200310angola luanda vista desde a fortaleza

A axenda exterior de Galicia

 Vista da cidade de Luanda desde a Fortaleza, clic para aumentar
Certo que Angola é un dos países máis pobres de África e, con seguridade, a cooperación ao desenvolvemento de Galicia ten moito que facer, en alianza, de selo caso, con partenaires, públicos e privados, de Portugal e doutros lugares. Pero tamén o seu petróleo, diamantes, ouro, uranio, e a paz, unidas a unha demografía en crecemento (estimase que nunha década pode pasar dos 15 aos 21 millóns de habitantes), dan conta das súas potencialidades. (Foto: Vista da cidade de Luanda, capital de Angola, en outurbro de 2003).
 

Máis alá de Europa e de América Latina, e mesmo da China anunciada polo presidente Touriño, na nova axenda exterior de Galicia non deben faltar os países africanos de expresión portuguesa. O noso veciño, José Sócrates, primeiro ministro portugués, entendeuno á perfeción e púxose mans á obra. A recente xira que ven de realizar a Angola, á fronte dun numeroso grupo de empresarios que representaban a terceira parte do PIB portugués, resultou todo un éxito. En Lisboa fálase dunha nova era nas relacións bilaterais que vai permitir a redución da delicada dependencia lusa respecto dos intercambios económicos coa UE, un problema que é tamén o de Galicia, con mercados exteriores pouco diversificados.

A seguir da desaparición de Savimbi (2002), a pacificación de Angola está permitindo ritmos de crecemento de dous díxitos. Despois de EEUU, Portugal é o seu segundo socio comercial, con boa implantación en sectores como a construción, os transportes, a construción naval, e as súas pequenas e medianas empresas están presentes nos servizos, na banca ou no comercio.

Certo que Angola é un dos países máis pobres de África e, con seguridade, a cooperación ao desenvolvemento de Galicia ten moito que facer, en alianza, de selo caso, con partenaires, públicos e privados, de Portugal e doutros lugares. Pero tamén o seu petróleo, diamantes, ouro, uranio, e a paz, unidas a unha demografía en crecemento (estimase que nunha década pode pasar dos 15 aos 21 millóns de habitantes), dan conta das súas potencialidades.

O impulso político que require a acción exterior de Galicia non debe desatender estes novos polos de emerxencia, aos que sería factible un achegamento singular tanto en razón da nosa proximidade lingüística, que non deberíamos desaproveitar por prexuízos absurdos e que tanto faría por valorizar máis a utilidade da nosa lingua, como tamén da nosa veciñanza con Portugal, con quen deberíamos concretar instrumentos específicos de cooperación, especialmente no Norte, para que a proxección exterior común puidera acreditarse como un ámbito de traballo conxunto. O noso, como o de Portugal, non é investir no petróleo (China vai en cabeza), pero si hai un espazo para participar na reconstrución do país e implantarse nel con boas perspectivas, como están a facer os grandes investidores internacionais. Contamos cunha vantaxe comparativa que non debíamos desaproveitar.