A batalla de Grozni

Chechenia estase a converter no Afganistán da Rusia post-soviética e Grozni no seu particular Stalingrado. A superioridade militar rusa non é quen de someter aos guerrilleiros chechenos, ben conscientes de que a súa estratexia de guerra de guerrillas tampouco vai ser quen de facer recuar ás tropas rusas. Se nin uns nin outros son capaces de derrotar ao contrario só queda a posibilidade de abrir as negociación e chegar a un novo acordo que poña fin a unha guerra, só comprensible dende a óptica das estratexias electorais moscovitas. Tras o anuncio de retirada parcial e temporal das tropas rusas de Grozni feito polo mando do exercito da fronte oriental, as tropas chechenas iniciaron unha contraofensiva segundo se informa a República de Chechenia.

O coronel Putin contaba con entrar en Grozni antes do 19 de decembro, data das lexislativas, e así asegurar o éxito da coalición electoral impulsada dende o Kremlin. Non puido ser, a feroz resistencia chechena non o permitiu, mais o resultado electoral foi favorábel aos intereses do primeiro ministro. A ofensiva terrestre sobre Grozni lanzouse con todas as forzas o 24 de decembro, en plena euforia postelectoral e contra a opinión do xeneral Anatoli Kvashnin, ex comandante en xefe de forzas no Cáucaso Norte e actual xefe do Estado Maior. Putin tiña présa, quería celebrar o ano novo e o flamante posto de presidente interino entrando en Grozni, e ordenou o ataque terrestre. O xefe de goberno e presidente en funcións e os seus uniformados conselleiros fracasaron e decidiron tomar un respiro para reformularse a situación.

As razóns dadas para xustificar a retirada non semellan moi cribles: evitar un desastre ecolóxico, as baixas civís e deixar descansar aos soldados nas datas do nadal e do fin do Ramadán; moito menos cando foi seguida dunha contraofensiva chechena que lle permitiu recuperar o control sobre algunhas cidades ao oeste da capital. Máis ben obedece á imposibilidade de rematar sen moitas baixas a toma da cidade e á necesidade de estudiar en detalle a estratexia militar que mellor conveña cara as presidenciais do 26 de marzo.

Putin estase a quedar sen alternativas. A que intentou, tomar Grozni e deixar Chechenia en mans dun goberno títere, semella pouco realista e moito menos agora. Lanzar unha nova e masiva ofensiva terrestre supón un risco excesivo que podería rematar noutra humillación e limitar as súas elevadas expectativas nas presidenciais. Só lle queda aceptar a estratexia de Kvashnin, o xeneral que se apoderou do aeroporto de Prístina ante os fociños dos mandos da OTAN e de que tomou o modelo: paciencia, medios, concentrar tropas e sobre todo bombardeos masivos que provoquen o desgaste de inimigo e eviten as perdas entre os seus. Putin semella ter escollido esta opción; sacou o "puño de ferro" para destituír aos responsábeis do ataque terrestre fracasado, os vicecomandantes das frontes oriental e occidental, xenerais Tróshev e Shamanov respectivamente e disponse a gañar tempo, reducir riscos e mesmo tentar algunha manobra que lle permita unha solución política similar á negociada por Alexander Liébed e Aslán Maskhádov en 1996. A última alternativa, un ataque con armas de destrucción masiva sería dificilmente admisíbel polo resto do mundo por moi férrea que sexa a censura informativa coma a que nestes momentos impide facer calquera tipo de cálculo sobre baixas, desprazados, civís que permanecen en Grozni ou tropas dun e outro exercito.

Coa actual guerra Rusia quere demostrar a Occidente e aos seus cidadáns que segue a ser unha gran potencia. A estratexia que elevou a Putin ao cumio do poder, pode converterse nunha trampa da que lle sexa difícil saír ao candidato con máis posibilidades nas próximas presidenciais. Para miles de civís, soldados chechenos e rusos a trampa xa se ten transformado en tumba.