Diario Exterior / decembro de 2011

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/12/2011
Portugal
Avance portuario de Leixões-Porto
A Autoridade Portuaria de Leixões-Porto anunciou que pechará o 2011 co seu mellor resultado grazas ao impulso das exportacións, cun incremento no número de contedores e o tráfico de cruceiros. Deste modo, e a pesar da crise económica portuguesa, este porto consolídase como principal entrada e saída cara mercados como Brasil, Arxentina, Angola, EUA e países lusófonos de África, un dato que contrasta coa caída de competividade do porto de Vigo. (Fonte: Atlántico Diario)

Marítima
Vigo construirá buques de Angola
O vigués Estaleiros Cardama comezará a construción de tres buques multipropósitos para o Ministerio de Transportes de Angola, adxudicados desde 2008. (Fonte: Atlántico Diario)

Crise pesqueira en Uruguai
Os pesqueiros galegos, a maioría con base en Vigo e Marín, que fanan nos caladoiros do Atlántico Sur, e que utilizan como centro de operacións ao porto da capital uruguaia Montevideo, amósanse con problemas de subministro enerxético debido ao peche dunha refinería no país suramericano e antes as presións políticas por parte das autoridades arxentinas debido á renovación das reclamacións de soberanía sobre as Illas Malvinas, baixo soberanía británica e onde operan varios pesqueiros galegos. (Fonte: La Voz de Galicia)

Unión Europea-Galicia
Granxas non adaptadas á normativa europea
A asociación galega “Libera!” denunciou que cerca dun 60% das granxas avícolas galegas non están adaptadas á normativa europea 1999/747CE, que entrará en vigor o 1º de xaneiro de 2012 e que suporá un cambio nas condicións destes animais. (Fonte: Europa Press)

29/12/2011
Unión Europea-Galicia
Primeiro satélite galego dende Guíana
O primeiro satélite galego, Xatcobeo, saíu do campus universitario de Vigo o pasado mes de outubro cara o Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía Espacial (ESTEC) en Holanda, a fin de que a Axencia Espacial Europea (ESA) finalmente lance este satélite dende o Porto Espacial Europeo de Kourou, na Guíana francesa, posiblemente a primeira semana de 2012. (Fonte: Faro de Vigo)

Sáhara
Melide solidarízase cos refuxiados
En colaboración coa Asociación Solidariedade Galea co Pobo Saharauí (ASGPS), o concello coruñés de Melide realizará a primeira semana de 2012 un acto solidario para recadar fondos destinados aos nenos do campo de refuxiados saharauí en Tinduf (Alxeria). Melide colabora anualmente coa ASGPS a través do programa Vacacións en Paz, para traer nenos saharauís de vacacións a Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia)

28/12/2011
Diáspora
Reforma da Lei de Galeguidade
Un texto elaborado pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e analizado polos membros da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas nunha reunión en Ourense a mediados de novembro, dará paso ao anteproxecto de Lei de Galeguidade que realizará unha nova clasificación das entidades galegas no exterior, dividida con esta reforma en seis tipos de entidades, tal e como contempla o artigo 6 do anteproxecto: comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, federacións de comunidades ou entidades, centros de estudo ou difusión da cultura galega, redes sociais relacionadas coa galeguidade e outras entidades determinadas regulamentariamente. (Fonte: España Exterior)

Cuba
Estreado documental dos irmáns Santamaría
O documental dirixido polo galego Lois Pérez Leira, “Os Santamaría: de Prexigueiro a Cuba”, e que narra o periplo da familia Santamaría desde esta localidade de Ribadavia (Ourense), cara a illa caribeña, na que participaron durante a revolución cubana, foi finalmente estreado no Festiva de Cinema da Habana. (Fonte: La Voz de Galicia)

Galicia
Contra a supresión do voo a París
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) premerá á liña Air France para que non suprima o primeiro voo diario de Vigo a París a partir do próximo 25 de marzo de 2012, considerando que é o mais utilizado polos empresarios galegos con intereses comerciais en Francia. (Fonte: Faro de Vigo)

Marítima
Vigo ante a ampliación da Canle de Panamá
Empresarias usuarias do porto de Vigo advertiron da necesidade de que esta terminal se adecúe “canto antes” ao desafío que suporá a ampliación da Canle de Panamá prevista para 2014. Especialmente significativa sería a modernización en materia de infraestruturas e de medios de traballo, para facer de Vigo un porto atractivo ao tráfico marítimo mundial. A ampliación da canle panameña conterá un tráfico marítimo de mercancías calculado en 8,4 millóns para 2015, a través dos océanos Pacífico e Atlántico. (Fonte: La Voz de Galicia)

27/12/2011
Eixo Atlántico
Unha eurorrexión con peso demográfico
Tanto o presidente do Eixo Atlántico Peninsular, Xoán Vázquez Mao, como representantes da Mancomunidade do Minho-Limia e da Região Norte de Portugal, coincidiron en que o peso demográfico desta zona, con máis de seis millóns de habitantes, será fundamental para abordar grandes proxectos de desenvolvemento a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Con 3,7 millóns de habitantes, a Região Norte de Portugal é a mais habitada dese país e, no 2011, un 51,4% do transporte das súas mercancías foron cara Galicia, por 10,6% cara Castela e León. (Fonte: Atlántico Diario)

Unión Europea-Galicia
Captación de fondos en I+D+i
As empresas, centros tecnolóxicos, universidades e outros centros de investigación galegos conseguiron o obxectivo de captación de fondos do VII Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Unión Europea (7PM), con vixencia ata 2013, alcanzando os 31 millóns de euros que a Xunta establecera como cifra obxectivo para toda a súa duración. O balance de resultados demostra que a iniciativa dos axentes galegos, así como a súa capacidade para presentar propostas de I+D+i competitivas a nivel europeo, superaron con moito as expectativas formuladas a principios de 2007, en especial no que se refire ás empresas. (Fonte: El Correo Gallego)

