2020: Abrupto acelerón ou cambio de época?

Entre atónitos e convencidos de que non corren bos tempos, o 2020 e a historia da pandemia da Covid19 son en si mesmo o acontecemento social máis universal e conectado da historia da humanidade. Non o máis letal, nen o pior, por moi doloroso e abafante que puidera ser.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave Galicia internacional 2020
Idiomas Galego

Entre atónitos e convencidos de que non corren bos tempos, o 2020 e a historia da pandemia da Covid19 son en si mesmo o acontecemento social máis universal e conectado da historia da humanidade. Non o máis letal, nen o pior, por moi doloroso e abafante que puidera ser.

O certo é que máis alá do titular e os xogos das palabras para construír a realidade, as epidemias e pandemias eran xa coñecidas desde hai centos de anos, e tamén na actualidade, con casos recentes coma os primeiros coronavirus, o SARS no 2004 ou o MERS no 2012, así coma o ébola a malaria ou tantos outros que permanecen activos. Con este cadro, o catalizador inicial do titular é a velocidade, tanto da Covid19 coma nova enfermidade infecciosa, coma das características da globalización no mundo do S.XXI e da súa plataforma loxística, o autómata global: a rede de conexión e mobilidade de persoas e mercancías en todo o mundo por medio de aeroportos, portos, estacións de ferrocarril ou autobuses, autopistas….

O abrupto parón da vida operativa do autómata global cos confinamentos masivos, o peche de fronteiras, a piratería entre estados e potencias polo material sanitario, ou a guerra propagandística pola consecución da vacina que xa chega, con velocidade, deseñaron un 2020 proprio das distopías habituais que se popularizaron os últimos anos por medio das plataformas de contidos audiovisuais online. Non só contabamos coa maior conexión loxística e material arredor do planeta, se non que a internet e o mundo virtual tomaron o control da vida social a nivel mundial por primeira vez na historia. E aínda habendo fronteiras na internet, non son da natureza das estatais, polo que o acontecemento da vida global online fai parte central desa afirmación do acontecemento máis universal e conectado.

A xeopolítica da traxedia

Despois do titular hai que comezar a procurar as consecuencias e as aprendizaxes para todas, polo que hai que lembrar que as pandemias coma riscos globais xa eran tema de discusión antes da Covid19 no campo científico e social, e que estudos de institutos oficias de estados e moi distintas organizacións internacionais afrontaban a fotografía de posibles mapas de resistencias a unha potencial pandemia, desde o convencemento de que o mundo occidental sería o que mellor resistiría. Como todo cambia, a realidade desa idea e desa posición voou polos aires neste ano tan especial.

Si, os protocolos SARS nos países asiáticos eran ben coñecidos en Europa e América e aínda así a diferencia dos impactos sanitarios e económicos nas distintas rexións do planeta con capacidade de medición real é abrumadora. Son os factores culturais, claro, mais tamén a institucionalidade sanitaria que crearon os primeiros coronavirus os elementos centrais para entender o impacto sobre a saúde e a economía nas distintas rexións do planeta, e non as mentiras sistematizadas de Donald Trump ou as teorías da conspiración variadas.

Na publicación que o IGADI levou adiante sobre a pandemia e o confinamento global de 2020 “O Mundo Desde Aquí 2020: A pandemia da Covid19” (grazas ao apoio do Concello de Pontevedra e a súa Concellería de Normalización Linguística) a lectura do conxunto dos 26 textos chegados de 23 países, leva a unha moi fría e dolorosa derrota de época, entre liñas, na nosa posición no planeta. A comparación das testemuñas achegadas desde os países asiáticos contrasta de maneira sorprendente e dramática coa nosa coma europeos, ou americanos. Nesa fotografía de conxunto que retrata a complexidade desa comunidade planetaria que é a humanidade, atópase tamén o convencemento dunha necesidade urxente dunha maior tradución cultural, xa que o descoñecemento aumenta a desconfianza mutua e obstaculiza os avances necesarios para mellorar a gobernanza mundial, a beira de desastres potenciais que son tendencia, coma a degradación ambiental, a insustentabilidade enerxética, a desigualdade social ou a tensión entre estados…

O 2020 como acelerador de tendencias

Aínda podendo dubidar das distintas afirmacións descritas até aquí, o indubidable, o consenso entre especialistas de todo o mundo, atópase ao sinalar que o ano 2020 multiplicou a velocidade das tendencias en curso nas última décadas, mais en sí mesmo non é o definitivo cisne negro epocal. Xa sexa esta afirmación por convencemento fundamentado ou pura fe e instinto de supervivencia.

