20090224 jerusalem tzipi livni e benjamin netanyahu

19 goberno israelí

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Tzipi Livni e Beniamin Netaniahu; clic para aumentar
Durante estes quince días que xa transcorreron, a única evidencia é que ou ben Tzipi Livni, candidata do Kadima, o grupo máis votado, ou Beniamin Netaniahu, do Likud, a segunda forza, con pouco máis de 20.000 por debaixo de Livni, terán que negociar o seu futuro. Tras as últimas conversas mantidas entre ambos, parece inviable que as dúas forzas se unan; de igual xeito que se descarta a Livni como próxima dirixente israelí. [Foto: Tzipi Livni e Beniamin Netaniahu nunha sesión do Kneset o 24 de febreiro de 2009].
 

Dúas semanas despois das 19 eleccións ao parlamento israelí, o Kneset, aínda non está claro quen formará o novo goberno. As dúbidas non só afectan á discusión sobre a posible coalición dunha fronte de dereitas ou unha de esquerdas, unha división pouco exacta no estado hebreo, senón tamén ás concesións e diverxencias en tres temas básicos: a relixión, os asentamentos de Cisxordania e o retorno dos refuxiados palestinos; amais da importancia que a cidade santa de Xerusalén garda para todos os grupos e que afecta á vida dos israelís en todos os terreos: social, relixioso, político, económico e cultural.

A tradicional fisura política entre esquerda e dereita significa, en Israel, manter unha postura de maior ou menor condescendencia cos veciños árabes; así como en que medida se debe nivelar o papel da relixión na sociedade. A febleza deste sistema político, que adoita sorprender con partidos políticos que xorden e desaparecen entre unhas eleccións e outras (o partido dos Xubilados logrou sete asentos nas eleccións de 2006 e ningún nestas de 2009), con mandatos que non chegan a completarse, devén na elección de primeiros ministros obrigados a loitar polo seu posto, revisando os seus ideais e moitas veces adaptándoos ás necesidades propostas polos grupos minoritarios.

Durante estes quince días que xa transcorreron, a única evidencia é que ou ben Tzipi Livni, candidata do Kadima, o grupo máis votado, ou Beniamin Netaniahu, do Likud, a segunda forza, con pouco máis de 20.000 por debaixo de Livni, terán que negociar o seu futuro. Tras as últimas conversas mantidas entre ambos, parece inviable que as dúas forzas se unan; de igual xeito que se descarta a Livni como próxima dirixente israelí. Neste caso, os votos obtidos por Kadima non son suficientes para gobernar nunha hipotética coalición na que entrarían a formar parte os partidos árabes e os considerados de esquerda e centro. As demandas de grupos como A Casa Xudía (Habeit Haiehudí), que non están dispostos a conceder o territorio de Samaria e Xudea ao pobo palestino, ou do controvertido Liberman, da formación Israel é a Nosa Casa (Israel Beiteinu), quen baseou a súa campaña política en contra da minoría árabe israelí, xunto cos das listas encabezadas polos grupos relixiosos diminúen a capacidade de manexo de Livni.

Netaniahu, un vello coñecido da política israelí, criticado pola corrupción do seu mandato, entre 1996 e 1999, xa recibiu o beneplácito do presidente israelí, Simón Peres, para formar un goberno en coalición. As opcións son claras; os 27 asentos do Likud serán suficientes para que Netaniahu lidere un programa ao que se unirán os partidos relixiosos e Liberman. Deste xeito, moitos palestinos vaticinan a fin do proceso de paz, facendo inevitable a proliferación de asentamentos e esvaecéndose a idea dun diálogo sobre a posibilidade de retorno dos palestinos do exterior, a división ou compartimento de Xerusalén e, o máis importante, a creación dun estado palestino.

As eleccións non só determinan cal será o próximo goberno, senón que tamén amosan a realidade da sociedade hebrea. Malia a presunta laicidade da maioría dos israelís, calquera goberno parece obrigado a seguir as directrices estipuladas polos relixiosos, que pretenden endurecer as medidas para a conversión ao xudaísmo, que en moitas ocasións non é máis que un paso para conseguir o carné de identidade israelí, e obrigar a deter as leis laicas que conceden beneficios aos non relixiosos.

O período electoral israelí, tanto antes como despois de acudir as furnas, prolóngase ata a finalización dos mandatos. A dificultade de entendemento entre uns grupos e outros, con ideais que ás veces só se concentran en demandas mínimas, obriga a que o diálogo e a disputa sexan unha constante, una dinámica que axuda a que cada dous ou tres anos haxa un novo presidente, e que en moitas ocasións exista unha péndula que se move entre un lado e outro da balanza política, onde os polos non son opostos en toda regra, senón complementarios en certos aspectos e diverxentes noutros.