Unión Europea-Pesca
Haberá novo acordo con Marrocos
O xefe da delegación da UE en Marrocos, Eneko Landaburu, asegurou que haberá un novo acordo pesqueiro entre ambas partes, a pesar do recente rexeite do Parlamento europeo para renovar o acordo ata agora vixente, por motivos ecolóxicos e de explotación nos caladoiros saharauís. (Fonte: Europa Press)

Galicia
Aumenta a emigración galega
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, a raíz da crise económica diariamente un total de 14 galegos emigran a outro país, o que supón un 58% máis que no 2010. Un de cada cinco ten entre 26 e 35 anos, incrementando esta cifra se a mesma se eleva ata os 40 anos. (Fonte: Faro de Vigo)

26/12/2011
Portugal
Tren rápido Vigo-Porto para 2015
Tras emitir un estudo sobre a viabilidade rápida no Eixo Atlántico, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho-Lima, formada polos concellos portugueses de Viana do Castelo, Valença do Minho, Vilanova de Cerveira, Caminha, Melgaço, Monçao, Arcos de Valdevez, Paredes de Coura, Ponte da Lima e Ponte da Barca, consideraron que nun prazo de tres anos, aproximadamente para o 2015, será posible contar cun tren rápido entre Vigo e Porto que demore 75 minutos de traxecto. Pola súa banda, o presidente do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, destacou que o 2011 foi o “annus horribilis” para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a cal segundo a súa opinión “destaca pola súa falta de liderado”. (Fonte: Atlántico Diario)

Galicia
Saldo demográfico vexetativo
Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), a nosa Comunidade terá un saldo vexetativo negativo para os próximos dez anos, o que suporá a perda de 113.309 habitantes ata o 2021, continuando cun decrecemento de poboación para o período 2011-2021 valorado en 3,2%. As provincias de Lugo e Ourense serán as que observarán maior caída demográfica. (Fonte: La Voz de Galicia)

Fondo Galego de Cooperación
De Ourense a Cabo Verde
Cristina Moreiras, avogada e técnico de administración xeral no Departamento de Medio Ambiente do Concello de Ourense, regresou de Cabo Verde tras colaborar co programa “Vacacións con Traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, valorando como “moi positiva” a súa experiencia no arquipélago africano. (Fonte: La Voz de Galicia)

25/12/2011
Portugal
Sá Caneiro con récord de voos
O aeroporto de Sá Caneiro en Porto rexistrou seis millóns de pasaxeiros no 2011, unha marcha histórica que o coloca como aeroporto preferido para viaxeiros vigueses, do Sur de Galicia e do Norte de Portugal. Pola súa banda, o aeroporto vigués de Peinador pecho o exercicio 2011 por debaixo do millóns de pasaxeiros, o seu peor rexistro desde 2004. Un 12% dos usuarios de Sá Caneiro son galegos e case 300.000 vigueses acoden anualmente ao mesmo. (Fonte: Faro de Vigo)

Diáspora
Nadal en Uruguai
Cumprindo cunha promesa persoal, o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, compartiu en Montevideo a cea de Nadal cos 13 presidentes das comunidades e entidades galegas da República Oriental do Uruguai. Camba instou na reforma ou adopción dunha nova Lei da Galeguidade, a cal cumpriu 30 anos de vixencia. (Fonte: Galicia en el Mundo)

Inmigración
Prexudicados pola reforma sanitaria
Ante a próxima reforma sanitaria, os cidadáns estranxeiros poderían verse prexudicados xa que agora terán asistencia sanitaria completa a través do SERGAS no caso de ter 183 días empadroados nun concello galego. Os que leven menos non terán dereito a atención programada (médico de cabeceira e especialista). En total, anualmente un total de 5.277 inmigrantes veríanse afectados por esta reforma. (Fonte: La Voz de Galicia)

24/12/2011
Economía
Auxe exportador en Galicia
Segundo datos do Ministerio de Industria, Galicia pechou o mes de outubro de 2011 co maior incremento das exportacións no conxunto estatal, cun 44,3%, en particular grazas ao empuxe do sector téxtil da provincia da Coruña, en clara contraposición á tradicional “hexemonía” pontevedresa, principalmente en materia pesqueira e pola presenza en Vigo da sucursal de Citröen. (Fonte: Atlántico Diario)

Unión Europea-Pesca
Vigo como porto nodal europeo
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo aprobou un borrador de documento que se remitirá aos organismos comunitarios da UE para expoñer o peso das lonxas de pesca capturada de Vigo como porto nodal (e non secundario) da Rede Transeuropea de Transportes. (Fonte: Atlántico Diario)

Cultura
Cooperación lingüística en Alemaña e Francia
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia promoverá a adquisición de coñecementos lingüísticos co municipio de Berlín e a Acádemie de Amiens (Francia), a través de programas de acollida recíproca de profesorado e alumnado de Formación profesional entre centros de ambas as poboacións. (Fonte: Galicia Hoxe e Xunta de Galicia)

23/12/2011
Acción Exterior
Aposta pola “diversificación de mercados”
Durante a súa comparecencia ante o Parlamento galego, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, deu conta dos obxectivos e a axenda realizada no 2011 a nivel institucional, destacando a necesidade de que Galicia busque “alternativas que transcendan o marco europeo” a fin de compensar o “lesivo” impacto o seu escenario macroeconómico e evitar unha “debilidade considerable”. Por tanto, Gamallo apostou pola diversificación de mercados para poder proxectar á empresa galega no exterior. (Fonte: La Voz de Galicia e Xunta de Galicia)

