China e o mundo chinés
|
Orientarse no consumo Por Xulio Ríos (ECO, xaneiro/2005) |
Un recente estudio da Unión de bancos suízos ven de predicir que de aquí a vintecinco anos, a India e China reunidas sobrepasarán a EEUU para converterse no primeiro mercado mundial de consumo. A maior seguridade, salvo crises imprevisíbeis, é para China, menor para a India, onde os factores culturais e relixiosos seguen a actuar en moitos casos como rémora da modernización. Partindo dun baremo de 6.000 dólares por ano e fogar, en China, segundo datos do Banco Mundial, habería xa 67 millóns de familias cunha renda total superior aos 6.000 dólares, mentres que na India serían 21 millóns. As familias en India teñen, en promedio cinco membros, mentres que en China, son de 3 ou máximo de 4. En definitiva, seguindo os nosos parámetros, habería 100 millóns de hindús e 300 millóns de chineses que cabería situar nesa franxa acomodada da chamada clase media. Todas estas dinámicas de transformación social e de rápido desenvolvemento están a acelerar tamén a proporción de poboación que se integra na sociedade de consumo. Recentemente, algúns medios de comunicación recollían a información de que os productos de alto standing miraban cara o mercado chinés, onde a proliferación de millonarios espertaba a avidez adquisitiva de bens de luxo. Por outra banda, as grandes empresas productoras de bens de consumo masivo pensan en estratexias específicas para adaptar a súa mercancía a unha clientela cunhas capacidades de pago limitadas ou moderadas, pero cada vez maiores. Estratexias de mercadotecnia aparte, ninguén cuestiona xa o papel esencial que estes mercados van desempeñar nos próximos anos. Fábrica do mundo, como se adxectiva a China, ou de servizos –papel de India no eido informático–, o que se pon de relevo con esta xigantesca transformación é, entre outros, o incremento exponencial do consumo masivo e por amplas masas de poboación. A outra cara do asunto é a sustentabilidade dun modelo en Asia similar ao occidental. Ninguén ten autoridade moral para pedirlle a estes cidadáns que se priven de comodidades, pero unha xeralización dos modos consumistas de Occidente a escala planetaria pode levarnos a todos ao borde do abismo en termos medioambientais. Cómpre, pois, un esforzo racionalizador que atenda, ao mesmo tempo, á implementación de modelos de progreso e benestar diferentes ao occidental e aquí, entre nós, a aplicación dun código de austeridade que contribúa a salvagardar o futuro do planeta. Confiemos en que a tradicional sabedoría oriental e a disposición nacionalista tan estendida por esas latitudes rexeite non soamente o mimetismo na política, tamén nas pautas de consumo. A fin de contas, orientarse ven ser iso, dar co camiño certo. Necesitamos novas formas de consumir, aínda que soamente poden ser consecuencia de novas formas de pensar. E pensar é barato, diríase, pero custa o seu. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2004 |