5 Perspectivas para 2020

Como cada ano saíu o IGADI Annual Report 2019-2020, o informe anual de relacións internacionais e política global do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, este ano titulado: “Da guerra comercial á Covid19”. No documento identifícanse cinco perspectivas coas que seguirlle a pista ao atribulado ano global en curso.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave China Galicia internacional
Idiomas Galego

Como cada ano saíu o IGADI Annual Report 2019-2020, o informe anual de relacións internacionais e política global do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, este ano titulado: “Da guerra comercial á Covid19”. No documento identifícanse cinco perspectivas coas que seguirlle a pista ao atribulado ano global en curso.

1. Nova normalidade: Incerteza, recesión e mundo online: Os acontecementos do primeiro cuadrimestre do ano 2020 reforzan a nova normalidade como un espazo temporal de incerteza radical na sociedade internacional. As acusacións de piratería entre potencias para a consecución de material sanitario, a retirada dos fondos estadounidenses da OMS, ou o crack do petróleo a finais de abril, alertan dun ano 2020 que pode agudizar todas as crises anteriores, ameazando as costuras xa rotas da sociedade internacional anterior á pandemia, das guerras comerciais, o incremento das desigualdades ou a crise ecolóxica.

2. A confrontación EUA-China na pandemia: O persoalísimo proxecto do D. Trump afronta o seu ano electoral rodeado pola pandemia e o seu conflito coa China. En todos os escenarios, a pésima xestión da emerxencia do virus e os fortes impactos de saúde nos EUA ameazan con lastrar a xestión na nova normalidade. Na China tamén será un ano clave para Beijing, que encara desafíos político-territoriais á alza, tralas contundentes vitorias electorais en Hong Kong e Taiwán dos seus adversarios políticos durante o 2019 e inicios de 2020. A guerra comunicacional, diplomática e económica entre EUA e China ameaza con descarrilar arredor do debate sobre as cadeas de valor e o discurso a prol da desglobalización e a orixe do virus. As eleccións de novembro entre Trump e Biden aínda están lonxe.

3. A globalización euroasiática e a Unión Europea: As dinámicas xerais das últimas décadas no histórico diálogo entre Oriente e Occidente, xunto a xestión primeira da pandemia da Covid19, aumentan as expectativas dunha segunda globalización asiática, desde o motor e o volume de China como renacido centro do mundo. Neste contexto a afirmación dunha voz xenuinamente europea e comunitaria é un imperativo esencial e parte inseparable da súa supervivencia, na lenta agonía instaurada desde o fracaso da Constitución europea (Francia e Holanda votaron en contra no ano 2005). Isto require da implementación dunha visión autónoma a propósito dalgunhas lealdades tradicionais que durante o 2020-2021 serán sometidas a un maior estrés. Aparece un novo mapamundi global, no que as eleccións estadounidenses e a xestión da Covid19 introducirán intensidades e proxectos de curto-medio prazo

4. En rumbo de colisión no 75 aniversario de Nacións Unidas: A crise da Covid19 e a xestión da pandemia únese aos conflitos abertos na arquitectura internacional nos últimos anos, propiciando desconfianza e rivalidade económica e tecnolóxica, así como ideolóxica, diplomática e militar, como se observou durante o primeiro cuadrimestre do ano. Non só entre USA e China, senón no conxunto da comunidade internacional e entre as distintas potencias rexionais. O sistema internacional de Nacións Unidas celebrará o seu aniversario entre a crise crónica permanente e potenciais episodios de renovación liderados por potencias non tradicionais e as alternativas da Axenda 2030 coma a diplomacia verde ou a política exterior feminista.

5. Manifestación con distancia social: As protestas desde os balcóns, as manifestacións e  as folgas online emerxen pinga a pinga por un planeta que asume a nova normalidade, non sen dificultades, tamén para a mediación do conflito social, tamén dentro de cada país. No novo contexto da Covid19, a ola de protestas que sacudiu varios países en 2019 promete un 2020 igualmente quente no sociopolítico, onde o distanciamento físico incidirá nos métodos de protesta, así como na previsible recesión económica, o aumento de desigualdades e o incremento da polarización social.

O informe anual do IGADI cumpre neste 2020 a súa decima terceira edición. O informe está dispoñible aquí.