Galicia
Competencia desleal dende Portugal
O xerente da Asociación de Transportistas de Contedores do Porto de Vigo, Carlos Quintanilla, acusou de “competencia desleal” procedente de Portugal, ante o aumento do volume de descarga de peixe conxelado nos contedores do porto de Leixões (Porto), que está deixando con cada vez menos traballo aos transportistas dos contedores do porto vigués. Quintanilla pide así que se controle con maior celeridade aos transportistas provenientes de Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia)

22/12/2011
Galicia
Colaboración entre a UVigo e a CERN
A Universidade de Vigo asinou un convenio de colaboración coa Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) para a construción dun prototipo de acelerador de partículas máis pequeno e compacto que o Gran Colisionador de Hadrones (HLC), que posúe a CERN na súa sé en Suíza para realizar experimentos científicos sobre a composición da materia e a orixe da vida. (Fonte: Atlántico Diario)

Pesca
O interese ruso nos estaleiros galegos
Tras reunirse con armadores galegos en Vigo, o embaixador da Federación Rusa en Madrid, Alexander Kuznetsov, destaacou a “gran capacidade de construción” de barcos especializados e a “gran achega de innovación tecnolóxica” dos estaleiros galegos, a maioría localizados en Vigo. Kuznetsov lembrou que Rusia precisa dunha “renovación profonda” da súa flota pesqueira para os próximos anos. (Fonte: Atlántico Diario)

Temor por fanar nas illas Malvinas
Tralo acordo no cumio de MERCOSUR en Montevideo de impedir a entrada nos seus portos de barcos da flota galega con bandeira das illas Malvinas, os representantes dos 18 barcos vigueses e do Morrazo que fanan nas augas das Malvinas, baixo soberanía británica pero reclamada pola Arxentina, solicitarán ante o Foreign Office en Londres a concreción de solucións alternativas ante o temor de que se “militarice” este acceso aos portos de países membros do MERCOSUR, como Arxentina e Uruguai. (Fonte: Faro de Vigo)

Unión Europea-Galicia
Internacionalización das pymes na eurorrexión
A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia apoia un proxecto europeo Lan Pymexport de internacionalización das empresas agroalimentarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, co fin de crear unidades de comercialización e facilitar a entrada de novos nichos de mercado. Neste proxecto participan a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos-Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca (ANFACO-CECOPESCA), a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), que depende directamente da Consellería do Medio Rural; o Centro de Inovaçao de Tras Móntesvos e Alto Douro (CITMAD) e o Business Innovation Centre do Minho (BIC Minho), estes últimos de Portugal. (Fonte: Xunta de Galicia)

21/12/2011
Pesca
Rusia precisa reparar 240 buques
Tras reunirse en Vigo con representantes rusos, a empresa estatal federal Recursos Pesqueiros Nacionais, que funciona como intermediaria entre o Goberno de Rusia e os armadores galegos e españois, informou que as empresas pesqueiras rusas precisan construír ou reparar uns 240 buques arrastreiros e túnidos e algúns patrulleiros e un oceanográfico nos próximos anos. Os representantes rusos avaliaron a “experiencia e barcos de alta tecnoloxía” existentes en Galicia. (Fonte: Atlántico Diario)

Arxentina
MERCOSUR e a flota galega
Os 18 pesqueiros con capital de Vigo e O Morrazo, que fanan no Atlántico Suroccidental baixo o pavillón das Illas Malvinas, enfróntanse a momentos de tensión ante o previsible acordo entre os presidentes do MERCOSUR, conformado por Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai, así como doutros países suramericanos asociados á Unión de Nacións do Sur (UNASUR), sobre o impedimento de acceso aos seus portos con bandeira das Malvinas, protectorado británico cuxa soberanía é reclamada pola Arxentina. O apoio uruguaio a esta petición arxentina confirmouse neste cumio de MERCOSUR, debido a que Montevideo é dende fai dúas décadas o porto de descarga destes pesqueiros galegos. (Fonte: Faro de Vigo)

Uruguai
Homenaxe ao emprendedor galego
A Asociación de Empresarios Galegos de Uruguai (AEGU) anunciou a celebración en 2012 da Homenaxe ao Emprendedor Galego en Uruguai, con motivo dos actos de conmemoración do Bicentenario da independencia uruguaia. (Fonte: La Voz de Galicia)

Solidariedade
Mercado solidario con Zambia
A ONG viguesa HUMI realizou un mercado de Nadal para recadar fondos destinados a custear a educación de 200 nenos en Zambia e para a construción de pozos nese país africano. (Fonte: Atlántico Diario)

20/12/2011
Pesca
Rusia busca renovar a súa flota
Unha delegación rusa participou en Vigo nunha xuntanza co Clúster do Naval de Galicia (ACLUNAGA) con empresarios do naval vigués e representantes da empresa estatal Recursos Pesqueiros Nacionais, para negociar a posibilidade de renovación da flota rusa. (Fonte: Atlántico Diario e Europa Press)

Unión Europea-Pesca
“Desequilibrado” acordo con Marrocos
Nunha xuntanza en Vigo, o presidente do Cluster de Empresas Pesqueiras en Países Terceiros, José Ramón Fontán, lembrou que a non renovación do acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos debeuse a que o mesmo era “moi desequilibrado” por ser beneficioso para o país africano. Segundo a Unión Xeral de Traballadores (UXT), a suspensión deste acordo significará a perda de 1.000 postos de traballo directos e case 5.000 indirectos. (Fonte: Europa Press)

