Debaixo da estrela da entrada do Centro Galego de Buenos Aires, un grupo de homes e mulleres celebrou o 6 de decembro de 2024 con xusta emoción un logro conxunto: o recoñecemento de Castelao como Primeiro Presidente de Galicia. Unha sinxela e simbólica homenaxe na que se podía sentir a emoción dun logro histórico.

A iniciativa promovida polo Partido Galeguista e institucións de emigrantes de Buenos Aires e Montevideo1, acadou o visto bo da Parlamento autonómico no 80 aniversario da constitución do Consello de Galiza e no limiar do 75 aniversario do pasamento de Castelao. Un feito que coloca a esta figura senlleira do noso país no sitio que merece e, oxalá, serva para difundir e dignificar o papel que a Galicia Universal indubidablemente ten na nosa historia e na nosa identidade. Como mostra desta necesidade urxente, a incomprensible falta dos promotores do proxecto no acto oficial da Cámara galega.
No Centro Galego estiveron o secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López; o presidente do Centro Galego de Buenos Aires, Ramón Suárez; o Presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, José María Vila Alén; o Director do Colexio Santiago Apóstolo, Carlos Brandeiro; o delegado por Arxentina para as Comunidades Galegas e Presidente do A.B.C. de Corcubión, Carlos Ameijeiras; a presidenta do Centro Betanzos, Beatriz Lagoa; ademáis, entre outros, da vicepresidenta da Federación Vasca de Arxentina, Arantxa Arritua, como símbolo da histórica solidariedade entre os representantes de Galicia, Euskadi e Cataluña. A cantante Graciela Pereira estreou unha peza coa poesía do escritor arxentino Victor Molinari dedicada a Castelao.

A segunda, o 7 de xaneiro. Cando, como cada ano, o Centro Galego lembra o pasamento do rianxeiro que, esta vez, se cadra por mor do Ano Castelao, contou coa participación do flamante Embaixador de España, Joaquín María de Aristegui Laborde, e do Delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, acadando unha relevancia institucional sen precedentes. Foi un éxito de público e o cabodano máis festivo que vos podades imaxinar. Gaiteiros dunha ducia de entidades pecharon interpretando pezas tradicionais que chamaron ao baile no patio das columnas de mármore desa emblemática casa, exemplo de mutualismo, “recuncho da galeguidadade universal” e testigo dunha historia que aínda ten moito para contar.

Entre o baile e as gaitas a alma festa medrou poderosa ata vencer a sombra da morte. Unha institución que, aínda ameazada pola peor das crises, é quen de convocarnos e unirnos arredor de nós, ben merece un futuro. Porque celebra os logros dun pobo e da súa cultura facendo fronte a todo é mostra do compromiso incondicional coa terra. Testemuña dese amor a pesar do exilio, do desterro, da emigración na que viviron Castelao e os seus contemporáneos como amarga pero maxistralmente describiu Luis Seoane na dedicatoria do seu libro “Castelao como artista”:
“A Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado, por todo cando fixemos xuntos en Buenos Aires, perdendo. Por canto soñamos en Galicia dende Buenos Aires, escribindo, pintando, loitando e perdendo. Soios”.
A nosa non sempre foi unha historia de éxitos, pero o latexo vívido desta memoria colectiva empurra con forza a sensación de victoria que bule no ambiente.
Así tamén foi na terceira conmemoración, a da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina o día 11 de xaneiro na Praza Caselao, onde a lembranza do “guieiro” convocou a propios e extraños arredor da música e a memoria no centro da cidade.

Esta Galicia arxentina celebra ao primeiro presidente cunha felicidade e cunha autoridade que a Galicia territorial descoñece. Estas xentes e organización gardan coma tesouros estas pezas claves da historia galega que reside en ultramar. Négome a perder a esperanza de que eles tamén sexan recoñecidos.
Con esa idea, gustaríame que nos fagamos unha pregunta. Como fixo Castelao nas pasaxes de “Sempre en Galiza”, pensemos xuntos para este Ano Castelao 2025, e máis alá, ¿Onde e cómo está a Galicia de Buenos Aires -que acolleu, axudou ao pai do galeguismo a pensar e crear a súa obra, que o protexeu ata o seu leito de morte e aínda preserva o seu legado- no discurso da Galicia territorial?
O debate está servido. Desexo que o intercambio nos axude a escribir un capítulo xeneroso e ventureiro do noso pobo universal.
Notas ao pé
- 1 Impulsores do proxecto: Centro Galego de Buenos Aires, Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Centro Galicia de Buenos Aires, Patronato da Cultura Galega de Montevideo, Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Buenos Aires, Fundación Xeito Novo de Cultura Galega, ABC de Corcubión, Centro Betanzos de Buenos Aires, Fundación Galicia-América, Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar, Centro Cultural da Estrada e Partido Galeguista.