¿Qué tendencias son esas? A primeira e a máis determinante e influínte sobre as demais, a emerxencia de China e de Asia no liderado global acompañando o declíneo do século americano. Pero temos máis tendencias aceleradas coma o aumento da desigualdade e o empobrecemento das sociedades occidentais, a vida online coma forma de vida convencional ou o desastre climático e as súas consecuencias non agardadas… Segundo este consenso no 2023 seguiremos viaxando e o turismo seguirá a ser parte fundamental da vida aspiracional, a loita contra o cambio climático e a dixitalización liderarán a recuperación económica, a globalización non colapsará e as subidas de ton nos discursos cruzados nos conflitos que poden provocar reaccións en cadea, serán atemperadas.

Se pesquisamos entre os informes anuais de relacións internacionais que facemos no IGADI, o IGADI Annual Report, que comezamos a facer baixo a dirección de Xulio Ríos no ano 2005, poderanse rastrexar todas esas tendencias e o seu avance a cámara lenta. Se empregásemos unha máquina do tempo tamén poderiamos desprazarnos até o 1991 e ao final da Guerra Fría, para que esa viaxe a cámara lenta fose aínda máis rica arredor dos matices das tendencias aceleradas en curso. As mudanzas na orde internacional sucédense sempre carregadas de décadas ou séculos aos que lle suceden acontecementos precipitantes e encadeados… Onde estamos agora aínda non acabamos de sabelo, a incerteza radical continúa.

Da Nova Normalidade ás vacinacións masivas: Despois de Trump e Merkel.

A nova normalidade comezou triunfalista coa derrota anunciada do virus. Lamentablemente a ilusión de non vivir unha segunda onda da Covid19 esvaeceuse rapidamente, e tralas primeiras alegrías do verán chegaron os medos e os confinamentos máis ou menos severos arredor do globo a partir de outubro. O éxito das campañas de vacinación masiva que xa comezaron será o elemento determinante para esquecer a idea do new normal, ou non.

Se con Obama na Presidencia, os USA asumiran de facto esa tendencia de décadas da emerxencia asiática e chinesa en particular, con Donald Trump ao mando procurouse de maneira directa o conflito de baixa ou alta intensidade para debilitar a posición chinesa (guerra comercial, tecnolóxica, ideolóxica). A vitoria de Joe Biden nas eleccións de novembro non garante en absoluto que as relacións dos USA con China melloren, aínda que no curto prazo e no contexto de pandemia mundial agárdanse boas intencións por ambas partes.

En calquera caso, o novo mapamundi global que vimos en formación nas últimas décadas puxo a guinda económica o pasado 15 de novembro, coa fundación da Asociación Económica Integral Rexional (máis coñecida como RCEP, polas súas siglas en inglés) conformada por China, Xapón, Corea do Sur, Nova Zelanda, Australia e os dez estados que conforman a Asociación de Nacións do Sudeste Asiático (ASEAN).

A posición da Unión Europea e dos propios USA coa nova Presidencia de Joe Biden, diante de todas estas tendencias aceleradas durante o 2020, sendo previsibles baixo a comunidade de interese de ferro da OTAN (logo dos anos de revolcón da Presidencia Trump) será relevante tanto para o seu propio perfil interior coma exterior. A autonomía estratéxica semella unha quimera sen Trump, mais as relacións con Eurasia, e as potencialidades de diálogos construtivos coa China, Rusia e outras potencias rexionais asexa inevitablemente polo retrovisor coma unha oportunidade de época, tamén no marco global da necesaria renovación de Nacións Unidas e a Axenda 2030. Parece que o habitual seguidismo europeo cara os USA pode mudar dalgunha maneira de perfil, mais acabará por depender de innumerables factores e no curto prazo en boa medida do que suceda nas primeiras eleccións na Alemaña de despois de Merkel do ano que vén.

O futuro está aberto, coidémonos.