Arxentina
Rebaixar a tensión pesqueira
A Asociación Nacional de Armadores de Buques Conxeladores de Pesca de Merluza (ANAMER), que agrupa aos empresarios de buques galegos e españois que fanan nas augas do Atlántico Suroccidental, reclamou ante o Goberno estatal accións para rebaixar a tensión con Arxentina, ante o hostigamento que recibe a flota galega que fana nas Illas Malvinas e que emprega ao porto uruguaio de Montevideo como base de operacións. A tensión incrementouse ante o retorno a Montevideo do barco Villa Nores, con base en Marín, que foi escoltado por un avión de patrulla uruguaio despois que as autoridades arxentinas o acusasen de presuntamente entrar sen permiso nas súas augas xuridisccionais. (Fonte: La Voz de Galicia)

Internacionalización do audiovisual galego
A Xunta de Galicia promoveu a internacionalización do audiovisual galego na III edición do mercado “Ventana Sur” celebrado en Bos Aires. O Consorcio Audiovisual de Galicia encabezou a presenza galega en Arxentina a través dunha delegación de 14 empresas audiovisuais que procuraron novas iniciativas de negocio mediante o contacto con produtoras de toda a área latinoamericana. Esta iniciativa contou co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), na pretensión de estreitar lazos con empresas de Arxentina, Brasil, México, Chile, Uruguai e Colombia. (Fonte: Xunta de Galicia)

Inmigración
Baixan os estranxeiros na Seguridade Social
O número de afiliados estranxeiros na Seguridade Social en Galicia para o mes de novembro situouse en torno ás 35.961 persoas, o que supón 2.597 persoas menos que no mes anterior. Deles, o total de estranxeiros da UE son 10.569, principalmente de Portugal e Romanía, mentres que fora da UE foron 12.856 traballadores, principalmente de Colombia e Brasil. No que respecta aos autónomos, uns 2.307 son europeos, a maioría portugueses, mentres un total de 2.697 son extracomunitarios, sendo a maioría de China (746). (Fonte: Europa Press)

Centros de Información á Muller en Coruña
Dezanove Centros de Información á Muller da provincia da Coruña van incorporar un servizo de teletradución para mellorar a atención das mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Trátase dos CIMs de A Coruña, Arteixo, Culleredo, Santiago, Padrón, Teo, Mancomunidade de Ordes, Negreira, Ferrol, Ares, Cee, Muxía, Laracha, Outes, Zas, Boiro, Melide, Coirós e Curtis, que contarán cun novidoso sistema de teletradución a 51 idiomas. (Fonte: Xunta de Galicia)

19/12/2011
Xacobeo
Maior afluencia de peregrinos
Segundo datos do Arcebispado de Santiago, máis de 180.000 peregrinos achegáronse á capital galega en 2011, superando incluso os rexistros do Xacobeo 2004. (Fonte: La Voz de Galicia)

Unión Europea-Galicia
Axuda transitoria alén do 2013
O Plan de Actuación da Fundación Galicia Europa prevé para 2012 reforzar o seu traballo para que a Unión Europea manteña unha axuda transitoria para Galicia no período 2014-2020, cando abandone o Obxectivo Converxencia, tendo en conta que o vindeiro ano será clave para a definición do novo marco financeiro da Unión. (Fonte: Xunta de Galicia)

Portugal
Business Angels para cooperación transfronteiriza
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, asistiu na localidade portuguesa de Porto á inauguración da xornada “Business Angels: investidores informais en capital risco”, organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal –GNP-AECT- en colaboración coa Asociación Empresarial de Portugal -AEP-. (Fonte: Xunta de Galicia)

18/12/2011
Unión Europea-Pesca
Acordo para 2012
Os Ministros de Pesca da UE alcanzaron un acordo para as posibilidades pesqueiras no 2012, no que se estipula un incremento das cotas de anchoa no Golfo de Cádiz e de bacaladilla, así como a eliminación dalgunhas restricións impostas por Bruxelas, como a relativa á merluza do norte. (Fonte: La Voz de Galicia)

17/12/2011
Inmigración
Centros de atención contra violencia de xénero
A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia anunciou a apertura nos concellos pontevedreses de Moaña, Gondomar, Soutomaior, Porriño, Redondela e Vigo de Centros de Información á Muller en Galicia, nos que se atenderán a grupos de mulleres inmigrantes, especialmente rómanas, árabes e chinesas, nos seus propios idiomas. Estas entidades contará cun servizo de teletradución en 51 idiomas. (Fonte: Atlántico Diario)

Unión Europea-Pesca
Confían en reapertura con Mauritania
Os armadores galegos incluídos na Confederación Española de Pesca (CEPESCA) confiaron na renovación do acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania para xullo de 2012, tralo recente anuncio da súa ruptura por parte de Bruxelas. (Fonte: La Voz de Galicia)

16/12/2011
Unión Europea-Pesca
Ruptura de acordo con Mauritania
O conselleiro do Ministerio de Pesca de Mauritania, Sheij uld Ahmaed, informou da ruptura das negociacións de renovación do acordo pesqueiro entre a UE e o país africano, debido aos desacordos en materia de compensación económica a pagar por parte mauritana. Esta ruptura afecta a máis de vinte embarcacións galegas que fanan nesas augas, con porto base en Vigo e Marín. (Fonte: Atlántico Diario)

A discusión as cotas TAC para 2012
Os ministros de Pesca da UE discutiron unha proposta que inclúe as concesións suficientes para pode pactar os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e as cotas 2012. A esta reunión asistiu a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, quen defendeu as reivindicacións galegas para aumentar nun 10% as cotas de merluza do norte, nos caladoiros do Gran Sol, Biscaia, Escocia e Irlanda. (Fonte: Atlántico Diario)

