A agresión a Gaza e a xeopolítica rexional

O mes de xullo foi particularmente cruento para Palestina, a tenor da desproporcionada agresión militar israelí no territorio de Gaza, que baixo o nome de “Marxe Protector” ten causado máis de 500 civís palestinos mortos así como millares de feridos. Compre por tanto abordar en qué medida a renovación da confrontación armada entre Israel e o movemento palestino Hamas, cuxo epicentro tradúcese en Gaza e o sur de Israel e de Cisxordania, está provocando unha confusa reestruturación do equilibrio estratéxico en Oriente Medio, particularmente complexas para as pretensións soberanistas palestinas así como para a propia xeopolítica israelí.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

O mes de xullo foi particularmente cruento para Palestina, a tenor da desproporcionada agresión militar israelí no territorio de Gaza, que baixo o nome de “Marxe Protector” ten causado máis de 500 civís palestinos mortos así como millares de feridos. Compre por tanto abordar en qué medida a renovación da confrontación armada entre Israel e o movemento palestino Hamas, cuxo epicentro tradúcese en Gaza e o sur de Israel e de Cisxordania, está provocando unha confusa reestruturación do equilibrio estratéxico en Oriente Medio, particularmente complexas para as pretensións soberanistas palestinas así como para a propia xeopolítica israelí.

Ata mediados de 2014, aproximadamente 140 Estados membros da ONU recoñecen á Autoridade Nacional Palestina (ANP) como Estado independente. Con todo, o boicot israelí, apoiado por EUA, permite sortear e obstaculizar calquera tentativa soberanista para o tema palestino no seo da Asemblea Xeral da ONU. Así e todo, a finais de 2012, a ONU elevou o status de Palestina a “Estado Observador”.

Non obstante, os acontecementos que sacoden a Oriente Medio desde 2011, por mor do que se denominou como a Primavera árabe, a súa posterior ralentización e as consecuencias xeopolíticas derivadas dos conflitos rexionais (Siria, Iraq), permiten intuír que a reestruturación do equilibrio estratéxico rexional deixan a Palestina e Israel ante un difícil labirinto. Unha reestruturación que cobre intensidade coa actual agresión militar israelí no territorio palestino de Gaza.

Entre pactos e rupturas

En abril pasado, Hamas e o partido Al Fatah, que controla politicamente o territorio de Cisxordania así como as principais estruturas da Autoridade Nacional Palestina (ANP), selaron un acordo para conformar un goberno de unidade nacional que acabara cunha ruptura iniciada en 2007, na que se presentaron choques violentos entre os distintos grupos armados palestinos.

A perspectiva deste pacto estaba enfocada de cara aos comicios lexislativos previstos para 2015, cuxos eventuais escenarios poderían levemente reproducir inéditas novidades políticas no contexto palestino, como fora a inesperada vitoria electoral de Hamas nos comicios de xaneiro de 2006.

Por tanto, un pacto político entre Hamas e Al Fatah alteraba substancialmente os intereses israelís, igualmente polarizados e contrariados polos cambios xeopolíticos rexionais, con especial atención na tanxencial viraxe “pragmática” da política estadounidense cara Oriente Medio, principalmente no caso iraniano.

Nese sentido, en clave política israelí, a ruptura presentada a comezos de xullo dentro do coalición gobernamental dereitista en Tel Aviv, dirixida polo primeiro ministro Benjamín Netanyahu e o partido Likud, ante a radical saída do entón ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman, líder do partido nacionalista extremista Yisrael Beiteniu, auguraba tensións non só dentro de Israel senón particularmente no contexto palestino.

Este contexto interno en Palestina e Israel previo á agresión militar israelí en Gaza abordaba perspectivas radicalmente distintas. Mentres Hamas e Al Fatah acordaban un goberno de coalición e de unidade nacional, Netanyahu e Lieberman rompían unha coalición gobernamental marcada polas circunstancias. Nese sentido, Lieberman acusaba a Netanyahu de presuntamente “ser brando e débil” contra os palestinos, apostando polos sectores “falcóns” e a man dura.

