Casa Rosada, sede do goberno arxentino

(500) Days of Milei

O pasado 23 de abril, Javier Milei cumpriu cincocentos días como presidente da Arxentina, un período marcado por fortes axustes económicos, promesas de cambio e algunhas polémicas. Nas seguintes liñas analizamos como evolucionou a súa relación coa cidadanía durante este tempo.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Palabras chave Arxentina Milei

Non foi amor a primeira vista, senón furia, rabia contida e desencanto. Así comezou a historia de amor entre unha boa parte dos arxentinos e Javier Milei. Moitos tiñan clara a súa elección dende facía tempo e, coa idea de que hai que rachar co de sempre, o 23 de decembro Javier Milei, libertario, economista e a partir dese momento presidente da Arxentina, sería o encargado de liderar o país.

Coma na película de Marc Weber de 2009, (500) Days of Summer, Tom, o protagonista, namorase de Summer, e durante cincocentos días se conta como foi o seu proceso de namoramento. Esta historia, igual ca o filme, non trata do amor en si mesmo senón sobre o manexo das expectativas e a realidade pero, sobre todo, do que ocorre cunha relación cando pasa do ideal a experiencia cotiá.

Día 1 – O comezo.

Cando Milei chegou ao poder non o fixo como un político tradicional senón como alguén que viña a cambialo todo. Varios anos de fracasos de gobernos dende a esquerda e a dereita, de peronistas e non peronista levaron ata a extenuación a cidadanía arxentina. O seu xa emblemático “Viva la libertad, carajo” unido a esa imaxe coa motoserra como símbolo de recorte estatal, xerou rechazo, curiosidade, esperanza e adoración por partes iguais. Todo isto levouno a converterse en presidente e, durante os seus primeiros meses de goberno, o entusiasmo volveu a ser a emoción principal de moitos arxentinos.

Tom tamén o viviu así, cando coñeceu a Summer apenas falan -nin sequera conversan de verdade- pero el comeza a crear una idealización dela e, a voz en off o deixa claro: Tom cría que xamais sería verdadeiramente feliz ata que atopara “a indicada” e cando atopou a Summer, pensou que esa persoa chegou.

Día 124 – A promesa e o axuste.

Co paso dos meses as medidas máis duras chegaban: eliminación de Ministerios, redución do gasto público e dos subsidios… A lóxica do axuste foi inmediata e profunda, sempre baixo a premisa de que a liña marcada levaría a Arxentina a un nova etapa.

Para algúns, estas medidas foron necesarias e incluso celebradas, era xusto o que querían. Para outros, os efectos foron difíciles de asimilar: aumento da inflación en case un 35% durante os meses de xaneiro e febreiro (Lavagna, 2024b), caída do salario real en máis de 20 puntos, e uns niveles de pobreza do 52,9 % da poboación no primeiro trimestre de 2024 (Lavagna, 2024a). Con todo isto, o goberno respondeu con un mensaxe de sacrificio temporal, prometendo que todo esforzo sería recompensado.

Un dos momentos máis recordados do filme é a escena na que aparecen dous planos paralelos: un coa expectativa do que o protagonista espera que ocorra, e noutro no que sucede en realidade. Algo similar atopase na evolución destes cincocentos días.

Por unha banda, os datos estruturais evolucionan de maneira positiva: superávit fiscal tras décadas de déficit, estabilización no tipo de cambio ou diminución nos niveis de inflación interanual, fronte a realidade social que mostra que os efectos positivos apenas eran percibidos pola sociedade.

Día 285 – A fractura silenciosa.

Durante toda este proceso, algo que realmente se mantivo estable no tempo foi a imaxe do presidente pero, dende comezos do 2025, esta comeza a fragmentarse (Atlas Intel, 2025; Córdoba & Zuban, 2025; UdeSA, 2025). Varias son as razóns para poder comprender esta situación: a primeira, é a dificultade para os cidadáns de seguir a política económica instaurada e, aínda máis, observando certas incoherencias co programa de goberno, exemplo dela é a petición de fondos ao FMI, a segunda é a política exterior que mantén, especialmente dende a chegada de Donald Trump a presidencia dos Estados Unidos na que se observa un firme apoio as medidas promovidas dende Washington e, en terceiro lugar, certas polémicas como o seu discurso no foro de Davos, o criptogate, a súa interpelación as Malvinas ou o manexo das manifestacións dos xubilados.

Coma na escena do tellado onde Summer lle di a Tom, case sen emoción, que xa non sente o mesmo, a relación entre boa parte da cidadanía e o presidente comeza a reducirse sen grandes explosións, pero con sinais evidentes. A distancia instálase sen escándalo e deixa tras de si unha sensación de desencanto silencioso, difícil de aceptar pero imposible de ignorar.

Día 500 – Unha historia sen créditos finais.

Pero, a diferenza do filme, esta historia non está acabada. Non hai música que anuncie o final nin unha última escena que peche do relato. Nos atopamos aínda no primeiro medio ano de goberno e, o seu percorrido, non deixa indiferente a ninguén aínda que, en realidade, non sabemos se este experimento político rematará por ser unha refundición institucional, un ciclo breve ou un prólogo doutra etapa aínda máis inesperada.

Só sabemos que a historia continúa e, coma en toda as relacións complexas, chea de idas e voltas, de silencios longos e de momentos decisivos.

Bibliografía