Finalmente Londres optou por salvar a Trimble. O Ministro para Irlanda, Peter Mandelson, tomou a decisión de recuperar o goberno do Ulster e suspender a autonomía que se tiña acordado no Tratado de Venres Santo. A decisión do goberno británico veu determinada por considerar que David Trimble é unha peza básica para acadar a paz. O gran prexudicado pola decisión é o Sinn Fein que cada vez vai ter máis difícil seguir convencendo aos republicanos da conveniencia de seguir apostando polo camiño cara a paz, aceptado en Stormont hai case dous anos.
Hai dous meses Trimble conseguira o apoio do seu partido, cun escaso 58%, para por en marcha o goberno autónomo con participación do Sinn Fein. Daquela o xa ex ministro principal comprometerase a dimitir no caso de que o IRA non entregase as armas antes do 12 de febreiro. Para evitar esta dimisión que obrigaría a Trimble a abandonar a dirección do UUP o goberno británico recuperou o poder sobre todos os asuntos do Ulster.
Cinco horas antes de se cumprir o prazo dado polo goberno de Londres, o IRA fixo chegar á Comisión Independente para o Desarme dirixida polo xeneral De Chastelain unha nova proposta, valorada positivamente por este organismo. Nela, o Exercito Republicano, amais de reafirmarse na súa aposta por unha saída pacifica ao conflicto e de buscar xeitos de evitar o "estado de crise perpetua" considera necesario abordar a cuestión da reducción das forzas británicas e do desarme das forzas lealistas. Os representantes (Padraic Wilson e Brian Keenan) do IRA comunicaron o marco no que iniciarían o proceso de por as armas fora de uso, asegurando unha máximo coñecemento público. O compromiso do IRA foi considerado como "unha perspectiva real dun acordo" no Informe da Comisión, dado a coñecer pouco despois de que se suspendese o goberno autónomo. Mandelson declarou que non o tiña lido.
A pesar dos seus múltiples esforzos Gerry Adams non foi quen de evitar a suspensión. El persoalmente e o seu partido, o Sinn Fein , son os grandes prexudicados pola decisión, xa que terán que duplicar os esforzos para seguir mantendo o apoio maioritario da comunidade católica aos acordos de Stormont. Para o SDLP de Hume, autentico arquitecto do proceso de paz dende hai anos, Londres cometeu un grave erro e os compromisos do IRA eran suficientes para evitar a suspensión.
O Exercito Republicano atópase tamén nunha difícil situación para evitar o abandono de parte dos seus membros que están a ser premidos polas fraccións militares esgazadas que tentan reagrupar aos militantes descontentos.
Por salvar a Trimble como líder do UUP, Londres ten provocado unha forte inestabilidade entre os republicanos que pode provocar atrasos nun proceso que ten que rematar con tres décadas de violencia. Mais a entrega das armas do IRA ten que ir acompañada de desmilitarización, desarme dos lealistas e a reforma da policía.
O peor da nova situación é a quebra da confianza entre os republicanos e o goberno de Londres que tanto lle custara conseguir a Mo Mowlan e que Mandelson acaba de estragar, ao tempo que o afastamento entre unionistas e republicanos é hoxe bastante máis grande que na pasada semana. Agardemos que se recupere de contado a confianza mínima necesaria para o dialogo e a restauración da autonomía se produza o antes posible.