Contrariado pola nova ecuación política, Netanyahu veu perigar a duración do seu goberno, optando por unha “solución militar” contra Hamas que lle permitira contemporizar a ruptura de Lieberman e da extrema dereita israelí. A prolongación dos bombardeos israelís en Gaza, xunto cos plans de hipotética invasión militar terrestre do territorio palestino, acicalaron a renovación desta desproporcionada ofensiva militar, agora contextualizada na necesidade imperiosa de Tel Aviv de preservar unha xeopolítica orientada a compensar as eventuais alteracións das alianzas estratéxicas que progresivamente se observan en Oriente Medio.

A “nova” xeopolítica israelí (1): o golpe exipcio

Esta perspectiva da xeopolítica israelí e dos cambios estratéxicos rexionais gravitan directamente dentro do contexto político palestino. O prolongado illamento exterior de Gaza, que con 1.5 millóns de persoas vivindo nun territorio de menos de 400 km2 presenta as perspectivas dunha grave crise humanitaria, intensificada agora pola cruenta ofensiva israelí así como polas recentes crises de refuxiados derivados dos conflitos sirio e iraquí cara países fronteirizos como Xordania e Líbano, manifesta un escenario delicado para Palestina así como para Hamas.

A todo isto debe tomarse en conta que os principais apoios exteriores de Hamas, principalmente por parte de Irán e do réxime sirio de Bashar al Asad, vense actualmente atomizados na súa capacidade de actuación e influencia.

Por tanto, o pacto con Al Fatah constituía para Hamas unha oportunidade esencial para tentar desarticular o seu illamento exterior. Pero outros factores internos actívanse como bomba de reloxería, particularmente pola crise socioeconómica motivada pola ocupación israelí e o illamento exterior en Gaza, así como a frustración palestina ante os retrasos e a lasitude da comunidade internacional sobre o recoñecemento da súa soberanía estatal. A eventual renovación da “Intifada” cobraba forza, agora non só contra Israel senón tamén contra as elites de poder dentro da ANP e a indiferenza internacional ante a causa palestina.

Paralelamente, os cambios políticos na contorna rexional, especialmente na fronteira entre Gaza e a península de Sinaí, abren unha situación particularmente complexa para Hamas. O principal ten que ver coa lexitimación presidencial en maio pasado do réxime militar instaurado polo xeneral golpista Fatah al Sissi en Exipto, contando co aval estadounidense especialmente trala visita do secretario de Estado John Kerry. Este escenario manifesta un afogamento aínda maior para Hamas en Gaza, favorecendo así  os intereses israelís.

A ofensiva de Gaza e as rupturas políticas internas evidencian diversos síntomas de polarización política nas esferas de poder en Tel Aviv, particularmente no relativo ás presións por radicalizar aínda mais a posición contra Hamas e os palestinos. Este clima certifica o proceso de “dereitización” da política israelí ante as presións dos “falcóns”, expectantes ante calquera incidente que implique a posibilidade de recuperar o control israelí de Gaza e evitar que Hamas impulse a súa popularidade en Cisxordania.

Un factor estratéxico cara este obxectivo tivo que ver co interese israelí no golpe militar en Exipto de xullo de 2013 contra o presidente islamita Mohammed Morsi e o proceso de represión e ilegalización da Irmandade Musulmá levada a cabo dende entón polo réxime militar instaurado polo novo presidente, o xeneral golpista Fatah al Sissi. Segundo fontes militares israelís, a península de Sinaí entre Gaza e Exipto implicaba unha especie de corredor e fluxo de intercambio entre Hamas e a Irmandade Musulmá, así como entre diversos grupos islamitas e outros máis radicais e “yihadistas”, onde aparentemente existía un importante contrabando de armamentos.