Marítima
Asinado acordo naval con Australia
O Ministerio de Defensa de Australia e representantes da empresa naval Navantia asinaron en Sidney un contrato para a construción de cinco buques e tres destrutores Air Warfare Destroyer (AWD), a realizarse no estaleiro en Ferrol. (Fonte: La Voz de Galicia)

Solidariedade
Mans Unidas con Quenia
A ONG “Mans Unidas” de Santiago iniciou a cooperación con parroquias compostelás para promover unha escola e internado en Quenia, no que se tenta conseguir un orzamento de máis de 51.000 euros. (Fonte: La Voz de Galicia)

15/12/2011
Fondo Galego de Cooperación
Denuncian impago de axudas a Haití
A concelleira do Partido Popular (PPdG) en Vigo, Teresa Cendón, denunciou que o Concello de Vigo, presidido polo socialista Abel Caballero, non achegou 54.000 euros ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a través dun proxecto de axudas aos damnificados polo terremoto en Haití, e que estaban aprobados no orzamento 2010. Este proxecto é desenvolvido conxuntamente polo Fondo Galego co Fons Catalá de Cooperació e, ata agora, os 96 concellos galegos pertencentes ao Fondo xa achegaran as súas respectivas cantidades. (Fonte: La Voz de Galicia)

Unión Europea-Pesca
“Grave erro”o veto en Marrocos
Durante unha xuntanza en Compostela, o secretario da Confederación Española de Pesca (CEPESCA), Javier Garat, cualificou de “grave erro” a decisión adoptada polo Parlamento europeo de vetar a prórroga do acordo pesqueiro subscrito pola UE con Marrocos e que estaba vixente ata finais de febreiro de 2012, porque “deixa tirados” a 700 tripulantes e 70 barcos españois, principalmente andaluces e canarios. Trala decisión parlamentaria, a comisaria europea de Pesca da UE, María Damanaki, pedirá a Bruxelas o retiro da flota comunitaria das augas marroquís. (Fonte: Atlántico Diario e Europa Press)

Diáspora
Aprobar a Lei de Galeguidade en 2012
O secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, asegurou a intención de que se aprobe a reforma da Lei de Galeguidade para febreiro de 2012, durante a celebración da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas no Exterior, que reuniu en Ourense a 14 representantes das entidades galegas no exterior. Nesta xuntanza decidirase ónde se celebrará o pleno do Consello das Comunidades Galegas no 2012 que, no caso de ser fóra da nosa Comunidade, elixirase entre Venezuela, Cuba e Brasil como países candidatos. (Fonte: España Exterior e Galicia en el Mundo)

Certame literario na Arxentina
Francisco Castiñeira Romar, nado en Suíza, fillo de emigrantes galegos e actualmente residente na localidade alemá de Regensburg, gañou o premio do certame literario da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina, cuxa convocatoria reuniu a 80 relatos e narracións. (Fonte: La Voz de Galicia)

Economía
A internacionalización contra a crise
As empresas galegas aumentaron un 18,5% as súas exportacións e investimentos no estranxeiro na primeira metade do ano, ata os 9.173 millóns de euros, segundo un informe da rede internacional de asesoramento de negocio Russell Bedford España que foi presentado nunhas xornadas sobre comercio exterior da CEOE. En concreto, o documento sinala que un total de 4.593 empresas de Galicia foron as que obtiveron este volume de negocio, un 4,4% máis que no mesmo período de 2010. Este informe atribúe estes datos á “forte crise da economía española”, que, ao seu xuízo, “acelerou o proceso de internacionalización” de empresas galegas. Entre os mercados atractivos, este informe detecta “un maior potencial de crecemento” en Asia (especialmente China), África, e América do Sur. (Fonte: El Correo Gallego)

Portugal
Valença mira á Muralla de Lugo
Jose Temporão Monte, responsable de Cultura da Cámara Municipal de Valença do Minho, así como técnicos dese concello do Norte de Portugal, estiveron en Lugo para recadar información sobre os pasos dados no seu momento polo Concello lucense para conseguir que a Muralla de Lugo fose declarada como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. En Valença do Minho espera conseguir igual distinción para a súa muralla, construída no século XIII, aínda que a que se conserva na actualidade remóntase ao século XVII. (Fonte: La Voz de Galicia)

14/12/2011
Unión Europea-Pesca
Maior control dende Vigo
Tras unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chávez, o director da Axencia Comunitaria de Control da Pesca, Pascal Savouret, declarou que esta entidade con sé en Vigo detectou un total de 365 “posibles non cumprimentos con infracción grave” en diversos despregues realizados ao cabo de 2011. Deste modo, Savouret recalcou da necesidade de reforzar o control da pesca no Norte da península ibérica. (Fonte: Atlántico Diario)

Unión Europea-Galicia
“Caza de bruxas” contra o galego
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou ante o presidente e varios membros do Comité Consultivo do Consello de Europa sobre o Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais sobre unha “caza de bruxas” adiantada polo Valedor do Pobo, Benigno López, contra un manual escolar. En concreto, solicitou a retirada dun libro de texto -a petición de UPyD- que inclúe o artigo do Estatuto de Galicia no que se recoñece o galego como lingua propia de Comunidade Autónoma, argumentando que este manual omite a cooficialidad do castelán. Segundo asegura, nun comunicado, a Comisión europea conformada por Rainer Hoffman, Olga Butkevych e Aliona Grossu, chegou a trasladar a súa sorpresa porque en Galicia “se prohiba” o modelo de inmersión lingüística, algo “que non se produce en ningún outro Estado” subscrito ao Convenio Marco para a Protección das Linguas Minoritarias, “como é o caso do Estado español”. (Fonte: El Correo Gallego)

