20080914 la paz philip goldberg

A “balcanización” de Bolivia

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Philip Goldberg; clic para aumentar
Para evidenciar as similitudes entre os escenarios boliviano e balcánico, non deixa de ser significativo que o actual embaixador estadounidense en La Paz, Philip Goldberg (na foto), no cargo dende outubro de 2006, fora anteriormente o representante da misión de Washington en Bosnia e Cosova.
 

O deterioro da situación política boliviana, tralos violentos enfrontamentos na rexión de Santa Cruz, ven a confirmar que o referendo celebrado en agosto pasado non só consolidou e lexitimou as posicións dos principais actores políticos senón que, ante a ausencia do urxente consenso político, a radicalización de determinados actores incrementa o risco de "balcanización" neste país andino.

O epicentro das protestas actuais está concentrado na rexión do Chaco, no sureste boliviano, rica en xacementos de gas natural. A plataforma opositora que actualmente goberna nos departamentos de Santa Cruz, Beni, Pando, Tarija e Chuquisaca, coloquialmente denominados a "Media Lúa", e que a semana pasada concentrou a súa posición na creación do Consello Nacional Democrático (CONALDE), semella absolutamente decidida a afondar un perigoso pulso político co presidente Evo Morales e o goberno central en La Paz.

Un Cosova nos Andes

Identificando as diferenzas e peculiaridades de cada caso, pode observarse no escenario boliviano unha reprodución da crise balcánica acaecida na década de 1990.

Existen diversas variables que definen unha posible "balcanización" en Bolivia, tales como unha marcada fractura étnica e política, así como a ausencia de consenso político en canto á gobernabilidade e á formulación dun proxecto de desenvolvemento económico nacional. Esta ausencia de consenso incrementa o nivel de polarización, con claro risco de posible desintegración territorial.

Incluso, este pulso manifesta determinadas connotacións de carácter étnico e racial, tomando en conta a persistencia entre diversos sectores opositores de defensores dunha ilusa "nación camba", tales como os simpatizantes do empresario Branko Marinkovic dentro do denominado Comité Cívico de Santa Cruz, que se confrontan co proxecto indixenista e autóctono defendido por Morales.

Neste sentido, as manifestacións con alto nivel de violencia e os cortes de carreteiras e de subministro petroleiro a países veciños como Brasil permiten outear unha estratexia de espallamento do conflito dentro dun carácter non só nacional senón incluso rexional.

Tras tres semanas de manifestacións nestes departamentos, que entraron nunha fase de violencia política esta semana, o presidente Morales veuse na necesidade de modificar o seu gabinete de goberno, coa designación de cinco novos ministros, entre eles no estratéxico ministerio de Hidrocarburos.

O delicado clima de tensión política persuadiu a diversos organismos da sociedade civil e á Igrexa católica a tentar mediar entre os actores en cuestión. Pero as perspectivas son incertas neste sentido. Tanto Morales como os prefectos opositores foron ampla e maioritariamente lexitimados no referendo de agosto pasado, o cal reforza as súas posicións e evidencia a aparentemente imparable polarización.

Non obstante, o presidente boliviano tendeu inmediatamente unha man de consenso que, tendo en conta o actual nivel de confrontación, os prefectos opositores non semellan estar dispostos a aceptar. Así, aumenta o risco dunha etapa de violencia política incontrolada no país.

O pulso do exterior

A actuación de actores externos é tamén moi marcada. A forte presión de EEUU cara o goberno de Morales sitúa, en gran medida, a favorable posición de Washington cara os prefectos opositores.

Para evidenciar as similitudes entre os escenarios boliviano e balcánico, non deixa de ser significativo que o actual embaixador estadounidense en La Paz, Philip Goldberg, no cargo dende outubro de 2006, fora anteriormente o representante da misión de Washington en Bosnia e Cosova que, en diversos períodos, realizou entre 1994 e 2006, conxuntura que levou ás independencias de Bosnia e Cosova do antigo Estado iugoslavo e do seu oficial sucesor, Serbia.

Polo contrario, o goberno venezolano de Hugo Chávez reafirma o seu total apoio a Morales, incluso intuíndo a posible perspectiva de cooperación militar. Brasil, principal socio enerxético boliviano, amosa unha posición oficial de apoio a Morales pero mide cautelosamente as consecuencias do conflito político interno nese país, precisamente porque os departamentos opositores a Morales son os depositarios da riqueza enerxética boliviana e fronteirizos con Brasil.

Todas estas variables afondan a perspectiva dunha posible "balcanización" boliviana e a aparente manifestación dunha arriscada modificación xeopolítica andina. Sen bases históricas con que definirse, un Santa Cruz independente alteraría o equilibrio estatal rexional, reproducindo casos similares como os que actualmente ocorren en Cosova, Osetia do Sur e Abxazia. Un problema que inclúe outros tantos factores de polarización como o indixenismo, a confrontación étnica e racial, a gobernabilidade e o pulso pola descentralización política e económica.

Será así posible unha reprodución en Bolivia das crises anteriormente establecidas en Cosova ou actualmente en Osetia? O manexo dos intereses e das variables existentes dentro e fóra do país andino permitirán considerar cal será a posición da comunidade internacional e cómo se afrontará unha crise similar dentro do marco andino.