Deste xeito, un réxime militarizado, neste caso en mans de al Sissi, “lexitimado” no terreo electoral contando co aval estadounidense, permitiría o fortalecemento do bloqueo en Gaza e un maior illamento cara Hamas, tal e como se evidencia coa decisión de O Cairo de pechar o corredor fronteirizo trala agresión militar israelí.

A “nova” xeopolítica israelí (2): Curdistán si, Palestina non

Paralelamente, outras variables de carácter colateral explicarían porqué Israel decide agredir militarmente Gaza. O caos suscitado pola expansión rexional do conflito sirio, particularmente ante a ofensiva cara Iraq por parte das milicias “yihadistas” do Exército Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), implicaron un efecto dominó de acontecementos, entre os que destacan a posible desintegración política e territorial entre Siria e Iraq, coas súas consecuencias xeopolíticas en canto á configuración de alianzas rexionais, particularmente ante a eventualidade de conformación dunha especie de “Califato” islamita e das pretensións separatistas de feito do Curdistán iraquí, neste caso contando con apoio israelí.

Neste sentido, compre destacar a marcada ambigüidade israelí no seu tratamento das problemáticas curda e palestina. Previo á ofensiva en Gaza, Netanyahu realizou unha inédita declaración pública apoiando a independencia curda toda vez Tel Aviv esfórzase por evitar calquera dereito similar aos palestinos, a pesar de que máis de 140 países membro da ONU recoñecen a independencia palestina.

A declaración de Netanyahu non ven senón a confirmar as revelacións esgrimidas nos derradeiros anos sobre a activa presenza israelí no Curdistán iraquí(1), cuxas expectativas igualmente se focalizan nos intereses enerxéticos israelís para configurarse como un actor chave dentro da nova ecuación enerxética entre o Mar Caspio e o Mediterráneo Sur(2). Non se debe esquecer que Tel Aviv tamén xoga as súas cartas no Cáucaso, particularmente tecendo unha alianza estratéxica cun socio enerxético como Acerbaixán, que motiva directas implicacións para Turquía, Rusia e Irán.

Nun exercicio de claro perfil xeopolítico, tomando en conta o caos actualmente existente entre Siria e Iraq trala súbita aparición do EIIL e que pode ter implicacións nas fronteiras israelís co Líbano e Xordania, Tel Aviv semella persuadido a propiciar unha alteración do equilibrio estratéxico en Oriente Medio a través da consecución dun novo aliado rexional, neste caso un eventual Estado curdo independente ao Norte de Iraq, que sirva de correa de presión contra Turquía e Irán, en particular para contrarrestar o apoio iraniano a Hamas e as críticas turcas cara a ofensiva israelí en Gaza.

Neste apartado, Tel Aviv estaría tecendo unha inédita e indirecta rede de intereses con Arabia Saudita (parcialmente ampliado no contexto doutras “petromonarquías” como Catar), como medida de contención á eventual irradiación do “yihadismo” do EIIL cara os dous únicos Estados árabes que recoñecen ao Estado de Israel: Xordania e Exipto.

Para Israel, este escenario suporía unha carga estratéxica moderadamente compensada pola imposición do réxime militar en Exipto e a represión cara os islamitas, cuxas repercusións fortalecerán o afogamento exterior contra Hamas e o illamento de Gaza. Esta perspectiva ben podería alentar a recuperación de plans xeopolíticos e estratéxicos concibidos con anterioridade, orientados a debilitar ao mundo árabe para garantir a integridade israelí(3).

A “nova” xeopolítica israelí (3): a “retirada” de Washington

Con todo, existe un factor que pode resultar incluso máis decisivo dentro dos actuais acontecementos entre Israel e Palestina: a aparente convicción do presidente estadounidense Barack Obama de progresivamente degradar a súa atención en Oriente Medio a favor do seu verdadeiro obxectivo: China e o equilibrio estratéxico en Asia-Pacífico.