Galicia
Lavacolla gaña en pasaxeiros
Máis de catro millóns de pasaxeiros pasaron polos tres aeroportos galegos durante 2011, dos que a terminal compostelá de Lavacolla foi a única que gañou usuarios co respecto ao mesmo período de 2010. Por tanto, o coruñés Alvedro e o vigués Peinador rexistraron redución no tráfico de pasaxeiros nas súas instalacións. (Fonte: El Correo Gallego)

xxxxxx
Escola hostaleira en Exipto
A secretaria xeral para ou Turismo da Consellería de Cultura e Turismo, Carmen Pardo, abriu o acto de presentación da escola hostaleira ABO Korkas Hotel Training Center, que contará co asesoramento do departamento de Consultoría & Formación do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). No acto participaron representantes de institucións exipcias e socios deste proxecto, como son a Association of Upper Egypt for Education and Development (AUEED) e a Egyptian Tourism Federation (ETF). (Fonte: Xunta de Galicia)

13/12/2011

Marítima
Vigo teme pola Autopista do Mar
A Autoridade Portuaria de Vigo amosou publicamente a súa preocupación polo que considerou a posibilidade de retardos no tempo institucionalmente establecido polo cambio de goberno en Madrid, no desenvolvemento da Autopista do Mar entre Vigo e os portos franceses de Saint Nazaire e El Havre. Paralelamente, Francia aínda non estableceu a data para a xuntanza pendente da comisión bilateral franco-española, prevista para principios de decembro. (Fonte: La Voz de Galicia)

Unión Europea-Marítima
Retardos para a reactivación naval galega
O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra, criticou que o goberno de Zapatero aínda non presentara ante a UE a proposta destinada á reactivación do sector naval galego. Estas críticas ampliáronse ante as declaracións do comisario europeo de Competencia, Joaquín Almunia, de que Bruxelas non recibira as propostas do goberno estatal, tras seis meses de duración da suspensión do sistema de “tax lease”, considerado como vital para a supervivencia do sector naval galego. (Fonte: La Voz de Galicia)

12/12/2011
Xacobeo
O Camiño en Australia
A S.A de Xestión do Plan Xacobeo desenvolveu en Australia unha campaña de promoción e posta en valor do Camiño de Santiago, no marco dunha misión comercial realizada pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, e na que tamén participou institucionalmente a USC. Para 2011, un total de 1.388 peregrinos australianos rexistráronse como visitantes do Camiño, ocupando Australia actualmente o posto nº 16 entre os países interesados no Xacobeo. (Fonte: Galicia en el Mundo)

Galicia
O exilio republicano en México
O investigador e profesor da Universidade Autónoma Metropolitana de México, Luciano Concheiro, así mesmo membro do Consello Académico do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), impartiu en Santiago o seminario “O exilio republicano en México”, promovido polo Consello da Cultura Galega. (Fonte: Galicia en el Mundo)

Unión Europea-Pesca
Preparando o Consello de Ministros da UE
A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, asistiu en Madrid ao consello consultivo de Política Pesqueira previo ao vindeiro Consello de Ministros de Pesca da UE que se celebrará en Bruxelas a mediados de decembro, e no que se debaterán os TACs e cotas para o vindeiro ano 2012. Galicia trasladoulle ao Ministerio a postura consensuada cos distintos representantes das autonomías en materia pesqueira para abordar unha estratexia de intereses comúns da frota pesqueira estatal. (Fonte: Xunta de Galicia)

11/12/2011
Galicia
Cae cartel galego
As policías española e italiana desactivaron un cartel de narcotráfico galego que operaba dentro de España e na localidade italiana de Xénova, dedicadas á recollida de cocaína de buques mercantes para a súa posterior distribución. (Fonte: Atlántico Diario)

Economía
Talleres para a internacionalización
A Consellería de Economía e Industria impulsa a organización en Vigo dun ciclo de talleres prácticos destinados a favorecer a internacionalización das empresas galegas. Os talleres IGAPE-Universidade-Empresa constitúen unha extensión, para profesionais en activo de empresas galegas interesadas na internacionalización, das actividades do Máster de Comercio Internacional que se está a desenvolver en Vigo, no marco dun convenio asinado entre o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Universidade. (Fonte: Xunta de Galicia)

Inmigración
Formación sanitaria
Ourense acolleu o primeiro dos tres cursos formativos e específicos de mediación intercultural sanitaria organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, e que terán continuidade en Santiago e Vigo. (Fonte: Xunta de Galicia)

10/12/2011
Eixo Atlántico
Inevitable asumir as peaxes SCUT
O presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Xoán Vázquez Mao, admitiu a inevitabilidade do pago das peaxes SCUT nas autovías do Norte de Portugal, ante a realidade de que o goberno portugués non pode custear os 700 millóns de euros anuais que acordou abonar ás empresas concesionarias. (Fonte: Atlántico Diario)

Galicia
Programa europeo vitivinícola
A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia impulsa a innovación e transferencia tecnolóxica do sector vitivinícola galego, a través do programa europeo “Winetech”. (Fonte: Europa Press)

Economía
Promoción artesanal en Milán
A Consellería de Economía e Industria continúa coa promoción internacional da artesanía de Galicia a través da súa presenza na Feira Internacional L’Artigiano in Fiera en Milán e no que participan doce obradoiros artesáns. (Fonte: Xunta de Galicia)

09/12/2011
Inmigración
Deportistas de máis de 50 países
Nas diversas disciplinas deportivas que se realizan en Galicia hai inmigrantes de máis de 50 nacionalidades, entre elas Francia, Burkina Faso, Bahamas, Rusia ou Porto Rico. (Fonte: La Voz de Galicia)

