neste caso, Jiang Zemin aspira a deixar un selo propio, a ser o referente dunha etapa decisiva do longo proceso modernizador.

No ambiente flota tamén o paso do ecuador do mandato do actual triunvirato. Tanto Jiang Zemin, como Zhu Rongji e Li Peng, deberán deixar os seus cargos no 2002. Comezan as cábalas sobre os relevos. Hu Jintao, actual vicepresidente, un dirixente xove, sen corte propia nas filas do Exército, aparece como sucesor. Ninguén sobrevive sen o apoio dos militares e por iso é probable que Jiang Zemin, imitando a Deng Xiaoping, opte por combinar a retirada do primeiro plano coa conservación da presidencia da Comisión Militar Central para dar cobertura ó seu delfín. Os novos dirixentes racharon o cordón umbilical que unía Partido e Exército dende o período revolucionario sen que institucionalmente se estableza un novo modus operandi que profesionalice as conexións. Na China, a pesar de tanta modernización, no cultivo das relacións persoais segue estando a clave da obtención e conservación do poder.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/03/2000