2002, unha odisea para Arxentina

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O informe do IEF (Instituto de Estudios e Formación da CTA), sobre os orzamentos do 2002 que o Goberno Duhalde, presentou ao parlamento, presaxia un ano moi duro para o pais austral. Incremento do paro, déficit orzamentario, aumento da pobreza, caída do PIB, mingua no poder adquisitivo, etc, son algunhas das conclusións do estudio realizado polo economista Claudio Lozano.

As previsións oficiais do goberno, tampouco é que sexan especialmente optimistas, xa que consideran que, durante o 2002, a economía arxentina caerá un 4,9%. Pero o informe do IEF é contundente e categórico.

Para Lozano a economía caerá neste ano non menos dun 8%, cifra que se achega máis aos peores augurios do FMI que a estiman nun 10%.

Outras das consecuencias negativas serían:

O ingreso per cápita reducirase nun 10% e a súa redistribución será aínda máis desigual.

O salario real, proxectando o IPC de xaneiro, caerá non menos dun 24%.

O paro medrará en 5 puntos e o desemprego sobordará o 25%. 4.300.000 persoas caerían por baixo do nivel de pobreza. É dicir máis do 50% da poboación estaría neste dramáticas condicións de vida e a débeda pública incrementarase nun 10%.

O traballo do centro de estudios, tamén subliña a inxustiza da recadación tributaria que carga nos impostos indirectos o 72,5% dos ingresos e só un 27% nos directos.

Considera así mesmo insuficientes as partidas destinadas aos dous programas sociais nos que se vai afanar o goberno.

O Novo Programa de Emprego que prevé 150 pesos para cada cabeza de familia en paro, e os Programas de Emerxencia Alimentaria que ten como misión paliar o déficit alimentario da poboación na pobreza.

Para poder arrepañar cartos para estes programas, nun orzamento que reduce nun 14% a cantidade na que se dispuña no ano 2001, as tesoiras do goberno cortan en cuestións tan sensibles como as remuneracións dos funcionarios, nas xubilacións e pensións ou nas transferencias as universidades.

Unha verdadeira odisea para un país que deambula entre o Mercosur e o FMI, na percura dunha estabilidade e dunha confianza que non atopa.