Fondo Galego de Cooperación
Proxecto sanitario en Nicaragua
Un total de 30 familias da localidade nicaraguana de Tepalón dispoñen dun proxecto sanitario xestionado pola ONG lucense Axunica co financiamento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, por valor de 8.500 euros, dos que o Fondo achega un total de 6.750 euros. O Concello de Lugo tamén achegou a súa axuda a través da mellora do sistema de abastecemento da auga nunha das comunidades máis pobres do país centroamericano, con elevados niveis de desemprego e analfabetismo. (Fonte: La Voz de Galicia)

Galicia
Vigo en estudo sobre satisfacción sexual
O Instituto Kinsey de Investigación en Sexo, Xénero e Reprodución da Universidade de Indiana (EE.UU) incluíu a Vigo entre as cidades para realizar un estudo mundial en cinco países sobre satisfacción sexual na mediada e terceira idade. (Fonte: Atlántico Diario)

Unión Europea-Galicia
Mobilidade laboral en Alemaña
A Fundación Paidea e a Xunta de Galicia asistiron en Berlín á Conferencia sobre Mobilidade e Calidade do Mercado laboral en Europa, organizada polo Ministerio Federal de Traballo e Asuntos Sociais da República Federal alemá. (Fonte: La Voz de Galicia)

08/12/2011
Galicia
As misións da Brilat no 2012
A Brigada Lixeira Aerotransportable (Brilat) de Pontevedra prevé participar ao longo de 2012 nunha nova misión internacional aínda non coñecida. Á espera de concretarse esta misión, a Brilat seguirá vinculada ata xullo de 2012 coa NRF-NATO Response Force ou Forza de Resposta Rápida da OTAN. (Fonte: Atlántico Diario)

Portugal
Porto supera aos aeroportos galegos
O aeroporto de Sá Caneiro en Porto continúa gañándolle pasaxeiros ás tres terminais aéreas galegas de Vigo, Santiago e A Coruña. Segundo datos do portal Aeronoticiario SCQ, nos dez primeiros meses de 2011 a afluencia de pasaxeiros galegos por Sá Caneiro superou a cifra de 600.000 rexistrada no 2010. (Fonte: El Correo Gallego)

07/12/2011
Galicia
Proxecto forestal con Francia
Representantes da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo dependente da Xunta de Galicia radicado na localidade coruñesa de A Estrada, participaron en Valabre (Francia) nun proxecto europeo sobre emerxencias en incendios forestais, que conta co cofinanciamento dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg IVC. (Fonte: Europa Press)

06/12/2011
Diáspora
Asistencia sanitaria en Brasil
O secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, visitou as localidades brasileiras de São Paulo, Salvador de Baía e Río de Xaneiro, para asinar convenios con catro entidades a fin de facilitar a tarxeta sanitaria da Xunta de Galicia aos galegos residentes neste país suramericano. (Fonte: Galicia en el Mundo)

05/12/2011
Diáspora
Reunión das asociacións de empresarios no exterior
Por vez primeira fóra de Compostela, os presidentes das Asociacións de Empresarios Galegos do Exterior en América reuníronse na capital arxentina Bos Aires para considerar os plans de internacionalización da empresa galega levadas a cabo polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), xunto coa rede de plataformas empresariais de Galicia (PEXGA). (Fonte: Galicia en el Mundo)

Brasil
Camba promove a “Galicia Saúde Exterior”
O secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, asinou os convenios de colaboración para a obtención da tarxeta sanitaria “Galicia Saúde Exterior”, con catro entidades galegas e españolas en Brasil. Estes convenios poderían beneficiar a uns 38.000 galegos residentes en Brasil, e considérase ampliar esta protección sanitaria a entidades en Arxentina, Uruguai, Venezuela e México. (Fonte: Galicia en el Mundo)

Economía
Empresas viguesas en Romanía e Panamá
Diversas empresas viguesas embarcáronse en misións empresariais e comerciais en Romanía e Panamá, así como na localidade holandesa de Róterdam. A través da Cámara de Comercio de Vigo, un total de sete empresas galegas das áreas de pesca e construción estableceron relacións comerciais en Romanía mentres a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) concluíu unha viaxe de negocios a Panamá a fin de afondar as posibilidades do sector metalúrxico galego de cara á ampliación da Canle de Panamá en 2014. Por outra banda, diversas empresas portuarias viguesas encadradas na Plataforma Tecnolóxica Galega de Loxística (LOXISGA) atoparon canais de relación co porto holandés de Róterdam para potenciar a súa competitividade. (Fonte: La Voz de Galicia)

Portugal
Interese pola Catedral de Santiago
A Associaçao Confraría de São Tomé de Braga organizou un curso sobre “A Catedral de Santiago, a súa historia, arte e espiritualidade”, realizado no mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, na que participaron 25 expertos portugueses. (Fonte: La Voz de Galicia)

04/12/2011
Unión Europea-Galicia
Convenio educativo con Berlín
O conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, asinou un acordo con representantes do concello de Berlín, para levar a cabo un programa de acollida recíproca de profesorado e alumnado de Formación Profesional entre Galicia e a capital alemá. Deste modo, a Xunta de Galicia e o Concello de Berlín cumprirán coas recomendacións do Tratado de Unión Europea sobre accións relativas ao dominio das linguas comunitarias. (Fonte: Atlántico Diario)

A discusión a reforma hipotecaria europea
Durante un acto en Vigo, o eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo, declarou que espera que se axilice a reforma hipotecaria europea “para o primeiro semestre de 2012”, baixo a presidencia rotativa danesa na UE. (Fonte: Atlántico Diario)