Esta eventual “degradación” estadounidense en Oriente Medio non limitaría o seu apoio a Israel pero si deixaría a Tel Aviv ante unha complexa situación xeopolítica. Velaí que Israel calcule a ofensiva en Gaza como unha peza chave na configuración dun novo mapa de alianzas en Oriente Medio, estratexia na que contaría obviamente co decidido apoio de Washington.

No caso palestino, a única variable que podería modificar o actual status quo abertamente contrario aos seus intereses pode focalizarse no feito de que, por mor dunha inédita apertura estadounidense cara Teherán, o réxime iraniano teña a capacidade de premer a Washington para realizar unha aposta máis decidida para deter a agresión israelí en Palestina. Pero son escenarios e variables tan incertas como confusas. A única certeza concreta é que ofensiva israelí en Gaza só confirmaría que o futuro de Palestina non o deciden os propios palestinos.

 



(1) Cobran aquí incidencia a presunta continuidade de plans xeopolíticos establecidos no pasado, principalmente por parte de Israel, para propiciar unha “balcanización” de Oriente Medio, particularmente debilitando aos Estados árabes, a fin de preservar a integridade estatal e os intereses xeopolíticos de Israel. Neste sentido, son especialmente significativos o denominado “Plan Yinon” (1982), establecido en plena guerra do Líbano, e concibido polo xornalista israelí Oded Yinón, con notable influencia no Ministerio de Exteriores e nas altas esferas militares israelís. Este plan prefiguraba unha hipotética fragmentación territorial de Siria, Iraq e Líbano a tenor das rivalidades sectarias e relixiosas, a necesidade de “domesticar” un Exipto observado como minoritario socio estratéxico israelí, así como a presunta “inviabilidade” de Estados como Xordania, Libia ou Sudán. Para consultar o “Plan Yinon”, acceder ao enlace: http://cosmos.ucc.ie/cs1064/jabowen/IPSC/articles/article0005345.html. Igualmente, recoméndase consultar o artigo “Desmontando o ‘triángulo árabe”, IGADI, 22 de agosto de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/desmontando-o-triangulo-arabe

 


(2) Diversas informacións dan conta dunha prolongada relación estratéxica entre Israel e o Curdistán iraquí. A principal fonte de información foron as revelacións realizadas polo investigador estadounidense Seymour Martin Hersh, no xornal The New Yorker en 2006, na que trata a presunta cooperación militar e loxística israelí a favor dos “peshmergas” curdos e as milicias do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK en curdo), a fin de eventualmente configurar unha especia de “Estado tapón” curdo entre Siria e Iraq, fronteirizo con Turquía e Irán, potenciais rivais xeopolíticos israelís que veñen mantendo un visible achegamento nos derradeiros anos. Para consultar o artigo de Seymour M. Hersh, acceder ao enlace: http://www.newyorker.com/archive/2006/11/27/061127fa_fact?printable=true. Sobre as conexións entre Israel e o PKK, igualmente recoméndase consultar o artigo de ALI, Othman, “Possible Consecuences of Israel-PKK Union”, accesible en: http://www.todayszaman.com/news-257074-possible-consequences-of-pkk-israeli-unionby-othman-ali*.html. Desde 2003, pouco despois da caída do réxime de Hussein en Iraq, proliferaron os contactos entre o Curdistán iraquí e Israel, especialmente en materia de cooperación económica bilateral (principalmente agrícola), así como diversas fontes aseguran unha intensificación da presenza do servizo de intelixencia israelí, o Mossad, no Curdistán iraquí desde 2013. Para maior información, consultar: “El Mossad aumenta presencia en el Kurdistán iraquí”, HispanTV, 28 de febreiro de 2013. Ver en: http://hispantv.com/NewsPrint.aspx?id=215334

(3) Sobre os intereses enerxéticos israelís no Mediterráneo Sur, consultar o artigo:  “Nova xeopolítica no Mediterráneo Sur”, IGADI, 9 de maio de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/nova-xeopolitica-no-mediterraneo-sur