A palabra clave que inspira o proceso de modernización chinesa é adaptación. O denguismo, que xurde do fracaso da experiencia maoísta e que fuxe dunha volta á planificación soviética, mantendo formalmente o obxectivo de perseverar na construción socialista para facer de China un país unido e poderoso, alenta unha primeira etapa, de signo claramente económico, marcada pola progresiva incorporación de variables, factores e fenómenos inevitablemente asociados coa economía capitalista, pero que o sistema chinés adapta, dixire e dirixe dende a tribuna partidaria. Ese longo percorrido, que dura xa case trinta anos, está nunha fase de clara madurez, favorecido tanto pola intensidade e a amplitude das reformas introducidas nestas décadas como pola inserción de China na economía global, o que lle impón un catálogo exhaustivo de esixencias.
Ese proceso orixinou non soamente transformacións económicas caracterizadas por un intenso ritmo de crecemento con efectos positivos (redución da pobreza, mellora do nivel de vida) e negativos (elevados custes ambientais e grandes desigualdades e desequilibrios) senón tamén sociais. A China que hoxe medra entre plan e mercado, entre propiedade pública e non pública, entre a innovación tecnolóxica e unha economía rural atrasada, está ben lonxe daquela outra China igualitaria de hai tres décadas. A pluralidade social non soamente diferencia agora entre burócratas, intelectuais, obreiros e campesiños, senón que novos segmentos, como os empresarios privados, os autónomos, os profesionais independentes, desempregados, emigrantes internos, etc, forman parte da súa fisionomía e engaden maior complexidade a unha xestión integradora e converxente, tal e como se propón dende as estruturas do Partido Comunista de China (PCCh). Esa pluralidade económica e social non cristalizou en demandas significativas nin estruturadas á marxe do PCCh, quen se afana por integrar ese novo dinamismo, que xurde como efecto inevitable das reformas, no seu proxecto de modernización. Dende 2002, oficialmente, ao asumir a chamada teoría da “tripla representatividade”, o PCCh deixou de ser a vangarda exclusiva da clase obreira para transformarse na vangarda de todo o pobo, coa vocación de seguir nutríndose deses novos espazos de poder e impedir a súa conversión nun desafío ao seu liderado. O interclasismo do PCCh evidencia outra adaptación á nova realidade social que acentúa o seu perfil xestor do sistema, acomodando nel, con clara vocación confuciana, todos aqueles actores con capacidade de achegar esforzos á magna causa do rexurdir desta civilización oriental.
Tanto no económico como no social, nesta experiencia de tres décadas de reforma e apertura sorprende a capacidade do PCCh para xestionar todas estas claves nun país destas dimensións, sen renunciar en ningún caso a unha visión directriz que exerce en exclusividade sin abdicar no máis mínimo dunha simboloxía que non soamente se xustifica como atributo lexitimador. Mesmo no económico, cando o PCCh sinala que o Estado controlará os sectores estratéxicos, está a dicir que non renuncia a dispor dunha base económica propia co potencial suficiente como para marcar o rumbo da economía nacional. Porque tamén sabe que sen ela, os seus días están contados. E a pesar de todas as transformacións vividas, o certo é que o PCCh dispón da capacidade e da autoridade suficiente aínda como para decidir o rumbo do país.
Agora, despois do XVII Congreso do PCCh, realizado en Pequín en outubro de 2007, semella que regresamos a 1978, pero para comezar o proceso noutra dirección, a política. O gradualismo, a experimentación, a concepción estratéxica, en fin, as claves que permitiron a transformación económica do país, incorpóranse agora a un proceso aínda tímido de reforma política que pretende desenvolverse nos mesmos parámetros. O obxectivo consiste en habilitar fórmulas que permitan innovacións democráticas sen que cuestionen o papel dirixente do PCCh, formación convertida, cos seus máis de 73 millóns de militantes, no laboratorio desa nova enxeñería política que desta vez non será conducida por técnicos en grandes proxectos senón por expertos en leis (a quinta xeración que tomará o relevo en 2012). En Zhonanghai, o Kremlin chinés, matinan que se foron capaces de dixerir o mercado tamén serán capaces de dixerir a democracia, asunto urxente tanto por razóns internas (institucionalizar mecanismos para resolver os conflitos, dotar de maior credibilidade ao Partido e relexitimar a autoridade do Estado, o previsible auxe desta demanda a medida que se consolide a mellora económica e aumente o nivel de vida) como externas, cando o argumento das carencias democráticas e as restricións en materia de liberdades públicas afectan de modo sobranceiro á imaxe internacional dunha China empeñada en convencernos do carácter pacífico e non belixerante da súa emerxencia.
A China Popular, que viviu nos seus primeiros trinta anos agudas tensións para dar co camiño da súa modernización, soubo axiña que un socialismo baseado na pobreza carece de futuro. As novas xeracións, atraídas polo tirón consumista, dificilmente comprenden a razón dese esforzo, por moito que asente en valores humanistas e solidarios dignos da maior consideración e respecto, aínda que a miúdo agochen tamén incoherencias e contradicións graves, mesmo criminais. Igualmente, as restricións ás liberdades, a democracia e os dereitos humanos constitúen un hándicap dos modelos socialistas clásicos, xustificadas nun primeiro momento como resposta á situación de acoso exterior e logo institucionalizadas ata niveis que chegaron a ser demenciais. China, nun primeiro intento, tomou distancias co modelo soviético, apostando por unha vía nacional (o Gran Salto Adiante, a Revolución Cultural) que non acadou os seus obxectivos. Foi capaz de desmarcarse do modelo imperante para explorar unha alternativa que asentase certa pluralidade naquel socialismo. Como agora intenta definir outros camiños a partir da súa propia realidade, tanto no económico como no político.
Estamos ante unha manifestación de cinismo, unha perversión ideolóxica ou cabe imaxinar certo grao de sinceridade nos dirixentes chineses? Nas provincias de Sichuan e Hubei, e tamén en Chongqing, o PCCh experimenta coa elección directa dos xefes do Partido, sometidos ademais a unha avaliación anual polas propias bases. En paralelo, experimenta coa incorporación, polo momento simbólica, de profesionais independentes ás máis altas esferas de xestión gobernamental. Os estudos impulsados a comezos deste século dende a Escola Central do Partido a propósito das experiencias da socialdemocracia europea son analizados en detalle para extraer leccións que tamén puideran ser tidas en conta.
Esta segunda adaptación do proceso chinés, baseada no recoñecemento da necesidade de evolucionar coas tendencias da época contemporánea á par de reivindicar o valor do marxismo e sen perder de vista as orixes, abre un horizonte de innovación que fariamos mal en desprezar de boas a primeiras.