Galicia
Artesanía galega en Milán
A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a Consellería de Economía e Industria promoveu a marca Artesanía de Galicia na feira internacional de venda directa L’Artigiano in Fiera, que se celebra en Milán ata mediados de decembro. (Fonte: Xunta de Galicia)

03/12/2011
EE.UU
Premiado tradutor vigués
A Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos (AEDEAN) concedeu o Premio Nacional á Mellor Tradución 2011 a Jorge Luís Bueno, profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá na Universidade de Vigo, pola súa versión galega do clásico da literatura medieval inglesa Beowulf. (Fonte: Atlántico Diario)

Galicia
Ampliando as rutas aéreas
O grupo técnico de Promoción do Aeroporto de Santiago de Compostela levou unhas propostas á Cámara de Comercio de Santiago para o reforzamento das rutas aéreas do aeroporto de Lavacolla, en especial cara Londres e novos enlaces con Roma, Bolonia, Marsella e Lyon, así como unha maior presenza en Alemaña como mercado emisor de turistas. Outros destinos a tomar en conta por este grupo técnico son Suecia, Dinamarca, Finlandia e Noruega. (Fonte: El Correo Gallego)

Unión Europea-Pesca
CEPESCA critica o reparto de fondos 2014-2020
A Confederación Española de Pesca (CEPESCA) criticou á Comisión Europea de “incongruencia” na súa proposta de reparto de axudas e fondos europeos para o próximo período 2014-2020, tras eliminar subvencións destinadas ao desguace de buques pesqueiros e ás paradas temporais da flota. Igualmente, criticaron o aumento de fondos a 6.500 millóns de euros por considerar “non son significativos para o sector” pesqueiro. (Fonte: El Correo Gallego)

México
5.000 visitantes na Feira de Guadalaxara
A Xunta de Galicia clausurou os seus actos de promoción e internacionalización da literatura galega no marco da Feira Internacional de Guadalaxara en México, na que o stand da Asociación Galega de Editores recibiu aproximadamente 5.000 visitantes. (Fonte: Xunta de Galicia)

02/12/2011
Solidariedade
Inditex contra o HIV en Cimbabue
A empresa téxtil galega xunto á ONG “Médicos sen Fronteiras” asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto “Positive Generation”, co obxectivo de financiar programas de axuda para portadores do HIV en Cimbabue. (Fonte: Atlántico Diario)

Inmigración
O perfil da prostitución
Con motivo do Día Mundial contra o SIDA, o Consorcio As Mariñas presentou un informe de intervención sociosanitaria no que considera que as mulleres que exercen a prostitución nesta comarca coruñesa son persoas principalmente provenientes de Brasil e Colombia, aínda que tamén existe un gran colectivo de Europa do Leste; solteiras e con nivel formativo medio alto. (Fonte: La Voz de Galicia)

Diáspora
A conexión suíza de Caldas de Reis
A localidade suíza de Thun, que acolleu a moitos emigrantes galegos desde as décadas de 1950 e 1960, celebrará a súa IX xuntanza anual coa localidade pontevedresa de Caldas de Reis, orixinaria de moitos deses emigrantes galegos, na que tamén se unirán outros emigrantes asturianos e madrileños. (Fonte: La Voz de Galicia)

Palestina
Embaixador da ANP en Santiago
O embaixador da Autoridade Nacional Palestina (ANP) en España, Musa Amer Odeh, ofreceu unha charla na USC sobre o conflito palestino-israelí, na que considerou que a política de colonización israelí “é moito máis radical” que a do movemento islamita palestino Hamás, actualmente gobernante na Franxa de Gaza. (Fonte: La Voz de Galicia)

México
Obradoiro galego en Guadalaxara
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, promoveu un obradoiro de animación á lectura no marco da Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara (México). (Fonte: Xunta de Galicia)

Galicia
Bolsas para Bruxelas
A Fundación Galicia Europa, en colaboración con NovaGalicia, convocou seis bolsas de formación dirixidas a licenciados universitarios para a realización de prácticas na Fundación Galicia Europa e na Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal (AECT-GNT), durante 2012. (Fonte: Xunta de Galicia)

01/12/2011
EE.UU
En UVigo prefire a California e Florida
No marco da presentación do programa de intercambio estudantil International Student Exchange Program (ISEP), os estudantes da Universidade de Vigo amosaron a súa preferencia para solicitar bolsas de estudos nas universidades de California e Florida. No ISEP participan 150 universidades estadounidenses e de Costa Rica xunto a sete universidades españolas. (Fonte: Atlántico Diario)

Portugal
Estudo para potenciar a liña Vigo-Porto
A Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, conformada polos concellos de Arcos de Valdevez, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Ponte da Lima, Valença do Minho, Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira, elaborou un estudo para potenciar unha redución no tempo de traxecto da liña férrea entre Vigo e Porto. Para iso, estes concellos do Norte de Portugal precisan un investimento de 180 millóns de euros. (Fonte: Faro de Vigo)

Marítima
Navantia apunta a Turquía e Noruega
A factoría de Navantia en Ferrol ten expectativas de contratación a curto prazo en mercados como Turquía e Noruega, como potenciais compradores de buques para as súas respectivas armadas. (Fonte: La Voz de Galicia)

 

Fontes: A Peneira, AGN (Axencia Galega de Noticias), Atlántico Diario, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Diario Nova +, El Correo Gallego, El Exportador, El Ideal Gallego, El País, El Progreso, Empresa y Finanzas, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, Galiza Nación, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, NoticiasGalicia, Vieiros, Xornal de Galicia.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2011: nov | out |ago | xull | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan
2010: dec | nov | out | set | xull | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2009: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2008: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2007: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2006: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2005: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2004: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2003: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2002: dec | nov | out | set | ago | xul | 30xuñ | 14xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/01/2012


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta